.....::    fonte.es     2021-07-25
 




Problema do testamento


Xa di o refrán que o diaño, cando non ten nada que facer, mata moscas co rabo. Pois a min pásame o mesmo e, como mostra delo, vai este exemplo.

 

Cando nos recluíron na casa por mor da pandemia o tempo facíase longo e pesado. Uns rapaces demandáronme un problema que os fixese cavilar, por ocio ou por negocio de subir nota -non sei moi ben-. Velaquí o problemiña:

 

 

Problema do testamento

 

 

Unha desamparada viúva, véndose achicada nunha residencia de anciáns e estando moi pesarosa co comportamento dos seus fillos, escribiu un estraño testamento que dicía así:

 


Meus queridos fillos.



Sodes os lexítimos herdeiros do que voso pai máis eu fomos aforrando durante toda a vida (120.000 euros). Non vou apartarvos do que por xustiza vos corresponde, pero non quero outorgarvos directamente a parte do legado que vos toca a cada un porque non quero que me teñades por nai inxusta. Antes ben, teredes que facer un pequeno sacrificio na miña memoria pois levades moitos anos sen vos falar, cegados polos ciumes e resentidos pola envexa, situación que lamento con profundo pesar. Así que teredes que superar as vosas desavinzas para que completedes unha adxudicación equitativa dos bens que vos lego.

 

A miña vontade, esencial e definitiva, é que cada un dos tres teña que dar unha parte do que lle corresponda aos outros dous irmáns.

 

Veredes, o meu albacea liberará o legado en canto lle comuniquedes por escrito que parte colleredes inicialmente e como faredes para repartila tendo en conta que, ao final, todos deberedes de quedar coa mesma cantidade de diñeiro.

 

O proceso comezará así:

 

A ti Abel, por ser o primoxénito, corresponderache xestionar en primeiro lugar. Collerás, de partida, máis cartos pero quedarás só con 2/3 do que collas e daraslle o terzo restante aos outros dous irmáns, como mellor che pareza.

Beatriz e Carlos: ao principio, vós levaredes menos cartos que Abel pero, no momento que Abel vos dé parte do seu, un de vós terá máis diñeiro ca os demais. Nesta segunda fase do reparto, aquel dos dous que teña máis cartos deberá quedarse con 2/3 e repartirá o terzo restante entre os outros dous irmáns, tal como fixo antes Abel, compartindo como mellor estime.

Na terceira fase, quen disporá agora de máis cartos será aquel que aínda non repartise nada cos outros dous irmáns. Este deberá proceder do mesmo xeito que os dous anteriores: doar un terzo do que xuntou aos outros dous irmáns e quedarse con 2/3 para si.

 

Queridos fillos, sede xenerosos e apreciádevos. Aprendede a levarvos ben, a ser unidos e a superar as diferenzas. Tamén desexo que logredes o éxito poñendo en práctica esa habilidade cos negocios e esa intelixencia da que tanto facedes gala.

 

Un bico aos tres.

 

 


O reto deste problema é explicar como arranxaron os fillos desta señora para quedar igualados no reparto sen incumprir o testamento de súa nai.

 

 

Pulsa o botón "Amosar" se desexas ver a solución.