.....::    fonte.es     2018-03-29
 




As orixes da gripe



Un século despois de que a "Gran Gripe" de 1918 -ou Gripe Española- causase estragos na poboación mundial, especialistas en enfermidades contaxiosas aínda temen pola aparición de andazos virais que non poidan ser capaces de controlar, incluíndo variedades extremas de gripe.

 

Non só as bacterias están a se facer máis perniciosas por culpa do abuso dos antibióticos, tamén algunhas enfermidades víricas son cada vez máis frecuentes, tal como sucede co sarampelo, que cuadriplicou o número de afectados en España en 2017.



gripe

Abonda con mirar por riba a historia das epidemias para saber que houbo andazos terriblemente mortais. A "Gripe española" ou “Gran gripe” golpeou á humanidade en 1918, provocando miles de falecidos nunha soa semana. Durante o ano en que se estendeu polo mundo estímase que morreron por este mal entre 50 e 100 millóns de persoas. Fálase de estimacións porque neses intres acontecía a Primeira Guerra Mundial e moitas mortes non se sabe con certeza a qué se deberon. Tampouco as autoridades de saúde pública daquela época nin os investigadores médicos entenderon cal era o virus que causara a mortífera pandemia. A maioría deles mesmo non sabían o que era un virus.



Un século máis tarde, a morte por infeccións é moito menos común grazas aos esforzos en mellorar a saúde pública, as vacinas, a tecnoloxía médica, e mesmo a hixiene alimentaria. Moitas das enfermidades comúns fai 100 anos agora son raras e algunhas incluso están erradicadas como sucede coa varíola. Mesmo así, 100 anos máis tarde, especialistas en enfermidades contaxiosas aínda temen a aparición de enfermidades virais que non sexan capaces de controlar, incluíndo a gripe.

gripe


Laboratorios de todo o mundo e especialmente National Museum of Health and Medicine (USA), están traballando para entender como e por que os virus da gripe mutan cada ano e poden infectar ás persoas unha e outra vez. As investigacións actuais céntranse máis aló dos hospitais e dos laboratorios de cultivos. A clave parece estar no mundo salvaxe onde os virus persisten en poboacións animais que os técnicos chaman reservorios. Cada ser patóxeno debémolo entender dun xeito dinámico, en interacción co medio ambiente, onde mantén un equilibrio cos seus anfitrións. Para entender estas euritmias necesítanse máis investigadores que analicen o que está sucedendo entre virus e animais e entre patóxenos e ecosistemas. Urxe estar mellor preparados para avaliar, predicir e responder axeitadamente aos andazos. Debemos estar alerta ante infeccións que poidan desbordar a capacidade médica actual.



Até ben entrada a década do 1930, pensábase equivocadamente que a "gripe española" era unha infección causada pola bacteria "Haemophilus influenzae" ou "bacilo de Pfeiffer". Este patóxeno é xeralmente inocuo pero ás veces actúa en concomitancia con outros para producir pneumonía ou meninxite. É unha bacteria oportunista que contribúe a agravar outras enfermidades que doutro xeito non serían máis que simples infeccións secundarias.


Os investigadores identificaron aos virus por primeira vez na década de 1930. O primeiro en ser identificado foi o virus do mosaico do tabaco a raíz da invención do microscopio electrónico en 1931.


Descubrir o virus da gripe levou moito tempo, en primeiro lugar polo seu reducido tamaño e, en segundo, pola inxenuidade dos médicos en establecer relacións entre animais, ambiente e enfermidade humana. En 1918, o veterinario J.S. Koen describiu unha enfermidade moi similar á gripe en porcos. En 1931 o investigador Richard Shope identificou un  axente infiltrable, máis pequeno que bacterias que si son filtrables, como causante da enfermidade dos porcos e demostrou a transmisión do virus de gripe (virus H1N1, o da gripe porcina). Aquel traballo esporeou a descrición do virus de gripe humana en 1933. As ferramentas de bioloxía molecular, incluíndo a secuenciación do ADN, desenvolvidas no último cuarto do século XX, finalmente axudaron a descubrir as orixes da pandemia de 1918. En 2005, por unha combinación de xenomas virais, Jeffrey Taubenberger e un equipo de investigadores, obtiveron a secuencia xenética do virus da gripe española. Para elo utilizaron mostras recollidas en cadáveres de soldados e outros corpos conservados no xeo do permafrost ártico. Deste xeito puideron relacionar as orixes e a evolución da pandemia de 1918 cos virus que circulan entre os animais, particularmente aves e porcos. A pregunta que xorde inmediatamente é que fariamos hoxe se volvese a aparecer un virus tan agresivo para o que aínda non hai vacina?

