.....::    fonte.es     2019-12-28
 




O papel dun millón e medio de libras


Si ho si! Se entras na tenda online "Ebay" verás que se vende de todo. A miña sorpresa foi cando atopei esta folla de papel tamaño DIN A4 por valor de millón e medio de libras esterlinas (1.760.000 euros aproximadamente e 8 euros e pico por gastos de envío). Aquí vos deixo o enlace a este artigo por se ides sobrados de "cash" ou tedes ganas de leria.

 

Papel caro

 

O vendedor do artigo pinta a súa iniciativa con optimismo xa que pretende facer famoso ao comprador que confíe nel. Se o negocio fose adiante, a prensa máis sensacionalista seguramente que se faría eco da noticia, faríase famoso, e estenderíase a súa proeza polas redes a fume de carolo. Seguro que ambos se sentirían afortunados e pasarían á historia.

 

Hai máis ofertas de papel e doutros accesorios a prezos escandalosos. O caso é que se venden a pesar de ter un custo exorbitado. Fai algúns días que alguén mercou unha botella de medio litro baleira, de auga mineral,  por 950.000 euros tamén en Ebay.

 

Botella de auga cara

 

Outro punto de vista que propón o enigmático "spenceyeama_0" para animar aos potenciais compradores é que miren este artigo con ollos de filántropo. De feito un papel é unha obra de arte tan exclusiva coma o "plátano amarrado a unha parede con cinta americana", de Maurizio Cattelan, vendido por 120.000 dólares e que comeu in situ un tal David Datuna. Outra célebre obra de arte de similares características pola que se pagaron 275.000 euros nunha subasta de Milán é "merda de artista" de Piero Manzoni, da cal fixo moitas versións. Como aclaración para os máis escrupulosos: "merda de artista" nin cheiraba nin manchaba xa que o excremento do autor ía perfectamente enlatado.

 

plátano atado a unha parede e merda de artista

 

Xa sabedes, se queredes dar un pelotazo tédelo fácil coas novas tecnoloxías e o mercado global. Seguro que se vos ocorre algo que ofrecer moi exclusivo a un prezo razoable. Seguro que este método é mellor que xogar á lotería.