.....::    fonte.es     2025-07-21
 




Na illa de Arousa


A ría de Arousa é un pequeno universo dentro de Galicia. Desde Aguiño no norte ata O Grove no sur, non chega un verán para coñecer todos os enclaves de interese que naceron na ribeira do Ulla, nas marxes dese singular encontro que fai o río co océano Atlántico. Non cabe dúbida de que a ría de Arousa é a máis produtiva das rías galegas. Destacan as vilas mariñeiras de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Vilagarcía, Vilanova e O Grove, que viven da pesca, do marisqueo e das bateas, e -dun tempo ata agora-, da industria, o comercio e o turismo.

 

Nesta ocasión, achegámonos ata a illa de Arousa movidos pola curiosidade de coñecer mellor unha illa que xa visitaramos fugazmente e que acabou conquistando o noso corazón. As fotos que compartimos son das praias de Xastelas, Lameira e dos Espiños no sur, e da reserva natural "Zona Intermareal do Carreirón";  outras foron tomadas preto da praia de Pombiñas e da cala Trofeso no norte da illa.

 

Nos meses de verán esta zona énchese de visitantes que buscan unha excelente combinación entre natureza, temperaturas moderadas e bos servizos turísticos. Un consello: evitar as horas punta tanto no acceso como na saída da illa durante as fins de semana. A ponte de 2 quilómetros que enlaza a illa co continente vese frecuentemente comprometida polo intenso tráfico e as retencións.