|
O centro de Galicia
Non sei se é importante ter embigo... mais cómpre localizalo... Cómpre saber onde está para visitalo de cando en vez e mantelo limpo (de todos é coñecida a capacidade de captación de lixo que ten este privilexiado lugar). O mesmo sucede co noso centro xeográfico: Onde está? Está ben acondicionado? Hai un só "centro"? Quizais sexa un lugar especial...
O domingo pasado busquei ociosamente o centro de Galicia, primeiro en Internet e despois en coche. Na rede non atopei máis que "falsos" centros. Como tiña que ir ata a aldea, fixen que me cadrara de parar en Antas de Ulla, na ruta entre Lugo e Agolada. Preguntei no bar "Plaza" a ver se sabían algo. Respondéronme afirmativamente: o punto que buscaba estaba a tres kilómetros, pola estrada que vai a Rodeiro, nunha aldea que se chama Nugallás. Cara alí collín e, unha vez no sitio, pregunteille a un veciño se sabía onde estaba o centro de Galicia. Con seguridade absoluta respondeume que estaba ao pasar unha curva cerrada que hai á saída da aldea, indo cara Rodeiro, e que había unha inscrición no chan. Cheguei ata a curva e púxenme a buscar. Non atopei nada. Alí so chamaba a atención un vello caseto de ladrillo no medio dunha carballeira (vai ti saber para que era), e restos de lixo na cuneta. Vin que se achegaba un tractor e apartei. Non daba creto: nel viña pilotando Xabier, meu amigo e compañeiro... co seu pai. Aceneille a parou. El tampouco me facía alí... Expliqueille que estaba buscando o centro de Galicia e riuse. Entre intrigado e incrédulo, cuestionou que un polígono irregular poidese ter un centro, e inquiriume unha resposta razonada. Naquel momento non era doado responder polo que lle dixen que xa falariamos. Velaquí vai a resposta, Xabier.
Do mesmo xeito que se mide a lonxitude dun río, se determina a distancia a unha estrela ou se marca o polo norte, tamén se pode calcular o centro dunha rexión ou país (segundo se mire). Existen varios métodos para facelo e non conducen aos mesmos resultados. Por iso non se pode falar dun único centro, antes ben de varios centros, que terán maior ou menor relevancia segundo o refinamento técnico empregado para calculalos. Imos ver cómo se pode obter o "centro" de Galicia de varios xeitos. Despois cada un que xulgue cal é o mellor.
O primeiro é determinar claramente o concepto de centro xeográfico. Poderiamos dicir que a superficie da Terra non é plana xa que está chea de montañas e vales. Certamente é un volume polo que o seu centro non estaría na superficie, senón nun lugar do eixo de rotación de masas dun sector esférico que... árdelle o eixo! Isto non é razonable nin útil.
Pensemos na alternativa dun mapa. Un mapa é nunha proxección da superficie do planeta sobre un plano. O mapa "aplana" o relevo para simplificar as posicións dos elementos que o integran. Un mapa é unha representación bidimensional dun obxecto 3D que permite localizar e medir na superficie de xeito comparado. Facer un mapa de Galicia é algo así como sacar unha foto de satélite coa cámara apuntando sobre o centro de Galicia superposto ao centro da Terra. Pero onde está ese hipotético centro?
A PRIMEIRA forma de atopalo sería pensar nun rectángulo (o marco dunha foto) que encerre exactamente a superficie de Galicia. Os lados do rectángulo serían paralelos ás proxeccións dos meridianos e paralelos que usamos como referencia xeográfica habitualmente. Deste xeito Galicia estaría situada entre os seguintes estremos xeográficos:
Norte 43,789878º N, -7,688112º W; Estaca de Bares (A Coruña) Sur 41,807476º N, -7,427620º W; Feces de Abaixo (Verín, Ourense) Este 42,359061º N, -6,733940º W; Estación Invernal de Trevinca (Ourense) Oeste 42,922198º N, -9,297697º W; Cabo da Nave (Fisterra, A Coruña).
Estes catro puntos cardinales galegos sorprenden polo encanto que os rodea e pola beleza natural que os circunscribe. Non cabe dúbida que a Nosa Terra é meiga!
Trazando as diagonais do rectángulo delimitado por estas marcas obteriamos o centro de Galicia nun picoto na aldea de Borraxeiros, no concello de Agolada (Pontevedra), moi preto do Pazo da Torre, pertencente aos señores de Borraxeiros. Tamén se poden calcular as coordenadas deste lugar facendo a media de latitude e media de lonxitude dos puntos estremos de Galicia, tal e como a continuación se indica:
Latitude media = (43,789878 + 41,807476)/2 = 42,798677º N Lonxitude media = (-6,733940 -9,297697)/2 = -8,015818º W
Unha obxección que podemos presentar a este método é a seguinte: un país coma Estados Unidos que ten territorios disconexos, como Alaska ou Hawai, vería o seu centro moi desprazado da parte máis considerable do país. Este método dá máis importancia a zonas pequenas e lonxanas que ao groso do territorio. O mesmo lle pasaría a España se considerasemos as illas Canarias e as Baleares como estremos para facer un mapa: veríase moito mar e pouca terra. De feito, nos mapas de España e EEUU aparecen os territorios máis alonxados en recadros especiais que ocupan zonas oceánicas que non importan. Iso non quere dicir que esas zonas non conten á hora de achar o centro xeográfico senón que debemos relativizar o seu peso específico no conxunto do mapa. A cuestión é cómo lograr esto.