gripe


A idea de descifrar o código xenético é dos anos 70 do século pasado. Unha equipa de científicos, inspirados polo traballo de virólogo Rouba Webster, decatouse de que os virus da gripe están diseminados polo medio ambiente, particularmente nas fervenzas!. Nos paxaros e posiblemente noutros animais, os virus da gripe son capaces de replicarse, recombinarse e mutar para finalmente transmitirse a anfitrións novos sen causar doenzas severas. En raras ocasións, dadas as circunstancias axeitadas, este anfitrión novo é unha especie diferente. Este ciclo, común en moitos patóxenos, é unha parte importante de como o virus é mantido en natureza e explica o xeito en que os animais poden ser un almacén de novos virus da gripe humana.  A maioría de virus destrúense ao contacto co aire. Pero algúns virus poden durar varios días en condicións favorables. Tamén poden vivir por meses ou anos en lugares onde a temperatura está por baixo do punto de conxelación (por iso se puido recuperar o virus da gripe española de fai 100 anos).



Médicos, veterinarios, biólogos e outros investigadores medioambientais están na procura das conexións que existen entre os cambios climáticos e a dispersión dos virus. Sabemos que as aves (domésticas ou non) serven como reservorio para unha vasta diversidade de virus da gripe. Nas súas migracións poden actuar como axentes diseminadores. Os porcos enfermos de gripe das explotacións gandeiras tamén causan contaxios en aves e humanos que, a súa vez interfiren entre si e con outros. Sabemos que o virus da gripe se pode transmitir por contacto ou polo aire xa que viaxa nas micropartículas que se expelen ao esbirrar. Pero non está clara a tranmisión inter-especies, tampouco é definitiva a lista de animais que actúan como reservorio. Descoñécese a influencia dos insectos na tranmisión de virus aos humanos (si sabemos da tranmisión de enfermidades bacterinas e protozoarias vía insectos parasitos). Un caso coñecido é o do virus zica que se transmite pola picadura do mosquito Aedes Aegypti e que produce a microcefalia en recén nados.

gripe

Os investigadores en saúde pública están innovando moito en prevención e control de infeccións. As novas investigacións poden ser cruciais para identificar e conter os próximos virus pandémicos. As investigacións no só se centran na gripe senón que se estenden a previr e curar outras enfermidades letais como o ébola (responsable da epidemia de 2014 en África occidental), o zika (responsable da epidemia de 2016 en Brasil e outros países) ou o SARS (síndrome respiratorio agudo e grave, responsable da epidemia de 2003 en China, que xurdiu de pequenos mamíferos que eran reservorios dun coronavirus emparentado co do arrefriado común), SIAD (virus VIH), etcétera.



Os estudos máis recentes céntranse en conseguir vacinas universais para as enfermidades víricas pero os avances fanse esperar. Os antibióticos non son efectivos contra os virus polo que o camiño para combatelos debe fundamentarse na inmunidade humana. A ciencia médica está ampliando estudos acerca das sinerxias existentes entre virus, animais e medio ambiente para dar coas conexións ecolóxicas que nos permitan atallar as próximas epidemias.



gripe

Páxina da Organización Mundial da Saúde onde se fala da gripe:  VISITAR PÁXINA


A gripe na Wikipedia:   https://es.wikipedia.org/wiki/Gripe



A gripe en España no 2018:   VISITAR PÁXINA