.....::    fonte.es     2019-04-19
 




O cabalo de 42000 anos que queren clonar


Acaban de atopar na Siberia rusa un cabaliño de 42.000 anos de antiguedade. O poldro conservouse en moi boas condicións no permafrost conxelado, tanto que incluso mantén a estrutura dos órganos internos xunto con sangue líquida.

 

Ao poldro chámanlle Lena porque pertence á especie "Equus caballus lenensis". O especialista Semyon Grigoriev, director do Museo Mamut na Universidade Federal do Nordeste de Yakutsk, ten a esperanza de clonar este cabalo extinto mediante a recolección de mostras de tecido en boas condicións de conservación. É o mesmo científico que anda a voltas coa clonación dun mamut laudo de 32.000 anos atopado en circunstancias parecidas.

 

O corpo estaba no cráter Batagaika, na Siberia oriental, somerxido nunha mestura de lama e xeo que permitiu conservar o pelo, a pel e os órganos internos do animal en moi boas condicións. O informe forense apunta a que o cabalo tiña 2 meses de idade cando morreu enterrado nunha braña na época do Pleistoceno.

 

 

Os investigadores (que están tratando de conseguir un pouco de ADN en boas condicións), non son nada optimistas respecto da posibilidade dunha clonación exitosa. Despois de dous meses intentando a fazaña aínda non conseguiron nada porque as mostras biolóxicas que extraeron conteñen un material xenético moi danado.

 

No equipo están traballando científicos expertos, algúns non exentos de polémica. Tal é o caso de Hwang Woo-suk, CEO de Sooam Biotech en Corea do Sur, que foi declarado culpable de malversación e violación bioética en 2009, despois dunha serie de experimentos de clonación de células nai humanas. Logo deste turbio asunto, Hwang dedicouse a clonar cans para ricachóns e potentados. Segundo Vanity Fair, o seu laboratorio leva clonados máis de 1000 cans.

 

Experiencia non lle falta ao señor Hwang; así que hai serias posibilidades de que un día vexamos na prensa o rexurdimento dunha especie extinta fai case 50.000 anos.