.....::    fonte.es     2019-01-30
 




A supernova Vaca


Só aos americanos se lles ocorre chamar "Vaca" a unha explosión de supernova. Pois así foi co suceso AT2018cow que se puido observar en 2018 na galaxia CGCG 137-068, na constelación de Hércules, a 200 millóns de anos luz da nosa terriña (á beira da casa, coma quen di).



A supernova Vaca en tres fases

Créditos: Daniel Perley, Liverpool John Moores University

Esquerda: O observatorio Sloan Dixital Sky Survey en Novo México observou á galaxia anfitrioa Z 137-068 en 2003. O círculo verde indica a localización onde despois apareceu a Vaca.


Centro: Os astrónomos do Telescopio Liverpool das Illas Canarias viron á Vaca brillando a tope o 20 de xuño de 2018.


Á dereita: O Telescopio William Herschel, tamén nas Illas Canarias, tomou unha imaxe de alta resolución da Vaca case un mes despois de acadar o seu brillo máximo. Na imaxe obsérvase á Vaca esvaecida no bordo da galaxia.


Todo empezou o 16 de xuño de 2018. Un raro destello no ceo chamou a atención dos astrónomos. Durante tres días a Vaca reluciu cunha intensidade 10 veces superior a unha supernova típica. Brillou máis que toda a galaxia que a contén. A Vaca observouse por primeira vez no telescopio Asteroid Terrestrial-impact Last Alert System, financiado por la NASA, en Hawai.


Que vén sendo esta Vaca? Pois hai dúas ideas que tratan de aclarar o asunto.


Hipótese A.


A Vaca formouse ao achegarse demasiado unha anana branca a un burato negro (e que ninguén pense mal). O burato negro, cunha masa xigantesca equivalente a millóns de soles, foi tirando da anana branca cara si e atrapou ao seu arredor toda a materia estelar, converténdoa nun cinto gasoso ultra-quente. As mesmas forzas que xeran as mareas na Terra estarricaron a estrela ata moela. Xa feita po, o buraco papouna por completo en menos dunha semana, liberando no proceso luz de todas as cores, dende o espectro visible ata os raios X e gamma.


'Nunca vimos nada coma esta Vaca. Estamos moi emocionadas', dixo Amy Lien, científica investigadora na Universidade de Maryland e do Centro de Voo Espacial Goddard da NASA en Maryland. 'Cremos que as forzas de marea crearon o estalido ultra-rápido de luz, unha rareza nas observacións astronómicas. Esta hipótese explica axustadamente as observacións das lonxitudes de onda múltiple do escintileo e tamén o esvaecemento dos meses posteriores'.


Lien e os seus colegas cren que a estrela absorbida era un remanente estelar quente e denso, de aproximadamente o tamaño da Terra, que marca o estado final das estrelas dun tamaño semellante ao do noso Sol. Tamén calcularon que a masa do buraco negro estaba entre 100.000 e 1 millón de veces a do Sol. Podería ser tan grande como o buraco negro central da Vía Láctea. É raro ver buracos negros deste calibre fora do centro dunha galaxia, pero é posible que a Vaca estivese nunha galaxia satélite próxima á principal ou nun cúmulo globular de estrelas con maior proporción de ananas brancas que as galaxias típicas.

 


A supernova Vaca na súa galaxia anfitrioa


Créditos: Sloan Digital Sky Survey


Hipótese B.


Un equipo diferente de científicos puido recompilar datos sobre a Vaca nun rango aínda máis amplo de lonxitudes de onda, que vai dende as ondas de radio ata os raios gamma. Baseándose nestas observacións, o equipo suxeriu que a Vaca naceu dunha supernova. Cando unha estrela masiva morre, esboura coma unha castaña supernova e deixa no seu interior un resto moi denso, ou ben un buraco negro ou ben unha estrela de neutróns. A Vaca podería ser a luminaria dunha explosión de supernova.



Paul Kuin, astrofísico da University College London, declarou que 'a Vaca produciu unha gran cantidade de entullo en moi pouco tempo. Destruír unha estrela para producir unha nube como esta precisaría dun buraco negro máis grande, habería un aumento de brillo máis lento e tomaría máis tempo para que se consumisen os cascallos do cinto de acrección'.

 


Créditos: Goddard Space Flight Center / NASA