.....::
fonte.es
2016-08-29
|
||||
Fonte solarQuen teña preto da súa casa unha horta, un xardín ou unha terraza, seguramente que tamén disfrute cultivando algunha plantiña ou decorando o entorno con esculturas, antigüidades restauradas e fetiches. Moitas persoas disfrutamos vivindo no mundo natural e obtemos nel esparcimento e relax. Revitalízanos o seu colorido, ou mesmo a diversidade de sons que se perciben ao pechar os ollos baixo a sombra dunha árbore. Algo parecido sucede coas fontes, que tamén serven de refresco para os sentidos. Este efecto coñécese actualmente como "feng shui". Aire, auga, flora e fauna compleméntanse perfectamente cun quinto elemento que é a luz. Combinalos pode ser posible. Nestas liñas amosarei como conseguilo construíndo unha fonte solar para o xardín. O primeiro que debemos considerar para fabricar a fonte é que non se desperdicie auga. Unha idea axeitada consiste en montar un circuíto pechado que faga recircular a auga. O elemento impulsor será unha pequena bomba centrífuga somerxida nun depósito estanco. O motor obterá enerxía dun panel solar. Esquema de montaxe Materiais * Catro placas solares de 6 voltios e 3 watios de potencia máxima cada unha (proporcionan 0,5 amperios cada unha). Colocamos 2 grupos de dúas placas para facer un panel de 12 voltios e 18 vatios. Custa todo uns 32 euros en Ebay. * Unha micro bomba centrífuga de 12 voltios e 20 vatios, capaz de mover un caudal de 15 litros cada minuto e facer unha presión de 0,6 bares. Unha bomba como esta pode elevar auga ata 2 metros de altura con caudal suficiente. Custa 15 euros en Ebay. Se imos invertir en calidade e durabilidade, mercaremos unha bomba tipo "brush-less", é dicir, sen escobillas. * Un depósito hermético de plástico, como mínimo de 25 litros, cunha tapa de tal tamaño que permita introducir por ela a bomba e os tubos sen perder a estanqueidade. Vale unha tapa roscada de 10 cm de diámetro cunha goma axustada pola parte interna. Un modelo deste tipo custoume 10 euros nun bazar. * Dúas pías de entre 10 e 50 litros de capacidade. A pía grande recibe a auga que ven do motor e a pequena serve para recoller a auga de novo cara o depósito e para que non entre aire no circuíto. * Un tubo de entre 12 e 16 mm de diámetro, de plástico flexible e lonxitude axeitada (no caso que presento utilicei 3 metros). Un tubo de PVC do mesmo diámetro que antes e dun metro de lonxitude. Un tubo de cobre de 14 mm de sección e un metro de lonxitude. * Un filtro de malla para a toma de auga da bomba. * Cable eléctrico bifilar para enlazar o panel solar coa bomba. * Un interruptor. * Cola termofusible ou silicona. * Cemento especial para selar fendas en depósitos (un kg abonda).
Procedemento Primeiro asegurámonos de obter un panel solar de 12 voltios adaptado á potencia da bomba. Se compramos unha bomba de 1,5 amperios, o panel deberá proporcionar a mesma intensidade de 1,5 A. Neste caso tanto a potencia do panel como a da bomba están adaptadas, sendo ambas duns 20 vátios (vátios = voltios x amperios). Conectamos ambos elementos co cable bifilar. Hai que ter precaución coa polaridade do motor. Por iso debemos asegurarnos cun polímetro de que o polo positivo do panel (cor bermello) vaia co polo positivo do motor. Para poñer en marcha este dispositivo ou detelo incorporamos un interruptor en serie dentro do circuíto. Só queda colocar o panel nun lugar soleado e orientalo cara o sur (tamén existen no mercado mecanismos de seguimento solar para o panel). Preparamos o depósito de plástico de 25 litros co sistema de bombeo. Para elo taladramos dous furados de 12 mm na súa tapa (da mesma sección que o tubo). Entre eles fixen outro furado máis pequeno, duns 5 mm, para pasar o cable da bomba. Nun dos buratos grandes coloquei un tubo ríxido de PVC de 12 mm e 30 cm de lonxitude. No seu extremo acoplei o surtidor da bomba para que o conxunto casi toque no fondo do depósito unha vez enroscada a tapa. No outro burato grande coloquei un tubo de PVC coma o anterior pero só de 10 cm de lonxitude. Servirá para o retorno da auga. Selaremos ben todas as xuntas con cola termofusible, silicona de secado rápido ou SIKA. Nos estremos dos tubos de PVC poderase enganchar o tubo flexible tipo "cristal" que permitirá a circulación da auga. Eu conseguín este acoplamento mediante uns cóbados situados na parte exterior da tapa do depósito. Unha vez preparada a tapa comprobamos que cerra herméticamente. Despois colocamos o depósito baixo terra para ocultalo. So resta preparar as pías. Eu conseguín dúas de cantería que estaban en desuso. A grande ten unha capacidade duns 30 litros e a pequena de 10 L. Perforeinas polo centro para pasar un tubo de cobre. Dito tubo ten lonxitude suficiente para traspasar o pé que soporta a pía que é foco. Coloquei os tubos de cobre co selante de cemento especial para que non perda auga pola fenda que queda entre o tubo e a pedra. A pía grande leva un anaco de 15 cm de tubo de cobre polo que verterá a auga sobre a pía pequena. Cómpre colocar este tubiño con moita precisión. Se queda moi preto do borde superior da pía grande, é probable que se desborde por non liberar auga suficiente. Se o colocamos moi abaixo, ao deixar de traballar a bomba por falta de sol, seguirá botando auga ata que desborde a pía pequena. O ideal sería colocar un tubiño de cobre de 20 mm o máis elevado posible para evitar estes problemas. Fixamos ás pías aos pés co mesmo cemento sellante de antes. Para finalizar aconséllovos que fagades varios surtidores de plástico transparente ou branco que se poidan encaixar no tubo de cobre para que o chorro faga diferentes formas ao saír para fóra. Resultados Agora teño un novo estímulo no xardín. Polas mañáns, cando se levanta o sol, disfruto vendo os paxariños mollándose na fonte. Despois séntome preto dela para tomar un café mentres planifico o día ou lembro algunha historia. |