.....::
fonte.es
2025-08-31
|
||||
Conciencia ambiental e estilos de vidaLección inaugural - 2003-09-25 - Seminario de Lugo
1. INTRODUCIÓN
A especie humana parece a única capaz de adulterar o medio natural. Desde sempre, a humanidade interaccionou co medio e modificouno para sobrevivir. Pero a necesidade de desenvolvemento e de benestar levounos máis aló da simple satisfacción das necesidades básicas de subsistencia. Comportámonos agresivamente tanto co entorno coma cos nosos conxéneres porque, actuando dun xeito pouco reflexivo, entramos nunha dinámica de competencia e de consumo, cando menos, exaxerados.
O medio ambiente mundial e nós, como unha parte integrante de el, padecemos certos males a consecuencia da estandarización de hábitos despilfarradores e insolidarios. A carencia de información, de concienciación, a indiferencia e a desidia contribúen a que non só se manteña senón que se reforce esta situación de descontrol. De non cambiar de modos polos nosos propios medios arriscámonos a que a natureza se torne hostil debido á aparición de mecanismos irreversibles, dramáticos e totalmente incontrolables. Porque este medio do que hoxe disfrutamos non ten por que ser necesariamente acolledor, san e fructífero. ¿Hasta que punto temos dereito a trocalo noutro?¿Realmente somos donos ou quizás deberiamos ser administradores dos recursos naturais?
O prefil humano impide que nos libremos dos matices máis negativos da selección natural na que o máis forte ten vantaxe pero a nosa capacidade racional e moral debe sobrepoñerse ós impulsos máis ou menos reflexivos que mesmo poden destruírnos.
Os indicadores naturais, ás análises científicas e a experiencia cotiá marcan a mesma dirección: o medio está sendo degradado e a tendencia xeral é a non mellorar. A nivel global os principais problemas ambientais son os seguintes:
1. Desigualdades demográficas e sociais: desigual reparto de bens, explotación abusiva, guerras, fame, aglomeracións humanas, xenofobia... 2. Diminución da diversidade: destrucción de hábitats e desaparición de miles de especies. 3. Cambio climático: efecto invernadoiro, capa de ozono, desertización, choiva ácida, polución urbana,... 4. Uso insostible dos recursos: auga, combustibles, enerxía, minería, recursos mariños. 5. Contaminación: do aire, da auga, do solo, do subsolo, contaminación acústica... 6. Acumulación de residuos: residuos urbanos, vertidos incontrolados, pesticidas, tóxicos...
2. O CUMIO DE ESTOCOLMO
Ata 1972 no que se celebrou o Cumio de Estocolmo sobre o Medio Humano políticamente nunca se reflexionara nun sentido global sobre o deterioro do medio ambiente provocado pola economía de mercado e as medidas pouco restrictivas dos estados a este respecto. A Conferencia de Estocolmo emitiu unha declaración de 26 Principios e un Plan de acción con 109 recomendacións. Fixáronse metas específicas como a moratoria sobre a caza de baleas, a prevención de descargas de petróleo deliberadas, e o informe sobre os usos axeitados da enerxía.
Nesta conferencia definíronse basicamente tres proxectos de carácter xeral:
1. Creación do "Programa da ONU para o Medio Ambiente" que se definiu como "a conciencia ambiental do sistema das Nacións Unidas". Este organismo é o PNUMA. 2. Estocolmo artellou o dereito das persoas a vivir "nun medio ambiente de calidade tal que lles permita levar unha vida digna e gozar de benestar". Gran parte das lexislación nacionais relacionadas co medio ambiente elaboráronse a partir desta conferencia. Dos 10 ministerios de medio ambiente que existían no mundo en 1972 pasouse a 110. 3. Firmáronse acordos multilaterais (entre países, organizacións internacionais, ONGs) en relación co Medio Ambiente (Convención de Ramsar e Convención para a protección do patrimonio cultural e natural): a) Acordo sobre a protección das reservas de auga, dos humerais, das costas, da producción de alimentos e da diversidade biolóxica e que deu lugar á creación das reservas naturais. b) Acordo sobre protección do patrimonio mundial, cultural e natural, administrada pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura) e que deu lugar á creación dos entornos patrimonio da humanidade. c) Acordo sobre protección de especies animais e vexetais ameazadas e comercio internacional das mesmas (CITES).
