.....::    fonte.es     2021-10-12
 




Un estudo sobre ovos


Temos unha incubadora exclusiva, feita á medida, que permite manter unha produción continua, é dicir, que pode manter os pitiños que nacen ao quente mentres vai incubando novos ovos. Por tal motivo, consta de dúas zonas: a de incubación e a de cría. Na primeira hai un sistema de balanceo automático regulado por un controlador de tempo. Tamén posúe unha lámpada de infravermellos, igualmente automatizada polo controlador, que permite manter unha temperatura media uniforme, temperatura que pode variar entre un máximo e un mínimo. Actualmente témola posta a 37,5 ºC de media, máis menos 1,5 ºC.

 

incubadora

 

Conta tamén dun sistema de evaporación de auga e un ventilador permanente que serve para uniformar as condicións ambientais das dúas cámaras. A parte interna está completamente illada con panel de espuma de poliestireno estruído, mentres que polo exterior vai unha cuberta transparente de PVC flexible que se cubre con manta térmica para evitar fugas de calor pero que se pode quitar para ver o interior e incluso facer limpeza ou acondicionamento.

 

Empregamos a incubadora para estudar a formación dos pitiños e as características do seu desenvolvemento. Algunhas cuestións que estamos analizando están relacionadas co estudo da fertilidade dos ovos que cremos que depende da temperatura de incubación, da humidade relativa, do seu peso, das características da casca e, naturalmente, das características da ave que os puxo.

 

Agora mesmo pescudamos a influencia do peso dos ovos e das características da casca no seu desenvolvemento. A hipótese é que os ovos teñen que manter un rango de perda de peso para ser viables. Esta variable depende da masa do ovo e da capacidade de transpiración da casca. Neste sentido expoñemos aquí os datos que obtivemos ata agora nun experimento con 36 ovos, todos obtidos do mesmo curral onde viven 7 galiñas de diversas idades e un galo. Os ovos están numerados e sempre se colocan no mesmo lugar da incubadora para observar se existe algunha influencia pola distancia á fonte de calor (lámpada de infravermellos).

 

 

 

 

A lenda correspondente a cada ovo comeza por un número de orde seguido dunha parte literal. Esta última refire o tamaño de cada ovo empregando as primeiras letras do abecedario:

Ovos de peso superior a 65 gramos --> A;

Peso entre 60 e 65 g --> B;

Peso entre 55 e 60 g --> C;

Peso inferior a 55 g -->D;

 

Despois desta letra engádese un "X" en caso de que se comprobase a inviabilidade do ovo mediante contraste visual nunha fonte de luz intensa. O "X" indica que o ovo está "morto".

 

Aquí poden verse as pendentes das rectas de regresión de cada serie correspondente a cada ovo (canto máis negativa é, máis perda de masa indica):

 

Ovo 01 Ovo 02 Ovo 03 Ovo 04 Ovo 05 Ovo 06 Ovo 07 Ovo 08 Ovo 09
-0.35 -0.36 -0.34 -0.42 -0.54 -0.56 -0.73 -0.41 -0.67

 

 

Ovo 10 Ovo 11 Ovo 12 Ovo 13 Ovo 14 Ovo 15 Ovo 16 Ovo 17 Ovo 18
-0.056 -0.65 -0.70 -0.84 -0.57 -0.39 -0.42 -0.43 -0.34

 

 

Ovo 19 Ovo 20 Ovo 21 Ovo 22 Ovo 23 Ovo 24 Ovo 25 Ovo 26 Ovo 27
-0.20 -0.60 -0.21 -0.64 -0.50 -0.98 -0.46 -0.42 -0.48

 

 

Ovo 28 Ovo 29 Ovo 30 Ovo 31 Ovo 32 Ovo 33 Ovo 34 Ovo 35 Ovo 36
-0.60 -0.56 -0.46 -0.49 -0.36 -0.43 -0.31 -0.37 -0.33