.....::
fonte.es
2018-04-02
|
||||
Sen palabrasConfeso que me sinto en cueiros cando escribo en galego. Cada pouco teño que botar man do dicionario para mirar se algunha palabra que me ven á cabeza existe ou non. O outro día dubidei dun termo... un que uso cando quero meterme con alguén que está estouciñando nun aparello e non dá feito que funcione. Dígolle ao mecánico se furrula. Furrula?
Pois mirei no dicionario da Real Academia Galega (RAG) e non aparece furrular. Menudo chasco! Se a usa todo o mundo (na aldea). Despois mirei se é un castelanismo, pero tampouco aparece no dicionario da Real Academia Española (RAE). Investigando por Internet descubrín que é unha palabra do asturiano que significa exactamente iso que eu pensaba. Mágoa que non sexa galega. Un pouco ferido no orgullo, mandeille un email ás xentes da RAG para que me aclarasen o asunto pero non contestaron. Estou un pouco decepcionado porque teño máis dúbidas que consultar e se cadra fico con elas para sempre...
Non son poucas as veces que me meto coa miña sogra porque fala raro. Vouna describir tomando prestada unha das súas palabras: é algo papexa. No seu día mirei o que significaba papexo/a no dicionario e non ten moito que ver co que ela quere dicir. A RAG di que papexo é o mesmo que lareto, unha persoa que non garda os segredos (cotilla en galego é un tipo de serra). Pero miña sogra chámalles papexos aos que se atafugan ao falar. Atafugan?
De segundas teño que mirar o dicionario. Non sei o que significa atafugar. No dicionario da RAG non aparece. Aparece "atafegar" que significa "impedir a respiración ou facer respirar con dificultade", o mesmo que sufocar ou abafar. Pero miña sogra tampouco o di nese sentido. Ela indica que te vas atragoar. Pois volvín a mirar en Internet e quedei pampo. Resulta que hai un dicionario do 1769 chamado "Sobrino aumentado" (daquela, unha referencia para traducir as linguas hispanas ao francés), que trae a acepción de atafugar tal como a entende miña sogra. Lourdes é unha persoa maior e, xa se sabe... máis sabe o demo por vello que por diaño!
Noutra ocasión oínlle dicir algo coma isto: "Estou ghipando como cociñas esa ghaldrallada".
Púxenme mans á obra e busquei o que significa guipar (ela dio con gheada). Pois nada, que tampouco aparece no da lingua galega. Pero si no da lingua española, co significado de mirar ou vixiar. Despois busquei galdrallada pero tampouco atopei tal cousa. Pareceume que podería vir de goldrallo que significa algo podrecido ou noxento. Seguramente sexa iso. Como vedes, toda sogra ten un lado bo que hai que descubrir. No meu caso, o de aprender galego de cerna. Fai cousa duns días que empecei a apuntar os seus ditos. Uns valen e outros non. Os que non valen están moi claros xa que son adaptacións que fai ela de palabras modernas. Chámalle "ghasoi" ao gasóleo, "oríficos" aos audiófonos e "Fujimón" a Puigdemont. |