Daquela primeira gran asemblea sobre o medio ambiente aínda quedan máis da metade das 109 resolucións incumpridas pola meirande parte de países. Estas resolucións constitúen, hoxe coma daquela, importantes metas. Algunhas delas (como a de reducir a fenda Norte-Sur entre países ricos e pobres), permanecen aletargadas a pesar dos intentos de rescate noutras Conferencias Internacionais. A raíz desta convocatoria xurdiron outras. En 1974 en Cocoyoc (México) identificáronse os factores económicos e sociais que conducen ó deterioro do medio ambiente: 1. O problema da pobreza da meirande parte do mundo non é a escaseza de material senón a mala distribución e tratamento desde as perspectivas social e económica. O 20% da poboación mundial posúe o 80% dos recursos. O outro 80% de persoas debe subsistir co 20% de recursos. 2. É necesario reconducir o sistema productivo mundial para que sexa capaz de satisfacer os límites internos de cada pais e tamén, xunto con outros países, as necesidades humanas básicas do exterior sen menoscabo dos recursos e do medio ambiente. 3. Necesitamos redefinir as metas e estratexias de desenvolvemento ou ESTILOS DE VIDA que inclúan: a) pautas de consumo máis modestas nos países ricos. b) maior respecto pola natureza, os recursos que nos brinda e os límites que pode tolerar. c) un cambio de actitude cara a concienciación medioambiental e solidariedade social. d) fomento da aprendizaxe sobre cuestións medioambientais e da investigación para identificar as cuestións climáticas máis importantes (quentamento mundial, cambio climático, capa de ozono, xestión de residuos, etc)
Todos estes proxectos que se definiron a principios dos 70 permaneceron ensombrecidos durante os anos 80 por catástrofes como a hambruna de Etiopía que causou un millón de mortos, os accidentes nucleares de Three Mile Island e Cherníbil, os derrames de petróleo de Ixtoc de 640 km no golfo de México e Exxon Valdez que derramou 50 millóns de litros en Alaska, os accidentes químicos de Bhopal (India) no que morreron miles de persoas e Basilea (Suiza) que casou a morte de toda a fauna do Rhin afectando incluso ós Países Baixos, etc. Queda un sinnúmero de inundacións, tifóns, secas, desertizacións, vertidos, accidentes, incendios, corrementos de terras, guerras, que dan conta de millóns de mortos en todo o mundo e que supoñen unha degradación hasta entón nunca vista do medio ambiente.
3. O CUMIO DA TERRA
En 1992 celebrouse en Río de Janeiro o Cumio da Terra. Representantes de 176 gobernos, máis de 100 xefes de estado, 1400 ONG e membros dos sectores económicos e sociais xuntáronse co propósito de rescatar os acordos de Estocolmo e implementalos nunha realidade natural 20 anos máis erosionada. Os logros conseguidos en Río podémolos clasificar en cinco puntos: 1. A Declaración de Río sobre o Medio Ambiente e o Desenvolvemento, que consta de 27 principios. 2. O Programa 21, un plan de actuación para camiñar con paso firme cara a progreso social, económico e medioambiental. 3. Os convenios marco da ONU sobre cambios climáticos e sobre diversidade biolóxica. 4. A creación da Comisión sobre o Desenvolvemento Sostible. 5. A declaración sobre o Manexo Sostible do Bosques.
Todos estes acordos internacionais tiveron revisións noutros cumios posteriores coma o de Kioto sobre gases de efecto invernadoiro ou o Cumio do Milenio de New York onde se concretaron e avaliaron os proxectos de Río. En definitiva, que as preocupacións actuais sobre medio ambiente céntranse en cinco máis un (seis) aspectos fundamentais: 1. aire (atmosfera e clima) 2. auga (mares, ríos, acuíferos) 3. terra (solo, subsolo) 4. recursos enerxéticos (combustibles, enerxías limpas, enerxías renovables) 5. biodiversidade 6. O sexto punto, o de máximo interese, é o de desenvolvemento humano.
