.....::
fonte.es
2022-08-07
|
||||
Praia das IllasA Mariña lucense garda moitos lugares marabillosos que descubrir. Sobresae internacionalmente polo seu encanto a praia das Catedrais, na que o visitante queda marabillado pola grandiosidade deste monumento natural. Neptuno quixo presumir facendo de escultor e así deixou a súa atlántica pegada nunha morea de obras de arte ao longo deste litoral. Nesta ocasión estivemos gozando da praia das Illas e da praia dos Castros, dous lugares fabulosos ao carón do areal das Catedrais.
A continuación deixo unha pequena galería fotográfica do lugar.
Chégase a elas indo pola estrada nacional N-634 que une Barreiros con Ribadeo, ou tamén pola estrada local LU-P-0610 que vai a carón da costa. Estas non requiren de entrada previa para poderen ser visitadas e permiten unha estadía tranquila e sen aglomeracións. Aínda que estas praias non se somerxen coa preamar (como sucede nas Catedrais), é moi recomendable visitalas coa marea baixa porque as rochas dos cantís e illotes quedan á vista, o que permite explorar o verxel de vida que nelas se agocha. Mirando nas pozas é posible observar gran diversidade de actinarios, moluscos, crustaceos, e ata algún polbo despistado.
Iso si, cómpre andar con coidado e non se achegar por mar aos muros de pedra que se levantan verticais coma unha tarta de milfollas entre os bancos de area: coa mar viva, hai perigosas correntes que poden levar ao incauto bañista contra as rochas.
|