.....::
fonte.es
2017-06-21
|
||||
Un problema puntualArde Portugal. O lume esténdese incontrolado a pesar dos medios, dos efectivos e das normas anti-incendios. Van 64 mortos e preto de 200 feridos. Aldeas queimadas, montes arrasados... un auténtico inferno!
A Galicia chegounos só algo de fume, o cheiro a chamusco das "barbas" do veciño que vemos pelar. Temos unha situación forestal semellante á portuguesa: unha polvoreira de piñeiros e eucaliptos que está agardando pola chispa do atentado, da neglixencia ou do infortunio que inicie unha descontrolada combustión. Ao neoclima seco que se instalou sobre o noso país engádese un factor extra de risco por abandono das propiedades. Sobra maleza, e falta de control. A miseria humana é a causante de tanta desfeita.
De miseria hai dúas clases: a material e a moral. Abonda ver un mapa dos incendios que hai repartidos polo mundo un día calquera para decatarse. Por iso, non é de estrañar, que se fale de inferno cando a pobreza impera. O lume humano arrasa extensas rexións eternamente pobres de África, América, Asia, India, Australia...Europa. Algúns primates (primates haplorrinos humanos), non se dan conta de que o tubo de escape está metido cara dentro do seu coche...
Cómo se detectan os lumes?
Cómpre dicir que a imaxe superior está sacada do satélite Suomi NPP, operado polas compañías NASA e NOAA. O satélite ten un sensor de luz infravermella chamado Viirs que recolle datos da radiación de albedo reflectida pola superficie terrestre. A súa órbita polar de baixa altitude permite facer un varrido completo por meridianos da superficie da Terra. Con isto podemos saber cantos focos de lume de tamaño superior a unha hectárea están activos ao día. Por cada célula do sensor que se activa, no mapa aparecerá un sinal de localización. A máis sinais, máis extenso será o incendio. Nun día calquera hai entre 500 e 1000 incendios no mundo. En extensión calcúlase que arden diariamente unhas 10.000 hectáreas de terreo. Isto significa que ao cabo do ano poden queimarse no mundo arredor de 3,5 millóns de hectáreas ou 35.000 km2, unha extensión máis grande que Galicia. Imaxinádesvos semellante disparate, que outro tanto como a superficie de Suíza desapareza queimada, nun so ano!
Curiosamente fai agora 30 e 20 anos que ocorreron os dous incendios máis grandes da historia, o Black Dragón de China, en 1987, que queimou 70.000 km2, e a catástrofe de Indonesia de 1997, onde arderon 80.000 km2. Incrible! Case tanto coma toda Andalucía!
Enlace á páxina web da NASA onde se pode consultar un mapa cos incendios detectados ata hoxe: (Tamén podes acceder pinchando co punteiro do rato sobre a imaxe inferior)
(Tamén podes acceder pinchando co punteiro do rato sobre a imaxe inferior)
Dirección da NASA onde se poden ver animacións dos incendios na Terra durante varios anos.
Páxina onde podes atopar vídeos coma o de abaixo dos lugares onde hai máis incendios sobre a Terra.
Qué pasa nestas zonas do mundo onde hai centos de puntos brilantes?
Unha vez entendido o sistema de localización de lumes hai que descartar algúns falsos positivos, aqueles puntos de calor naturais e industriais que non son incendios. Por exemplo, en Galicia aparecen falsos sinais de lume en Alúmina de A Coruña, en Carburos de Dumbría e ocasionalmente nas térmicas de Meirama e As Pontes. Despois de descartar estes sinais quedan os auténticos. Pois veredes que no 90% de casos os incendios no mundo son provocados. Hai dous motivos esenciais: a limpeza descontrolada de restroballos e a deforestación intencionada co propósito de transformar o bosque en cultivos. Tanto pequenos agricultores como grandes empresas madeireiras operan deste xeito en medio mundo. Queimar selva ou sabana convértese nunha actividade frecuente, nun ritual.
No mundo desenvolvido tamén arde o monte por motivos antrópicos pero de diversa índole. Aquí xogan con fogo personaxes interesados en "limpar" o monte dun xeito "económico" para beneficio do seu peto. Outros queiman por vinganza cara os veciños aos que lles teñen incha. Tamén se practica a vinganza cara a administración pública por protexer zonas e restrinxir os usos forestais que se permiten, algo que incomoda a algúns propietarios. Tamén podemos incluír nesta lista de factores as neglixencias de prender lume por descoido, por tirar cabichas, por facer grelladas, etc.
Podemos incluír nesta lista outros factores que poderiamos chamar "políticos". Os máis importantes son dous: unha lexislación deficitaria e unha administración laxa. Con leis explícitas e contundentes que non permitan plantar calquera cousa en calquera lugar e que esixan a limpeza do plantado, a xente tomará en serio o coidado do monte. Axentes especializados deberían vixiar o cumprimento da lei e denunciar e sancionar os casos de flagrante violación. Por outra banda, as administracións deberían estar dotadas de efectivos e medios suficientes para a extinción rápida en épocas de especial risco. Denunciado un conato, o primeiro operativo anti-incendios non debería tardar máis de 10 minutos en chegar ata o foco. Ben sabido é que canto máis tempo pasa, máis incontrolable é o lume.