Estes seis aspectos quedan englobados sinérxicamente na seguinte idea: "os seres humanos temos dereito a unha vida sa e productiva en harmonía coa natureza". É a idea do desenvolvemento sostible que se basea en tres principios fundamentais: 1. O ritmo de explotación dos recursos naturais non debe exceder ó ritmo en que estes se rexeneran. 2. O ritmo en que se consomen os recursos non renovables non pode exceder ó ritmo en que estes van sendo substituídos polos renovables. 3. O ritmo de emisión de contaminantes non debe exceder á capacidade de recuperación do medio que admite, biodegrada ou volve inocuos ós axentes nocivos.
Estes principios constitúen o pear de apoio da sociedade sostible que debe reunir as seguintes características: 1. Todos os seus membros poderán ter acceso ás vías democráticas de expresión e decisión. 2. As persoas deben ter acceso equitativo ós recursos. 3. A formación e información ambiental permitirá asimilar os retos que a sostibilidade impoña. 4. A política ambiental de circunscribirse ós marcos internacional, nacional e local para impulsar o desenvolvemento presente e futuro sempre baixo o principio de sostibilidade. 5. A producción e o mercado nunca se sobrepoñerán ós intereses medioambientais, e asumirán a existencia dun límite ó seu expansionismo. 6. Na economía teranse en conta os custos derivados das actividades que deterioren o medio ambiente e xeneralizaranse co resto de gastos para elaborar informes do PIB máis realistas. O custe ambiental tamén se reflectirá no prezo das mercadorías. 7. Deberán preservarse as rexións que se diferencien polos intereses naturais que posúan.
En definitiva, que as tres vertentes que se atopan en liza, a saber, a economía de mercado, a política e o ambientalismo deben harmonizarse para abrir unha fiestra de futuro digno.
4. DEREITO AMBIENTAL
Calquera sociedade que teña por bandeira a defensa do medio natural non pode carecer de normas que garantan a súa organización. O dereito que temos a gozar dun medio ambiente saudable e enriquecedor tamén esixe unhas responsabilidades e ambas fundamentan o Dereito Ambiental. Este artéllase sobre cinco principios fundamentais: 1. Principio de ubicuidade: a política ambiental debe encadrarse no seo das demais políticas nacionais e locais de xeito que non sexa tratada como un apéndice ou unha temática secundaria ou sectorial. 2. Principio de sostibilidade: debemos aplicar métodos, desenvolver procedementos e fomentar actitudes que fagan compatible o desenvolvemento económico coa conservación da natureza. 3. Principio de globalidade: o problema ambiental é de carácter mundial e non se restrinxe a zonas limitadas polo que debe ser tratado globalmente. Resumíndoo nunha frase: "esto é cousa de todos." 4. Principio de subsidiariedade: trátase de pensar globalmente e actuar localmente, aproximándose á orixe dos conflictos ambientais. 5. Principio de solidariedade: teñen tanto dereito as comunidades dun lugar como as doutro a gozar dun desenvolvemento acorde coa natureza. As xeracións futuras tamén deben dispoñer de recursos e dun medio digno igual ou mellor ó que nós temos. O desenvolvemento sostible é aquel que "satisfai as necesidades do presente sen poñer en perigo a capacidade das xeracións futuras para satisfacer as súas propias necesidades."
O artigo 45 da Constitución española que regula o dereito ambiental no ámbito estatal concreta estes principios do xeito seguinte: 1. Todos teñen o dereito de gozar dun medio axeitado para o desenvolvemento da persoa, así como o deber de conservalo. 2. Os poderes públicos velarán pola utilización racional de todos os recursos naturais, co fin de protexer e mellorar a calidade da vida e defender e restaurar o medio, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva. 3. Para aqueles que violen o disposto no apartado anterior, nos termos que a Lei fixe, estableceranse sancións penais ou, no seu caso, administrativas, así como a obriga de reparar o dano causado. De todos é coñecida a expresión "quen contamina, paga".
