.....::
fonte.es
2019-04-05
|
||||
Saxitario A - O enigmático burato negro do centro da GalaxiaFaltan uns días para que os astrónomos nos ensinen como é o centro da Galaxia. A Vía Láctea xira arredor dun burato negro de dimensións titánicas. Ten unha masa de 4 millóns de soles e ao seu carón hai outro millón de masas solares danzando e caendo sen remedio cara o seu interior. O lugar pinta dantesco, en tensión, frenético. Trátase dun muíño xigante de triturar estrelas, un enigma onde o espazo e o tempo perden a súa razón de ser.
Un viaxeiro do futuro que se achegase a el tan cerca coma nós estamos do Sol, sentiría unha forza de atracción 2400 veces superior á gravidade terrestre (sen ter en conta outras forzas inerciais). Unha aceleración tan bestial faría que unha man do teórico astronauta pesase tanto coma un coche. Tanta forza exerce o monstro contra a materia que o rodea que a esfiaña (en linguaxe técnico dise que "espaguetiza" a materia). Nubes de plasma a millóns de graos centígrados resplandecen ao caer nos arredores do burato, no espazo limítrofe coñecido como "horizonte de sucesos". Tan aceleradas caen as partículas que emiten radiación X de alta intensidade antes de precipitarse. Máis aló desa fronteira está unha singularidade inaccesible e misteriosa. Nada pode saír dela, nin sequera a luz, que se desvía do camiño recto e tamén cae. Realmente o tecido espacio-temporal está tan curvado que a luz segue liñas xeodésicas que se perfilan como "atallos" no seu movemento.
Saxitario A* é un misterioso obxecto celeste que, ata agora, se ocultou moi ben da vista dos humanos e dos seus radio-telescopios tras un velo de po e gas que impide percibilo con claridade. Agora, un grupo de científicos de todo o mundo puxéronse a traballar en común para sacarlle un retrato a este mundo afastado de nós 26.000 anos-luz (un cuarto de trillón de km = 250.000.000.000.000.000 km = 2,5x1017 km). Para darse unha idea do mérito deste reto diremos que sería o equivalente a sacarlle unha foto clara a unha pelota de béisbol colocada na Lúa. A técnica usada chámase interferometría e, a efectos prácticos, equivale a facer de varios telescopios un só pero do tamaño do planeta, e todo grazas a traballar sincronizados. Estaremos atentos ao que pase o día 10 de abril, data na que será revelada ao público a primeira imaxe do corazón da nosa Galaxia, a dun burato negro supermasivo que, probablemente, non será tan negro coma o pintan. Seguro que haberá sorpresas e seguro que xurdirán novas interrogantes. |