Compre tamén combater esa linguaxe ambigua dos que agochan o po embaixo do felpudo. Vivimos en tempos de perífrases, eufemismos, neoloxismos e outros recursos idiomáticos que dende as esferas de poder se salpican contra ollos da xente para provocar miopía colectiva. Os portavoces e os tecnócratas matizan, alixeiran, camuflan ou redefinen conceptos que doutro xeito poderían ferir sensibilidades e crear malestar. Sirva de exemplo o fenómeno que desde hai tempo coñecemos como "cambio climático". Debería chamarse "clima sintético". Sintético de artificial, de adulterado, de colateral. Pero mellor será non poñerlle un nome tan realista... Por qué prexudicar á industria ao transporte ou ás multinacionais? Para qué recoñecer unha realidade se aquela esixe cambios no estilo de vida e sacrificios? Non vivimos máis felices sabendo menos? Non estamos máis cómodos dependendo do petróleo?
Onte mesmo fun testemuña dunha destas "trasnadas lingüísticas". Escoitei como un político dunha rexión do sur de Europa increpaba a un xornalista polo xeito que tivo de formularlle a pregunta. O contrariado reporteiro ousou preguntarlle ao destacado interlocutor sobre unha cuestión que afectaba a "moita xente". A saída política (que non resposta) foi que aquela pregunta estaba mal formulada, que era falso que afectara a moitos veciños, que era "un problema puntual". Por descontado que non falou da orixe do problema nin de medidas paliativas... O problema era o xornalista e a súa deficiente expresión!
Entendo que se trata do clásico problema de cuantificación de unidades, de contar árbores en troques de ver un bosque. Se o problema se cualifica como "puntual" aparece minimizado, afecta só a unha parte ínfima do conxunto. Doutro xeito o problema é colectivo e representa maior gravidade. Efectivamente, no capítulo primeiro da guía do político "mañoso" explícase cómo minimizar os problemas ante a opinión pública e cómo alixeirar as responsabilidades propias.
Os que consideran os incendios como problemas puntuais son uns pirómanos da moralidade. Os que desvían responsabilidades falando de problemas puntuais non deberían dedicarse á política.
Enlace aos incendios máis importantes da historia.
A traxedia ambiental por lume máis importante de España foi o lume de 2004 nas Minas de Riotinto (Huelva), onde faleceron dúas persoas. Entón arderon 29.867 hectáreas de superficie forestal (case 300 km2). Hai que remontarse a 1994 para atopar outros focos da mesma virulencia. En xullo de 1994 producíronse oito grandes incendios forestais: en Villarluego (entre Teruel e Castelló) arderon máis de 28.000 hectáreas; en Moratalla (Murcia-Albacete), 25.579 hectáreas; en Milleiros (Valencia), 25.430; en Requena, outras 24.000 e en Espadilla (Castelló) 19.309 hectáreas, e en Fontanars dels Aforins (Valencia) queimáronse outras 18.417 hectáreas. En 1998 foi notable o incendio de Aguilar de Segarra (en Barcelona) onde arderon 12.500 hectáreas. En 2005 foron arrasadas en España 179.800 hectáreas de bosque, debido especialmente ao incendio rexistrado na provincia de Guadalaxara, un dos incendios máis devastadores e con consecuencias máis tráxicas para os encargados das labores de extinción xa que pereceron 11 traballadores en Ribas de Saelices (Guadalaxara) onde arderon 12.732 hectáreas, nun lume provocado por unha grellada e que se prolongou desde o 16 ao 21 de xullo. En 2006 a terra arrasada chegou a un total de 148.000 hectáreas. Galicia supuxo o 70% das zonas devastadas polo lume cun total de 55 incendios. O máis grave deste ano rexistrouse en Cañaveral (Cáceres) con case 2.000 hectáreas. O ano 2009 foi especialmente tráxico, xa que ademais das 119.891 hectáreas queimadas, 12.032 delas na provincia de Zaragoza, morreron cinco bombeiros nun sinistro cuxo orixe pareceu foi unha neglixencia.
Dúas táboas de datos dos incendios en España en 2016.
Incendios no noroeste peninsular en Abril de 2017.
Gráfico da superficie queimada en Galicia nos últimos 30 anos.
Respecto a Galicia, só o lume de Cerdedo, en 2006, que arrasou 7.316 hectáreas, supera ao de Cualedro que queimou 3500 Ha, tantas coma o resto das ardidas en Galicia en 2014. En todo o ano 2006 queimáronse en Galicia 21.000 hectáreas. Son moitas pero non foi o peor ano. Habería que remontarse ata 1989, con 200.000 hectáreas queimadas, e 2006, con 90.000 hectáreas.
Incendios máis grandes en Galicia dos que hai rexistro. Os incendios en Galicia supoñen a terceira parte dos que se producen en España. En número son a metade. Cada galego en idade laboral contribúe cuns 140 euros anuais á extinción dos incendios. |