Cada comunidade autónoma tamén dispón dunha normativa específica que puntualiza estes principios básicos pero que non abordaremos nesta análise. Pero de nada valen as normas cando a poboación non está concienciada. É típico escoitar expresións como "tranquilo, que non pasa nada" ou "que tanto ten" ou "que xa se fará". Faremos fincapé ó longo desta exposición de cinco feitos preocupantes que deben ser eixo de reflexión para todos pero que tamén deben incitarnos á actuar con máis sensatez.
5. CONTAMINACION, AMBIENTE E SAÚDE
Todos somos conscientes de que a saúde das persoas está sendo afectada desde uns anos a este tempo pola presencia e permanencia de axentes nocivos tanto no aire coma na auga coma nos alimentos. Tamén hai que dicir que a terceira parte do mundo nin sequera dispoñen dos recursos necesarios para vivir dignamente. Hambrunas, enfermidades contaxiosas e crónicas, cancro, asma... son unha ameaza cotiá tanto para países ricos coma para países pobres. De actualidade é o acordo ó que se chegou de proporcionar medicamentos xenéricos e de baixo custo ós países afectados de epidemias coma o SIDA, a hepatite a difteria e a disentería. Pero non temos que afastarnos moito para observar como a saúde dos galegos empeora.
Respecto a Galicia podemos concretar tres tipos de impacto ambiental que supoñen riscos para a saúde pública: impactos atmosféricos, edafolóxicos e hídricos.
1. Impactos atmosféricos. a) As emisións de gases de industrias moi sinaladas como térmicas (As Pontes, 3ª en Europa en emisión de CO2 e óxidos de xofre con máis de 2 millóns de Tm ó ano) b) A industria do papel e a madeira que non eliminan eficientemente gases e micropartículas. c) Os centros de incineración de residuos por queimar de xeito ineficiente plásticos, residuos industriais e residuos da construcción liberando á atmosfera tóxicos canceríxenos coma as temidas dioxinas. Recentemente foi aprobada unha normativa para eliminar os PCBs de Europa. Estes productos empréganse en construcción e nos transformadores eléctricos. Antes do 2011 deberían estar retirados todos aqueles aparellos e materiais que conteñan máis de 5 L de PCBs. As dioxinas son compostos organoclorados de tipo aromático que ademais conteñen osíxeno na súa estructura. Son moi persistentes no medio. Introdúcense no metabolismo dos seres vivos e alteran a información xenéticas das células, provocando a súa mutación e o cancro. Prodúcense nas combustións de plásticos clorados (PVC,...) a baixa temperatura. Nas instalacións incineradoras débense eliminar dos gases producidos na combustión do lixo mediante neutralización química.
2. As emisións domésticas: sistemas de calefacción e refrixeración, aerosois, amoníaco...
3. A polución urbana debida á aglomeración de vehículos que libera á atmosfera grandes cantidades de gases de efecto invernadoiro, gases tipo, carbonilla, etc. Pero tamén debemos recoñecer que os altos índices de ruído no medio urbano tamén suman unha molesta carga de contaminación. Parece que atopamos delite no ruído. Está de moda recortar o escape da moto, divertirse perdidos entre máis de 120 decibelios ou alzar a voz para arrebatarlle a razón ós nosos contrincantes.
Pero non só a atmosfera acumula restos de actividades nocivas. Tamén a auga e o chan padecen certos males a consecuencia de dous tipos de actividade:
1. Vertidos incontrolados de orixe industrial e gandeiro son liberados directamente ós ríos ou se acumulan en balsas sen medidas de seguridade contra as infiltracións ó nivel freático do subsolo. Mención especial debemos facer ós numerosos accidentes mariños que atosigan a nosa costa cada pouco. Sucesos coma o do Prestige son consecuencia da falla de escrúpulos das multinacionais e da escaseza de medios para amortecer situacións adversas.
2. Non menos perniciosos resultan os vertidos consentidos, coma os de lixiviados dos vertedoiros sen medidas de protección, residuos gandeiros, redes de sumidoiros que evacúan directamente ó mar ou ós ríos, abuso de pesticidas cerca de acuíferos, abuso de fertilizantes que causan a eutrofización e morte de humerais e vertentes, etc.
