.....::    fonte.es     2019-01-27
 




Pirámide de poboación galega


Pirámide de poboación galega en 2018

Esta é a pirámide de poboación galega en 2018. A súa figura parece un fungo nuclear, como aquel que sae despois dunha detonación atómica. A imaxe reflicte unha catástrofe demográfica tan profunda como a que se produce despois dunha guerra. A este paso Galicia quedará sen a metade da súa poboación en 50 anos. Para remediar este desastre so hai dúas alternativas: ou se promociona a natalidade ou se facilita a inmigración (ou ámbalas dúas cousas).

 


Nesta estatística chama a atención que haxa máis xubilados que menores de 30 anos. Ademais, dos 80 anos para arriba hai o dobre de vellas que de vellos. Tamén resulta chamativo que cada vez nazan menos rapaces, sendo inferior o número de nenas que de nenos en cada lustro.

 


As consecuencias serán traumáticas. Dentro de 30 anos haberá tantos vellos que a xente nova non poderá atendelos. Algo disto xa sucede actualmente pois son moitos os mozos que non poden renunciar ao traballo para atender aos seus pais. Este asunto non irá a menos, polo que cada vez se necesitarán máis persoas dedicadas á xeriatría en Galicia. A industria galega do futuro será a atención a terceira idade.

 

Deberemos acostumarnos a reservar asilo dende os 50 anos. Seguramente se inventará un seguro de xeriatría vencellado aos plans de pensións para ir financiando gastos de residencia ou atención doméstica.

 


O campo despoboarase e a poboación galega concentrarase nas urbes. A perda sucesiva de servizos no rural fará que este proceso se acelere nos vindeiros anos. Así veremos como as sete cidades máis grandes medrarán lixeiramente e as vilas e aldeas irán a menos. Así pode verse como entre 2017 e 2018 mingua aceleradamente o rural de Ourense e Lugo fronte ao crecemento das sete principais cidades, salvo Ferrol e Vigo. Santiago pasará a Lugo en habitantes en 2019.

 

Despoboación galega, sobre todo no rural