.....::    fonte.es     2024-05-05
 




A cochinilla parda, un insecto peculiar


Este pequeno estudo trata sobre o insecto denominado "cochinilla parda" (Chrysomphalus aonidum) que é unha praga de árbores froiteiras e de plantas ornamentais. Este insecto aliméntase do zume das plantas, especialmente das árbores froiteiras (cítricos, aguacate...). Caracterízase por ter unha cor marrón e unha forma ovalada adoita vivir ancorada aos nervios das follas e talos tenros. Segrega un néctar ou melaza que resulta atractivo para as formigas e que causa unha relación de simbiose entre ambas as especies.

 

Esta especie tan peculiar chegou a Galicia cruzando o Atlántico a bordo de plantas ornamentais e estase aclimatando á nosa terra debido ao cambio climático.

 

A cochinilla parda

 

Chamounos a atención este insecto pola melaza que segrega e polo estilo de vida que leva. Un día observando unha planta, un familiar noso decatouse de que as follas e o chan estaban salpicados de unha substancia parecida a un xarope. Pareceulle que era a planta que rezumaba esa substancia e trasladouna de lugar. Aos poucos días viu que outra planta contigua á primeira acusaba dos mesmos síntomas. Non podía ser que dúas plantas distintas segregasen a mesma substancia. Así que revisou ben as plantas e observou como había unhas pequenas lentellas pegadas polo envés. Consultou por Internet e atopou o nome do bicho: a cochinilla parda.

 

Púxose este amigo en contacto con nós e comentounos o caso. Non sabiamos da existencia de tal parasito nin de que zumegaba azucre. Así que collemos unha das súas plantas infectadas, un aguacate, e buscamos o xeito de reproducir o insecto. Para elo colocamos unhas euforbias (plantas de Nadal) a carón do aguacate. Esperamos unhas semanas... pero nada, non houbo éxito. Cambiamos de estratexia: colocamos unhas follas do aguacate enriba doutras da euforbia. Isto si funcionou. Ao cabo duns días tiñamos pequenos insectos (case invisibles) pegados ás follas verdes e vermellas da euforbia.

 

 

Noso amigo díxonos que as plantas que puxera no balcón se lle enchía de formigas, e cría que subían polas follas en busca do néctar que deixaban as cochinillas. Dito e feito: propuxémonos construír un terrario que tivese espazo para formigas e para plantas contaxiadas de cochinilla. Fixémolo nunha caixa de plástico transparente para ver como se establecían lazos entre as distintas especies que alí iamos colocar. A caixa ten 60 litros, espazo suficiente para dar cabida a dous compartimientos: un para manter vivas ás plantas que serven de sustento ás cochinillas e outro para albergar ás formigas. As formigas dispoñen dunha zona de paso controlada para estudar os seus movementos e poder interrompelos a vontade. Para elo colocámoslle un pasadizo feito cun tubiño de plástico que leva un tapón no extremo e así podémolo abrir ou pechar a vontade.

 

 

Para provocar a infección de vexetais, construímos un habitáculo ao que chamamos “infectódromo”. Consiste nunha caixa de madeira cunha pantalla transparente de plástico flexible na que se introducen os vexetais impolutos que desexamos contaxiar con outros que xa teñan praga. Probamos con plantas de aguacate como especie infectadora, e plantas de euforbia, aloe e amaryllis (todas ornamentais) como receptores. De momento conseguimos criar cochinillas, non moitas, pero todo se andará.

 

Imos facer un estudo estatístico da velocidade de reprodución das cochinillas. Acompañaremos este estudo coa observación da cochinilla cun microscopio para observar os seus hábitos.

 

 

O experimento está en marcha, pero conseguir que as formigas críen non foi doado. Nestes intres, coa primavera un pouco fría aínda, non fomos capaces de facer medrar o formigueiro. Si, hai formigas pero apenas saen do chan e non sabemos se se están reproducindo no fondo do chan ou se xa morreron por non atopar un espazo axeitado.

 

Con todo, quixemos investigar o ciclo vital deste insecto para entender o seu proceso reprodutivo, a súa capacidade de expansión, que danos causa nos vexetais e estudar a simbiose que mantén coas formigas. Tamén buscamos posibles utilidades deste animaliño tan peculiar.

 

 

Buscamos que este insecto se mantivese vivo o tempo suficiente para ver varios ciclos reprodutivos e observar o modo en que as formigas entran en simbioses coas cochinillas. De momento vimos que son insectos bastante lonxevos pois duran en fase adulta uns 3 meses. Teñen un xeito moi raro de reproducirse pois apenas se moven do lugar. Queremos confirmar un dato que lemos nalgún sitio, que parece ser que as femias se poden reproducir de xeito asexual... sen intervención do macho. A verdade é que non sabemos distinguir machos de femias mentres non teñen crías. Polo que observamos ao microscopio, as femias teñen como unha cavidade abdominal onde acumulan ovos? Que se converten en crías pequenas ao cabo duns días (non sabemos dicir cantos). O que observamos é que estes pequenos seres parecen naves nai (en galego no se di naves “nodriza”) das que saen minúsculos fillos con mobilidade moi reducida.

 

 

Tamén nos propuxemos observar o ciclo biolóxico da cochinilla, o seu modo de reprodución e a súa velocidade de crecemento poboacional. Esto vai na liña de comprender o estilo de vida do insecto para ver as súas fortalezas e debilidades. Outro obxectivo é entender que tipo de relacións se establecen entre as formigas e cochinillas pero, como xa dixen, aínda non nos deu tempo de observar este tipo de relacións por falta de formigas.

 

Por último, pensamos nas posibles utilidades deste insecto (porque os prexuízos son máis evidentes). Cremos que os zucres que segrega se poden aproveitar porque son fáciles de recoller das follas. Estamos mirando se é posible recoller esta melaza de papeis de plástico colocados a carón e por baixo das follas infectadas.

 

 

Outro obxectivo da investigación é saber que zucres libera a cochinilla e as súas propiedades. Estes glúcidos poderían ser útiles para a industria farmacéutica e mesmo para a industria alimentaria. Coñecemos que outros tipos de cochinilla se usan como colorantes alimentarios, por exemplo, o E-120 (ácido carmínico), que se emprega como colorante en iogures de amorodo e barras de beizos, O ácido carmínico extráese da cochinilla branca, un insecto que parasita o cacto coñecido por “chumbeira” (en Lanzarote existen explotacións en plantacións de chumbeiras). Non obstante, este colorante está a ser substituído polo E-124, un produto que se sintetiza a partir do petróleo.

 

 

A velocidade de dispersión dos animais depende moito da velocidade coa que poden trasladarse. A cochinilla parda apenas se move polo que cremos que as formigas son capaces de pastoreala e tamén de dispersala. Así, as formigas poden trasladala duns lugares a outros de forma máis rápida. Pero aquí xorde unha cuestión: como saben as formigas que plantas favorecen o crecemento da cochinilla? Como saben que plantas lles “gustan”? Ao fin e ao cabo, as formigas galegas nunca estiveron en contacto coa cochinilla parda.

 

Por todo o que levamos contado, consideramos que a cochinilla é un bo candidato para estudos de laboratorio pois non require de moitos coidados e a súa observación é sinxela. Tampouco hai que vixiar que escapen. Resulta fácil traballar con este insecto polo que seguiremos estudando o seu sistema de vida e as súas posibilidades.