6. CAMBIO CLIMÁTICO
Pero tamén o clima do planeta vese alterado en temperatura e pluviosidade, nos ciclos naturais dos ventos, nas borrascas (quen non coñece o fenómeno de "El Niño"), nos períodos estacionais, na estabilidade térmica. Hai quen di que o clima, per se, sempre cambia. Dispoñemos de datos que corroboran este feito do cambio climático hai millóns de anos. Xacementos xeolóxicos e fósiles indícannos que fai moito tempo a Terra foi máis cálida e que despois sucedéronse ciclos de frío e calor na época das glaciacións. Pero todos eles foron cambios extremadamente lentos nos que subir ou baixar un grao centígrado levaba miles de anos. Agora enfrontámonos a cambios provocados polo home. Cambios rápidos que son paralelos ó progreso tecnolóxico e dos que existe constancia desde principios do século pasado. Desde entón a temperatura media o planeta subiu 2 ºC e as consecuencias, que xa son palpables, manteñen ós cidadáns na incerteza e no risco de acontecementos meteorolóxicos inesperados. O ritmo de aumento da temperatura global resulta duns 0,5 ºC cada 30 anos. Os gases responsables deste fenómeno son CO2 (50%), metano (20%), óxidos de nitróxeno (10%) e outros.
As actividades que contribúen máis significativamente a estas emisións son: a combustión de carburantes fósiles na industria e na locomoción, os incendios, as fábricas de cemento, as actividades metalúrxicas, os puntos de incineración de residuos, que liberan dióxido de carbono e óxidos de xofre entre outras. As principais actividades productoras de metano son as explotacións gandeiras e o emprego de fertilizantes. Cabe dicir que estas últimas tamén repercuten no deterioro da capa de ozono.
A chuvia ácida é outro dos factores que impactan na vida dos ecosistemas. Os dous millóns de toneladas de gases ácidos que se emiten cada ano en Galicia non nos deixa libres deste fenómeno que causa numerosas perdas forestais e que impide a fertilidade dos cultivos. No campo galego aínda é frecuente oir falar das néboas e das pestes que tran que son consecuencia da debilidade vexetal pola acidez das precipitacións. A chuvia ácida tamén deteriora pouco a pouco as pedras e as formas dos nosos monumentos.
Debido á súa gran estabilidade, os CFC´s son capaces de difundirse hasta a estratosfera (a 50 km de altura), onde liberan cloro que actúa como catalizador na reacción de destrucción do ozono. Un só átomo de cloro pode destruir da orde de 100.000 moléculas de ozono. Sin esta capa as radiacións ultravioleta poden atravesar a atmosfera e chegar á superficie onde causan queimaduras profundas e morte de seres inferiores. Observemos que estas radiacións se usan como medida hixiénica en locais públicos, en almacéns, en centros de refrixeración de alimentos, etcétera para eliminar os microorganismos. Os efectos nas persoas, como xa dixemos, é de queimaduras proclives a convertirse en melanomas.
7. EXPLOTACIÓN DOS RECURSOS
Sabemos da irreversibilidade dos recursos dos que se abastece a industria moderna e que fundamentan o desenvolvemento actual. Os combustibles fósiles (carbón, petróleo e gas natural), hanse esgotar. Para manter o ritmo de progreso necesitamos enerxía en grandes cantidades, fácil de transformar e fácil de transportar. Son minoría na actualidade as fontes enerxéticas renovables. Renovable, moi lonxe de indicar algo cutre ou de baixa calidade, é un selo de garantía de viabilidade, de progreso e de benestar. Usar en maior escala este tipo de recursos enerxéticos alternativos dependerá ou ben do noso sentido cívico ou ben do caro que se poña o petróleo. Quen se escusa en que a tecnoloxía non está preparada para aproveitar a forza do vento ou a luz do sol ou as correntes de auga non ten moita presa por cambiar. Os medios técnicos, claro está, deben mellorar en rendemento pero antes deben cambiar os modos de quen os usa.
