.....::
fonte.es
2019-08-27
|
||||
Unha illa de pedra pómez á derivaEn Galicia ben sabemos o que significa que as rochas floten. De feito, segundo recolle a tradición, o corpo do apóstolo Santiago chegou ás nosas costas dentro dunha gran barca de pedra. Pero hai outro tipo de minerais que flotan por efecto da súa baixa densidade. Son de orixe volcánica e coñécense como pedra pómez (tal como as que nos venden na sección de droguería de calquera supermercado, esas coas que nos quitamos os calos dos pés).
Pois resulta que uns aventureiros australianos deron aviso dun fenómeno peculiar. Mentres navegaban no seu catamarán preto da Gran Barreira de Coral, no Pacífico austral, avistaron unha illa de pedra pómez de tamaño xigantesco, tan grande coma a península do Morrazo (150 km2). Dita illa sitúase exactamente no reino de Tonga, ao nordés de Australia e ao norte de Nova Zelandia.
No lugar de Tonga hai moitos volcáns submarinos que cuspen lava chea de gas. Ao arrefriar de repente baixo a auga a lava forma unha escuma sólida que emerxe ata a superficie tal coma flocos de mineral vitrificado. A mancha pódese observar vía satélite e leva dende o día 9 de agosto viaxando cara o oeste dende as proximidades da illa de Late. Neste momento debe estar próxima áo arquipélago de Fixi. Agárdase que se disgregue e se estenda polos fondos coralinos da zona e que potencie a recuperación dun ecosistema único no mundo.
Pulsa sobre a imaxe para ver o desprazamento da illa durante o mes de agosto
Por certo que os mariñeiros do catamarán quedaron "de pedra" cando viron o casco despois de atravesar a illa flotante. Pobriños!
|