.....::    fonte.es     2017-08-08
 




Un só verme en cada mazá


Miña veciña sempre di que "as mazás con bicho levarante ao nicho!" Non sei se vai con segundas, se cadra si. A experiencia de probar mazás domésticas durante moitos anos permíteme asegurar que as do verme non saben a nada, impresión que empeora se atopas medio bicho accidentado despois de morder unha.

Fai pouco tempo que me enterei de que ese animaliño ven sendo a larva dunha avelaíña nocturna, chamada Cydia pomonella, que ten o mal costume de poñer a cría nas maceiras cando as noites empezan a caer mornas. Fai, fora a alma, como a xente que agarda pola calor para facer romarías.  Imaxino unha bolboreta, nunha noite calurosa do mes de xullo, pousando o seu peludo cu nunha mazá aínda verde e deixando alí os seus ovos...

 

Ata aquí parece que a historia non dá máis de sí. A couza aliméntanse mentras viaxa pola mazá ata aloxarse no carozo. A froita picada caerá sen madurar e o bicho terá a barriga chea por unha tempada. Cando medre o suficiente enterrarase no chan en forma de crisálide para pasar o inverno.

 

Pois aí vai a pregunta: a que nunca vistes unha mazá con dous bichos?

 

Couza vingativa

 

Xa sei que a cuestión dá lugar a respostas creativas. Algúns imaxinarán que hai dous bichos na mazá... cando alguén lle dá un mordisco a unha froita picada (ou sexa, un bicho por fóra e outro por dentro). Outros, máis informados, diranche que pode haber dous bichos a un tempo... se a couza está infestada de trichogramma, a larva dunha avespa que parasita cydias.

 

Pois nada. Eu tamén fixen as miñas hipóteses sobre este asunto tan particular despois de darlle unhas cantas voltiñas. A ver que tal.

 

A primeira vista parece que cada insecto só pon un ovo en cada mazá. Pero outra bolboreta tamén podería poñer un ovo na mesma mazá e así sucesivamente. Se isto fose certo poderían medrar varias couzas na mesma froita... a non ser que fosen caníbales e unha delas devorase ás outras. Unha dificultade engadida, e se varias avelaíñas poñen os seus ovos en lugares diferentes da mazá? Con este sistema a primeira larva que saíse tería que percorrer toda a froita para atopar aos seus rivais e matalos. Iría comendo aos poucos a superficie da mazá mentres viaxa por ela na procura dos seus conxéneres... para exterminalos... 

 

Non creo que estes insectos sexan tan violentos nin tan parvos. Máis ben creo que as cydias fan coma outros animais que marcan o seu territorio. Usan as feromonas para deixar unha pegada química en cada mazá que ocupan. É un cheiro que indica a outras femias que deben largarse. A pregunta que me ven ao maxín agora é a seguinte, cal é o motivo que fai tan repulsivo este cheiro para as cydias?  Fan coma os cans ou as mofetas? O habitual nestes insectos é que as feromonas funcionen como atraente sexual. De feito empréganse para controlar a proliferanción da especie. As codlemonas actúan de xeito parecido aos reclamos odoríferos ou pictográficos noutras especies superiores. Atraen aos machos e confúndenos para que non vaian tralas femias. 

 

Se a hipótese das feromonas repulsivas fose certa, teriámolo moi doado para tratar as mazás contra esta praga. Abondaría con dispersar unha dose axeitada do repelente polas maceiras no canto de insecticidas. Creo que sería unha solución bastante ecolóxica. Algo lin de que hai xente que pulveriza caolín sobre as maceiras para conseguir un efecto parecido. O malo destes tratamentos é que se van coa auga.

 

En breve farei un par de experimentos para comprobar se estas ideas son correctas. Primeiro abrirei unhas cantas mazás picadas do bicho e quitareilles o inquilino. Meterei todos os vermes nunha caixiña cunha sóa mazá dentro para saber se a invaden ou se pelexan entre eles ao estilo de "Los Inmortales"

 

Despois farei unha segunda proba: xuntarei unha boa presa de vermes e machacareinos. Disolverei o picadillo en auga e filtrareino convenientemente. Despois rociarei unha maceira con este preparado a ver se escorrento ás bolboretas e aos seus vermes por unha boa tempada. Xa vos contarei. De momento déixovos unha imaxe da couza de cydia imitando a Spiderman.

 

Couza facendo de Spiderman