Recursos renovables son os cultivos, os bosques, a pesca, e a biomasa en xeral. Todos eles son renovables na medida en que o grao de explotación non supere ó de recuperación. De suceder tal cousa necesariamente esgótanse. Por exemplo, na nosa terra, é relevante o problema da pesca.
En canto ás enerxías renovables podemos dicir que cada vez irán copando terreo ás outras, facéndonos máis independentes do petroleo, do carbón e da enerxía nuclear. Seguramente a enerxía eólica, a solar ou as microcentrais hidroeléctricas constitúan as bases enerxéticas do futuro.
8. BIODIVERSIDADE
As distintas especies de seres vivos que poboan os nosos ecosistemas constitúen outra riqueza natural que damos en chamar biodiversidade. Nós tamén pertencemos a algún ecosistema. Os ecosistemas parécense a unha sociedade na que cada organismo desempeña unha función, unhas máis importantes que outras, pero todas necesarias. Cada ser vivo, cada especie, ocupa un lugar concreto no esquema funcional do ecosistema. Lonxe de respectar o equilibrio dinámico dos entornos naturais, o home altera a delicada maquinaria natural dilapidando especies, introducindo outras foráneas, modificando o medio, ou contaminándoo cos desperdicios que produce. Indicadores de contaminación ambiental son certos seres vivos moi sensibles a ela que se extinguen. É o caso de especies autóctonas coma a vacaloura, as troitas, a ameixa de río, os cangrexos de río, moitas aves e moitos mamíferos silvestres. Estos últimos sufren a presión humana da construcción de infraestructuras.
Pero tamén perecen as especies debido a dous fenómenos de interese: a bioacumulación e a biomagnificación. A bioacumulación prodúcese pola inxesta de axentes novivos polos seres vivos. Introdúcense nos ciclos nutritivos e acumúlanse en todos os organismos que forman a cadea trófica. Biomagnificación consiste na propagación, tamén por vía trófica, de axentes nocivos e patóxenos. Sustancias coma o DDT, as dioxinas, os pesticidas, o chumbo, os metais pesados e actualmente as sustancias transxénicas modificadas, poden chegar por ambolosdous mecanismos á nosa alimentación.
Incluso no ecosistema cidade, no que o procesador central é o home, aparecen escalofriantes fenómenos que repercuten directamente na habitabilidade urbana. O abandono de animais exóticos ou domésticos non so constitúe un acto de irresponsabilidade senón que é causa de numerosos incidentes e de preocupación cando debemos sacrificalos porque a súa acumulación resulta incontrolable.
Podemos ter a sensación de habernos "liberado" da nosa ancestral dependencia da vida silvestre. Trátase dun espellismo: en realidade, cada día, sen sabelo, utilizamos centos de productos que deben a súa orixe ás prantas e animais silvestres. Pero, ademais, o entorno natural permite observar modelos, tanto de sotibilidade como de implementación de tecnoloxías.
9. INXUSTIZA SOCIAL
A solución non é doada para o desigual reparto do mundo. Os intereses económicos de seguridade propia impiden o apoio solidario cara o sector de poboación máis vulnerable. As Nacións Unidas resolveron destinar 625 mil millóns de dólares para axudas ó terceiro mundo que propiciasen o seu desenvolvemento. O 80% dese total (500 mil millóns de dólares), aportaríano eses países e o 20% restante (125 mil millóns de dólares), os países desenvolvidos (OCDE) que calculouse nun 0,7% do seu PIB. Segundo a AOD (Asistencia Oficial ó Desenvolvemento) o monto en 1995 era do 0,3% e na actualidade aínda estamos lonxe de acadar esta meta. Así, as diferencias entre ricos e pobres non só se manteñen senón que aumentan.
Por outra banda está o problema da superpoblación de certas partes do mundo. A explosión demográfica actual indica que cada ano somos 80 millóns de habitantes máis no planeta (cada ano aumentamos unha Alemania en número de habitantes). Ademais este aumento non é equitativo. O mundo subdesenvolvido ou en vías de progreso recolle practicamente o 90% do crecemento. Os países ricos somos cada vez máis vellos e os pobres cada vez máis xoves. Nos primeiros cada vez temos máis recursos para a mesma poboación e nos segundos cada vez teñen menos recursos para unha meirande poboación. As consecuencias son de todos coñecidas: Falta de asistencia alimenticea e sanitaria, emigración, loitas internas, aparición de suburbios nas grandes cidades, xenofobia,...