A SEGUNDA forma de calcular o centro de Galicia corrixe a dificultade anteriormente citada. Consiste en dividir o territorio en cuadrículas (píxeles), tan pequenos como se queira. No caso que amosamos de exemplo, dividimos Galicia mediante unha grella de 15 cadros de ancho por 16 cadros de alto. Agora anotamos en cada cadriño a proporción de terra que contén. Se un cadro é do interior terá un 100% de terra e asignarémoslle o valor 1; se o cadro é de costa o valor oscilará entre 0,1 e 0,9. Se o cadro só ten mar valerá 0.
Agora calcularemos por filas a media ponderada da terra que hai. Para conseguir esto facemos a suma dos produtos da porcentaxe de terra polo valor representativo de cada cuadrícula. O número que caracteriza a posición de cada cadriño é o seu valor central, por xemplo, no cadro 1º será 1,5; no 2º será 2,5; etc . Por último, dividimos a suma dos produtos entre a suma das porcentaxes de terra. O resultado será un número que reflicte cal é o centro da fila en canto á masa de terra que contén e a súa distribución. Imos poñer polo claro estas ideas calculando a primeira fila, por exemplo.
0,3 de superficie x 8,5 de posición + 0,5 de superficie x 9,5 de posición + 0,5 de superficie x 10,5 de posición + 0,3 de superficie x 11,5 de posición = 16 unidades de superficie x posición
0,3+0,5+0,5+0,3 = 1,6 de superficie total da fila.
16/1,6 = 10 unidades de posición media na fila de cadros
Procedendo igual coas 16 filas, obteremos 16 puntos centrais que permiten aproximar un valor medio común para a lonxitude do centro de Galicia. O valor que obtivemos foi 9,16. É dicir, que a posición media vertical é de 9,16 unidades. O centro de Galicia está nalgunha casilla central da columna 9, a 16 centésimas do seu comezo.
Coas columnas facemos igual que coas filas. Calculamos a media ponderada de cada columna para obter o medio dela. Facemos unha compilación dos 15 resultados e promediámolos para obter a coordenada de latitude do centro de Galicia. Incluso, para obter máis precisión, conviría facer unha regresión lineal en lugar do promedio, pero non nos imos complicar tanto. O valor obtido para a posición media horizontal foi de 9,29 unidades.
Tendo en conta estas dúas medidas, podemos situar o centro de Galicia nunha zona do sur do concello lucense de Antas de Ulla, na parroquia de San Fiz de Amarante, tal vez preto da aldea de Nugallás, cunha precisión moi mediocre dun kilómetro. Cun cálculo máis fino, feito con cadriños máis pequenos, poderíase precisar moito máis. Ensinamos algunhas fotos do lugar.
A TERCEIRA posibilidade para determinar o centro de Galicia é axudándonos dun boneco bidente iluminado que sosteña un lapis... Este personaxe permitirá manter en equilibrio un mapa recortado de Galicia. Abonda con recortar con moita precisión o mapa e, despois, pousar o centro sobre a punta do lapiseiro. Xeometricamente este centro chámase baricentro e coincide co mesmo punto que se obtivo co método da cuadrícula, a parroquia de San Fiz de Amarante. Para min foi o método máis sinxelo e "equilibrado".
Existen máis posibilidades. A continuación vos propoño algunhas para que valoredes se son convincentes ou non.
CENTRO DUN OCTÓGONO CIRCUNSCRITO (Centro en Antas de Ulla, pola zona de Castro de Amarante - Lugo)
CENTRO DUNHA CIRCUNFERENCIA CIRCUNSCRITA, VERSIÓN A (Centro ao sur de Agolada - Pontevedra)
CENTRO DUNHA CIRCUNFERENCIA CIRCUNSCRITA, VERSIÓN B (Centro ao sur de Agolada - Pontevedra)
CENTRO ATOPADO MEDIANTE ESCALAS REDUTORAS (Resultado semellante ao calculado en primeiro lugar co recadro rectangular, onde o centro saía en Borraxeiros, Agolada - Pontevedra)
CENTRO ATOPADO MEDIANTE UN PUZZLE (Resultado semellante ao calculado en primeiro lugar co recadro rectangular, onde o centro saía en Borraxeiros, Agolada - Pontevedra)
Conclusión: creo que hai empate técnico entre Antas de Ulla (Lugo) e Agolada (Pontevedra). Tal vez se poida arranxar dito empate dicindo que o CENTRO de Galicia está preto de Nugallás, en Antas de Ulla, e que o MEDIO de Galicia está en Borraxeiros, Agolada.
|
|