Weltanschauung
Xa responderon os da Real Academia Galega (RAG). A palabra "furrular" non pode incluírse no seu dicionario porque é unha expresión coloquial sospeitosa de castelanismo. O galego ten que ser un idioma impoluto, incorrupto, alonxado de vulgares contaminantes. O dicionario RAG é un expoñente do refinamento expresivo e intelectual do noso idioma galego. As palabras coma "furrular" desbótanse, quedan como refugallo para dicionarios secundarios coma o Estraviz, de perversa normativa reintegracionista.
Pasou un mes da miña consulta e dende aquela xuntei algunhas dúbidas máis. Miña sogra é unha fonte inesgotable de vulgaridades que anoto sistematicamente, día si e día tamén. As máis salientables non están no excelso dicionario RAG e serán motivo de novos requirimentos. Aí van algúns exemplos:
Que significa "poma" na frase "ir buscar á poma"?.
Que é un porco de posto? (si, "posto"; que non me trabuquei coa frase "un porco deposto").
Na frase "non axín a tantas mulleres"; que é "axín"? (pretérito perfecto do verbo "axir", supoño).
Mentres buscaba e rebuscaba no dicionario apareceu outra dúbida: non daba atopado en galego a palabra equivalente a "güisqui". No capítulo dedicado á letra "g" non había licores. Mirando no apartado da "w" atopei sen querer a máis bonita de todas as palabras do galego universal: weltanschauung. Foi de choupa (perdoade, choupa tampouco ven no dicionario).
Weltanschauung... e poñía isto: "Xeito de concibir o mundo e a vida". Soábame a alemán e mirei nun tradutor alemán-galego. Poñía que weltanschauung é un xeito de concibir a vida. Un xeito de cosmovisión. Cosmovisión! outra palabra que hai no galego. E logo, para que necesitamos os galegofalantes a palabra weltanschauung? Cal foi o motivo de meter esta palabra no galego oficial e non introducir outras. Así, poño por caso, kernel (que significa núcleo), bundesliga (liga alemana) ou führer (un líder), moito máis coñecidas e usadas polo vulgo.
Xa a última. Por que son galegas as palabras pizza, tallarín, ravioli e spaghetti e non o son fideuá ou tortellini (todas elas aparecen no dicionario castelán da RAE)?
Hai outras palabras que non me atrevo a consultar pero creo que son propiamente galegas. Todas elas empezan por "lambe" máis "unha parte da cintura para abaixo do corpo".
Miña sogra é moi chunga... Chungo/a tampouco aparece no dicionario RAG. Quizais sexa debido a que procede do caló, o idioma dos xitanos españois (descoñezo se os xitanos galegos falan caló).
Deseguido deixo algunhas imaxes extraídas do Tesouro Informatizado da Lingua Galega onde se aprecia a cantidade de veces que aparecen as palabras que antes mencionei nesta escolma de textos representativos do galego histórico. Tamén deixo un exemplo de coloquialismo aceptado pola RAG: caldeiro co significado de cárcere
FURRULAR
POMA
AXIR
WELTANSCHAUUNG
CALDEIRO - Acepción coloquial admitida pola RAG
|