Estímase que para o ano 2050 superemos os 10.000 millóns de habitantes cando hoxe somos 6000. Por todo esto urxe tomar medidas solidarias co terceiro mundo. Tamén sería conveniente propiciar a educación nestas zonas. Unha educación que busque evitar a discriminación feminina e que conciencie ás novas xeracións na paternidade responsable.
10. QUE PODEMOS FACER?O reto que nos propoñemos hoxe en día non é doado. Debemos contribuír dun xeito dinámico e positivo á transición cara a sostibilidade e equidade sendo conscientes de que son necesarios profundos cambios de orde económica, social, política, tecnolóxica, e educacional. Seguramente, e a título individual, non poderemos abarcar moitos dos aspectos que implican este cambio pero si podemos tomar iniciativas nalgún. Pero sobre todo é un bo comezo o seguinte:
1. A conciencia ambiental debe ser o punto de partida de calquera proxecto que nos marquemos. Conciencia ambiental para defender o estado da natureza, pero conciencia tamén para axudar ás persoas. Conciencia dentro dos grupos sociais para que adquiran maior sensibilidade cara o medio ambiente e os problemas conexos a súa vulneración. a) Para adquirir conciencia dalgo negativo primeiro debemos ter consciencia (ou sensibilidade unida a coñecemento) dese mal. Ter coñecemento das situacións conflictivas é mester de todos: de educadores, de pais, de organizacións, de sectores públicos e privados. Os medios de comunicación non están axudando moito a ter consciencia da situación que atravesamos. Preséntannos a miúdo mundos "bonitos", "fantásticos", sen problemas que non se poidan resolver. A "tele-lixo" podémola catalogar como un modo de contaminación ambiental ou sensorial máis. A cultura tamén forma corpo co medio ambiente e a cultura que promovemos afástanos do que un día nos caracterizou. b) A conciencia ambiental debe ser crítica anque constructiva, capaz de dialogar e sobre todo animosa ante o desalento de non ver logros inmediatos. A conciencia ambiental débenos encamiñar cara unha comprensión mutua e por eso non debe ser impositiva nin avinagrada. c) Debemos ser previsores. A avaliación axeitada de impactos e riscos das actividades humanas non é posible se non prestamos atención á conciencia de causalidade que levan asociada. Seguramente casos coma o do Prestige non sucederían si a conciencia dos (i)responsables deste barco tivese en conta as consecuencias medioambientais causadas por un posible vertido. d) Unha conciencia ambiental sólida leva emparellados hábitos saudables, actitude constructiva e procedementos meditados. Quizás estas sexan unhas boas virtudes para convivir en sociedade. En troques, os hábitos nocivos, a actitude destructiva ou agresiva e os procedementos improvisados denotan unha sociedade hostil e decadente.
