.....::
fonte.es
2019-12-26
|
||||
Tomate urbanoA cabeza dos científicos non para. Agora deulles pola enxeñería xenética e aí os tes, remexe que te remexe en todos os caixóns do ADN a ver se atopan algo que esnaquizar. E canto máis colorido sexa, mellor.
Non é de estrañar que un dos divertimentos favoritos dos biólogos sexa o tomate. Están empeñados en mellorarlle o sabor e o valor nutricional. Agora, un equipo de investigadores produciu unha variedade de tomates "cherry" que dá moitísimos froitos en pouco tempo. Están tan entusiasmados que chegaron a dicir que esta é a planta ideal para ter no balcón ou no horto urbano. Afirman que contribuirá a evitar a degradación do solo rústico por estrés agrícola e que fomentará a conciliación entre o mundo rural e o urbano.
Esperando producir unha planta de tomate máis compacta, os investigadores modificaron tres xenes que inflúen nos patróns de crecemento dos tomates "cherry". Os dous primeiros, coñecidos como xenes PRUNI SELF e SP5G, provocaron que a planta de tomate deixase de medrar e que botase as flores máis cedo. A colleita adiantouse pero sacrificando o seu sabor. Menudo "tomate" despois de anos investigando!
"Cando estás xogando co cultivo dunha planta, estás xogando co sistema enteiro, e facer cambios positivos nalgunhas características repercute negativamente noutras”, explica o co-autor do estudo Zach Lippman, un biólogo do Laboratorio de Cold Spring Harbor Laboratory, no Estado de Nova York.
Un golpe de sorte chegou cando Lippman e os seus colegas identificaron un terceiro xene, SIER, o cal controla a lonxitude das raíces da planta. Segundo Kat Eschner, colaboradora de Popular Science, o equipo utilizou a técnica de edición CRISPR para modificar os tres xenes e así mellorar os parámetros que regulan no desenvolvemento do tomate: un tamaño compacto, os froitos en ramallo e as raíces máis longas.
"Son algo pequenos, pero pasan ben", di Lippman, aínda que todo sabor depende dos gustos particulares.
O máis sorprendente destes tomates é o seu rápido crecemento, xa que son capaces de medrar e madurar en menos de 40 días. Isto significa que, nun clima benigno e cos fertilizantes axeitados, poderíanse obter ata 8 colleitas anuais!
Esta variedade transxénica de tomateira podería estenderse facilmente como planta ornamental coa vantaxe de que se pode comer. Faltan máis probas para demostrar a súa resistencia ás pragas e á polución urbana. Se todo fose ben, este vexetal podería render ate un 30% do consumo total de tomates nas cidades, sempre e cando se cultivasen masivamente nas terrazas e balcóns.
Os científicos salientan os beneficios medio ambientais derivados da extensión urbana deste cultivo: reduciríanse as emisións debidas ao transporte de mercadorías e poderíanse reciclar os propios desperdicios domésticos que servirían de abono. Ademais serviría para achegar a cultura natural a un mundo cada vez máis electrónico.
Máis información: https://www.smithsonianmag.com/smart-news
Queda por ver se esta hortaliza supera ao tomtato, outra variedade artificial de tomate. O tomtato fíxose famoso fai pouco tempo (2013). Tamén é un "cherry" que da patacas, vamos, o cultivo ideal para a horta galega. Aquí deixo un enlace por se alguén quere comprar tomtatos online. Lémbrovos que tomtato é unha marca rexistrada (non vos quededes coas sementes, que é ilegal).
|