.....::
fonte.es
2017-01-24
|
|||||||||
Últimas manchas solares do ciclo 24Os días 22 e 23 de xaneiro o Sol estivo un pouco máis activo que de costume. Polo seu hemisferio norte están pasando media dúcia de manchas solares bastante activas. Collendo un telescopio (o simplemente uns bons binóculos), pódense observar estas manchas. Son zonas un pouco máis frías que a superficie, de temperatura superior a 6000 ºC. Realmente, cada parella de manchas son os polos norte e sur de imáns xigantes que teñen varias veces o tamaño da Terra.
Así se vían reflectidas na parede da sala de observación as devanditas manchas despois de atenuar a luz ambiental. Había dúas parellas de manchas solares ben definidas. Cómpre dicir que a imaxe da parede sae invertida despois de que a luz solar atravese o sistema de espellos e lentes do telescopio.
Aquí poden verse dous puntiños escuros no disco solar xunto co telescopio reflector en primeiro plano. Das manchas solares saen enormes correntes de plasma a millóns de graos de temperatura. As partículas arrastradas polo campo magnético forman arcos espectaculares. Algunhas veces estes campos retórcense tanto que rompen e liberan a enerxía acumulada en forma de chamaradas.
Cando unha chamarada destas sae en dirección á Terra altera o escudo magnético do planeta, que ve reducida a súa defensa. Habitualmente as partículas cargadas que saen acotío do Sol (sobre todo protóns e electróns) chegan á Terra e impactan coa atmosfera dos polos, entre os 50 e os 100 km de altura, producindo a aurora boreal. Cando se produce unha chamarada solar en dirección á Terra, o fenómeno da aurora intensifícase de tal xeito que mesmo a poderiamos ver nas nosas galaicas latitudes. Esto mismo sucedeu os días 25 e 26 de xaneiro de 1938, feito constatado polo célebre astrónomo Ramón María Aller Ulloa (https://www.gciencia.com/historias-gc/as-auroras-boreais-sobre-galicia).
Neste vídeo podemos ver un intenso soprido de plasma solar procedente da coroa que aconteceu nos primeiros días de xaneiro.
Deixo un par de enlaces para que os curiosos poidan consultar o clima solar en calquera intre:
https://www.swpc.noaa.gov/communities/electric-power-community-dashboard |