.....::    fonte.es     2018-11-03
 




O telescopio Hubble atopa unha cara no espazo profundo


 

A imaxe que hoxe comparto foi tomada polo telescopio Hubble fai uns días. Unha confabulación cósmica formou esta cara de enormes dimensións nas profundidades do espazo. Se fose unha constelación chamaríase "Smile" (Cara sorrinte), como aquel careto sorrinte das camisetas dos anos setenta.

 

Cúmulo de galaxias da Cara sorrinteNASA/ESA

 

O graffiti sideral fíxoo o cúmulo SDSS J1038 + 4849, que ven sendo a parella de galaxias que conforma os ollos. A gravidade desta "mirada galáctica" é tan forte que curva a luz dos astros que están por detrás. O nariz é un deses obxectos máis afastados, pero non é o único xa que se poden apreciar outros máis ténues. Os bordes da cara están formados por arcos de Einstein, que se perciben como copias estendidas e difusas das galaxias posteriores.

 

A luz azulada dalgunhas galaxias débese ao efecto Doppler. Este efecto de corremento cara o azul indica que eses corpos estanse achegando a nós a gran velocidade. En cambio, a cor alaranxada sinala un alonxamento. A lei de Hubble di que canto máis afastado está un obxecto máis corremento cara o roxo presentará porque se alonxa de nós a maior velocidade... Pero no caso que estamos analisando esta lei non se cumple... Gustaríame saber o porqué... As fontes que consultei non dicían nada ao respecto e simplemente se quedaban coa cara de risa.

 

O efecto de lente gravitacional fai que a luz das galaxias posteriores apareza ante nós ante o Hubble formando arcos, cada un deles unha copia distorsionada das orixinais. Este efecto foi explicado fai 100 anos por Einstein na Teoría da Relatividade. Alí dise que a luz viaxa polo camiño máis curto no espazo-tempo cuadri-dimensional curvado pola materia. Esta traxetoria non é unha liña recta  senón unha xeodésica torcida... Ou sexa, que unha gran concentración de materia é capaz de curvar o espazo... En certo modo, isto non é tan novidoso pois xa estamos acostumados a ver o que pasa co espazo ventral despois de comer churrasco a esgalla.

 

 

O efecto de lente potenciarase nuns cantos millóns de anos. Daquela, os terrícolas que a vexan percibirán un nariz enorme, uns ollos pequerrechos, e unha cara máis inchada. Iso si, o boneco podería coller estravismo e aparecer cunha mirada algo birolla...