.....::    fonte.es     2019-08-01
 




LightSail 2, o satélite que orbita á Terra impulsado por unha vela


O soño do famoso científico Carl Sagan cumpriuse. A empresa de mecenado The Planetary Society, fundada en 1980 polo mesmo Carl Sagan, Louis Friedman e Bruce Murray, acaba de demostrar que se pode impulsar un satélite artificial mediante unha vela, unha de superficie altamente reflectora que recolla a luz solar e aproveite o seu mínimo impulso, tal coma se fose unha dorna movida por fotóns.

 

LightSail 2

 

O satélite LightSail 2 saíu do Centro Espacial Kennedy da NASA en Florida, o 25 de xuño pasado. Foi posto en órbita polo foguete Falcon Heavy de triplo impulso (da compañía SpaceX), e viaxa en órbita sobre o plano da eclíptica a 720 km de altitude. Neste caso pódese dicir que "á terceira foi a vencida", xa que houbo dous intentos anteriores de conseguir o fito que acabaron mal. En 2005, o Cosmos 1 perdeuse ao fallaren os foguetes que o transportaban. Dez anos despois, o LightSail 1 foi posto en órbita con éxito (e incluso despregou a vela solar), pero fallou por perda de contacto coa base de control debido a fallos na batería e un problema coa radio.


Os enxeñeiros tomaron nota dos erros de deseño do LightSail 1 e por elo o LightSail 2 leva instalados temporizadores de vixilancia tanto a nivel de hardware como de software que poden rematar procesos pendentes e reiniciar o satélite se é necesario. A nave require dun complexo sistema de control de altitude que reorienta a vela segundo a posición orbital do aparello para recoller o impulso solar a vontade.

 

LightSail 2

 

Dende que o satélite estendeu as velas o día 23 de xuño os enxeñeiros da misión estiveron optimizando o xeito de orientación da nave mediante xiroscopios, para que recolla o máximo impulso. Na última semana conseguiron que a nave elevase a súa órbita 2 quilómetros no apoxeo. No perixeo, o punto máis baixo da órbita, a altura descendeu unha cantidade parecida. Isto demostra que a nave está recollendo a enerxía luminosa do Sol para modificar os parámetros da súa órbita e convertela en máis excéntrica. LightSail 2 cumpriu con éxito o seu obxectivo principal e abre novas expectativas de voo para futuros satélites e incluso naves espaciais.

 

 

LightSail é un proxecto de The Planetary Society financiado polos cidadáns mediante micromecenado (crowdfunding). Doaron para esta misión uns 50.000 socios e cidadáns privados de máis de 100 países. O proxecto custou 7 millóns de dólares que se foron aportando dende 2009 ata marzo de 2019.

 

LightSail 2 é a primeira nave espacial de pequenas dimensións en utilizar a navegación solar para propulsarse na órbita da Terra, pero só a segunda en voar con éxito. Xa no ano 2010 Xapón enviou a sonda IKAROS a Venus, tamén parcialmente impulsada por unha vela.

 

A páxina web do proxecto LightSail 2

 

Páxina web onde se pode seguir a órbita deste satélite e consultar os pases sobre localizacións na Terra.

 

LightSail 2