.....::
fonte.es
2021-08-25
|
||||
Praia de CaiónA praia de Caión é un lugar idílico situado a carón da vila do mesmo nome, sita nun promontorio costeiro do concello coruñés de A Laracha. As súas augas son moi transparentes e a súa area fina, finísima. O entorno natural deste enclave é sumamente privilexiado e, con razón está protexido coa figura de LIC Costa da Morte. Hai vieiros de sendeirismo por todas partes que che permiten facer longos paseos tanto a carón dunha costa ateigada de cantís baixos e areosas enseadas coma polos frondosos e frescos montes.
Entrando no areal, contra o lado esquerdo, desemboca un regato que molla permanentemente a area e a mantén fresca. O areal ten medio quilómetro de ancho e moi pouca pendente polo que o bañista pode meterse na auga ata moi lonxe facendo pé.
En canto aos servizos, aparte dos que proporciona Caión, ten os que lle dan dereito a lucir unha bandeira azul. Hai servizo de socorro, aseos, duchas, chiringuito, aparcamento público, aparcamento para autocaravanas, merendeiro con mesas e bo sinal telefónico.
A continuación deixo unha pequena galería fotográfica que reflicte a beleza do lugar.
Moi preto da praia, aproximadamente a 1 km, subindo unha empinada costa pola estrada en dirección á Laracha, está o santuario da Virxe dos Milagres de Caión. O seu día grande é o 8 de setembro, unha festa declarada de interese Turístico de Galicia. Uns días antes a xente en procesión sobe á Virxe dende a igrexa parroquial ata o santuario. Á saída do santuario, á dereita, hai unha fonte construída en 1828. Ten auga pura e cristalina que, segundo as crenzas populares, é milagreira pois a xente atribúelle propiedades curativas sobre problemas na pel. Os peregrinos mergullan un pano na auga e póñeno a secar. En canto seque, todos os males desaparecerán. Durante os días de romaría a fonte cóbrese cun veo branco. Tamén é tradición do pobo caionés cubrir o manto da Virxe con billetes que lle poñen como ofrenda polos beneficios concedidos.
Imaxe de 360 graos da contorna de Caión.
|