.....::
fonte.es
2020-07-17
|
||||
A planta que ao escaravello espantaEste ano terei poucas patacas por culpa da Covid-19 que arruinou os meus plans agrícolas. Comprei dous sacos da Kennebeck para plantar a principios de marzo pero só puiden poñer un a finais de maio. O outro saco quedou ben gardado na palleira. Dentro duns meses nel haberá patacas pasas. As que plantei encheron 100 metros cadrados de terreo que é de abondo para enredar. Así que este ano conformareime coa metade da colleita que tiña previsto sacar ou incluso con menos... porque estas patacas foron tarde. Cando as puxen os gromos quedaban asomando por fóra da terra e xa botaban as primeiras follas.
Nesta hortiña tamén puxen cabazos, verzas, leituga, tomates e pementos. Como non tiña moito sitio (nin moitas ganas de traballar), sementei as xudías no perímetro das patacas, alí onde xa estaba a terra fresada e branda, xusto o que convén para espetar as varas ben fondas. A caixa das xudías poñía que subían pouco e que daban casulas redondas, amarelas e manteigosas, como a min me gustan.
Unha semana antes, aproveitando uns días de bo tempo, vesei a terra e freseina. Aquel día tamén sementei leituga e un pouco liño, planta que nunca vira e que tiña curiosidade de saber como era. Lembro na miña vella casa ós apeiros para traballar o liño. Sempre se falou del coma dun rei candongo en tempos republicanos: un cultivo emérito moi importante para os devanceiros pero que daba máis traballo do que valía. Así que, nunca mellor dito, a xente da aldea desterrouno en tempos da posguerra e mudou os seus quereres polo poliéster.
Así coma do porco, do liño aproveitábase todo. Arrincábase coa raíz e somerxíase no río durante nove días, mazábase e despois deixábase secar para separar a febra téxtil fina da máis basta. Da febra grosa sacábase a estopa, un produto pouco demandado que tería moita utilidade nos tempos que corren. Das súas sementes extraíase o aceite de liñaza que servía para vernizar e para facer pintura (o famoso linóleo ou pintura ao óleo).
Deume as sementes do liño unha rapaza que as mercou no súper para botar no iogur. Díxome que llas tirase ás galiñas. Pregunteille por que as tiña. Díxome que eran tan boas para o intestino coma o "Tres en uno" para afrouxar
O caso é que as patacas medraron a carón do liño, rodeadas de xudías e cabazos. Só as mondei unha vez e, de paso, achegueilles terra. Esta é unha labor que lle dá moito a vida aos tubérculos, moi habitual na nosa terra, que nun sitios lle din vesar, noutros arrendar e noutros aporcar. Despois mirei se necesitaban unha man de sulfato. Nos últimos tempos sempre dispoño duns cantos frascos de veleno para botarlles aos escaravellos en canto pousan os seus ovos nas miñas patacas. Pero este ano non tiven que sacar a sulfatadora.
Nun primeiro momento pensei que o confinamento mediante xudías lles afectaría a eses noxentos bichos laranxa porque lles dificultaba a manobra de aterraxe. Pero despois reparei en que puidera ser cousa do liño e non das xudías. Intrigado mirei se había algo en Internet que aclarase o asunto ou ofrecese algunha explicación. Pois resulta que si, din con unha. No libro titulado "Tratado de agricultura ecológica" de Antonio Cánovas Fernández (que atopei nun fondo bibliográfico da Xunta de Andalucía), aparece unha referencia a este efecto.
Resulta que o liño é un repelente do escaravello das patacas, tal vez porque as súas raíces segregan lineína, un tóxico para moitos organismos, tanto animais coma vexetais. Segundo di a Wikipedia, o liño consome moitos nutrientes do chan e, por se fora pouco, libera nel a lineína que inertiza o chan e se cadra mata as larvas dos insectos. Tal vez por iso se cultivaba en rotacións con outros vexetais para evitar o esgotamento do labradío. En Holanda seica alternaban nabos ou colza con trigo e liño, así cada tres anos. Aquí non sei como facían antigamente, malia que lle preguntei a miña sogra que sabe de todo...
Cóntovos isto para que comprobedes na vosa horta se é certo o remedio. Eu xa fixen plans para o ano que vén: botarei un rego de liño entre catro de patacas e plantarei algunhas xudías polas beiras para que o escaravello non as atope. Funcionará?
|