2. Axeitar o noso estilo de vida parece o cambio máis inmediato que podemos acometer. a) Pensemos por un intre que, de implantarse este estilo consumista en todos os países do mundo, os recursos esgotaríanse en pouco tempo sen lugar a dúbidas. Somos voraces porque o nos apetito de ter máis non se comprace coas pequenas cousas do cotiá. Moitas veces temos oído dicir ós noso maiores que antes eran máis pobres pero que sabían atopar a felicidade. ¿Atopamos nós a felicidade no noso entorno? b) Tal vez sentímonos tentados a atopar a felicidade nos avances tecnolóxicos. Pero algunhas tecnoloxías separan máis que unen ou complican máis que simplifican. Outras predispoñennos ó individualismo e incluso á perda do sentido da realidade (pensemos nas patoloxías modernas debidas ós ordenadores, internet, consolas, televisión... c) Deberiamos aprender a prescindir daqueles luxos que pouco aportan á nosa vida. ¿Quen non ten moreas de quincalla na súas casa?¿Quen non tirou ó lixo roupa que aínda podería reutilizarse?¿Cantos non compramos un ordenador novo ou un coche novo porque o vello está pasado de moda?¿Cantas veces compramos un artigo só pola aparencia do recipiente sen importarnos o contido?¿Cantas veces mercamos algo por capricho e logo que perdeu o noso interese o apilamos enriba do capricho anterior? Fixemos a nosa atención na regra coñecida como a dos "tres erres": reducir, reutilizar e reciclar. Propónsenos, logo, tres obxectivos claros: reducir o consumo de enerxía e de artigos innecesarios ou superfluos, reutilizar aqueles útiles que poidan cumprir aínda unha finalidade e reciclar aqueloutros que sexan susceptibles de entrar de novo na cadea de producción. Tamén aquí debemos educar na selección de opcións: podemos abrigarnos un pouco máis en vez de poñer a calefacción alta, podemos correr menos co coche se saímos un pouco antes, podemos evitar as aglomeracións se usamos transportes alternativos ou se imos a pé saíndo da casa con máis tempo, podemos reducir o consumo de enerxía eléctrica usando fluorescentes en vez de lámpadas, podemos usar máis e ducha en vez do baño, e así aforraremos enerxía e recursos. Por último debemos contribuír á reciclaxe de papel, vidro, plásticos, metais e aceites mediante a clasificación selectiva nos nosos fogares. d) O gasto non é so de producción senón que unha boa porcentaxe recae sobre o transporte e subministro. Coñecemos moitos enceres que se poden reutilizar: roupa, gafas, medicamentos,... Así contribuímos a recuperar recursos que conteñen aínda un potencial enerxético elevado. Pensemos no prezo debido o transporte de todas as materias que consumimos. e) Reflexionemos tamén sobre actitudes. ¿Cantas veces deixamos aberta a billa ou a luz sen necesidade?¿Cantas veces collemos o coche para ir hasta a volta da esquina?¿Quen non desprezou ós transportes públicos?¿Cantos pratos medio comidos van parar ó lixo?¿Cantos recepentes que non sabiamos nin o que contiñan temos baleirado ó desaugue?¿E que dicir das queimas de plástico no campo?¿E as "limpezas" no río do coche, da cisterna,...?¿E agora onde tiro esto?¿E despois onde baleiro esto outro? f) Vencer o individualismo actual parece outra meta de especial relevancia. No mundo de hoxe os proxectos non son viables sen a cooperación e o traballo en grupo. Menos aínda si a traballo consiste en mellorar o medio natural. Propostas sinxelas como a colaboración nas labores domésticas, hixiene da vivenda, reparto de tarefas, clasificación do lixo doméstico, saídas ó campo, paseos,... que constitúen un bo método de afianzamento familiar á vez que marcan a pauta a seguir na concienciación medioambiental. ¿Quen non levou un desgusto porque talaron o souto onde ía comer no verán?¿Quen non se lamentou de atopar unha lata no río onde aprendeu a nadar ou unha fonte que non pode mitigar a sede por estar contaminada?¿Ou o pescador que xa non pesca onde antes pasaba unha boa tarde? Está visto que amamos e respectamos aqueles lugares nos que nos deleitamos, sobre todo, na nosa infancia. Pois saquémoslle partido a natureza e gocemos dela. g) Protexer o noso entorno consiste, logo, en coñecelo, sabelo aprobeitar sen cambialo e compartir experiencias dentro del. Así iremos construíndo futuro.
11. CONCLUSIÓN
Espero que polo menos nos quedemos coa seguinte idea: que para todos o coidado do medio ambiente sexa un principio de actuación, un costume. A fe cristiana, como principio moral, tamén responde a estes criterios conservacionistas. O Creador fíxonos responsables, e non donos, de toba a bagaxe de maravillas deste "paraíso". Así, os cristiáns, debemos estar doblemente comprometidos no coidado do medio ambente.
Comprázome da atención que me prestaron e por eso debo darlles as gracias. Tamén quero agradecerlle ó Seminario a oportunidade que me deu de reflexionar en alto sobre estes temas e ós compañeiros de claustro por deixar que nesta ocasión os representara. Gracias a todos.
|