.....::    fonte.es     2019-02-09
 




As abellas saben sumar


Científicos da RMIT University de Melbourne, Australia, e colaboradores franceses da Universidade de Toulouse demostraron que as abellas poden aprender a sumar. Fai uns meses que os mesmos investigadores descubriron que as abellas coñecían o concepto de "nada" (que se pode interpretar matematicamente como cero). Quixeron dar un paso máis nas súas pescudas e trataron de ensinarlles a sumar e restar. Fai uns días que o seu experimento tivo resultados exitosos. Esta investigación, publicada en Science Advances, amplía unha lista na que xa estaban os primates, as aves, os bebés e ata as arañas (non é un chiste).

 

O novo estudo demostrou que as abellas poden aprender a recoñecer as cores como representacións simbólicas da suma e da resta, e que poden usar esta información para resolver problemas aritméticos. O profesor asociado de RMIT, Adrian Dyer, dixo que as operacións aritméticas son complexas porque requiren dous niveis de procesamento: o animaliño debe ser capaz de manter as regras sobre a suma e a resta na súa memoria a longo prazo, mentres manipula mentalmente un conxunto de números dado na súa memoria a curto prazo.

 

 

As operacións aritméticas básicas requiren dunha dose de abstracción máis elevada que o simple recoñecemento de formas. Por outra banda, para sumar e restar hai que manter datos na memoria algún tempo para saber combinalos despois seguindo unhas normas fixas que tamén hai que lembrar a longo prazo. Pois parece ser que as abellas, co seu escaso millón de neuronas, son capaces de sumar e restar unha unidade.

 

Modelo do experiemnto

Scarlett Howard do RMIT, tamén do RMIT, explicou o experimento. A instrución das abellas consistiu en facelas pasar por un labirinto en forma de "Y" no que había unha recompensa de auga con azucre se a abella acertaba ou unha solución de quinina amarga se fallaba. Os insectos vían na entrada un conxunto de elementos, entre unha e cinco formas xeométricas similares, de cor azul ou amarela. A cor azul significaba sumar e a amarela restar.

 

Despois de ver o número inicial de formas e cores, a abella voaba a través dun espazo que se bifurcaba ao final. Alí debía tomar nunha decisión: voar cara o lado dereito ou cara o esquerdo. O burato acertado conducía ao azucre e o outro á amargura. A saída correcta foi modificada aleatoriamente ao longo do experimento para evitar que as abellas aprenderan a visitar só un lado do labirinto. Ao inicio do experimento, as abellas tomaron decisións aleatorias ata que puideron atopar unha forma de resolver o problema. Despois de 100 probas de aprendizaxe, que levaron entre 4 e 7 horas, as abellas aprenderon que a cor azul significaba +1, mentres que o amarelo significaba -1. Ademais, estes valores debían combinalos co número de elementos que vían na entrada do labirinto!

 

Fai pouco que a doutora Vera Vasas, da Queen Mary University of London, descubriu a capacidade das abellas de adquirir conceptos numéricos e de contar obxectos.

 

Abella contando elementos