.....::
fonte.es
2021-02-27
|
||||
Dúas falcatruadas do SERGASTede coidado se mirades a páxina web do SERGAS onde se publican os datos da Covid-19, sobre todo se sodes coruñeses. Supoño que non vos queren desprezar ou apoucar, pero resulta que escribiron “A coruña” no título da sección da vosa área sanitaria. Bo, unha pequena falta de ortografía sen importancia... É que agora somos moi exquisitos!
Dinme conta da eiva porque miro esta páxina acotío. Consúltoa para coñecer como vai a cousa da Covid-19 en Galicia, se mellora ou empeora. Confío en que son datos transparentes que chegan dende, supoño, as diferentes comandancias de saúde do país e que van para ao servidor xeral da Xunta. Estes datos son coma o parte do tempo, coma ese mapa que miras no telexornal para saber se dentro duns días seguiremos coa borrasca enriba ou se teremos que cubrir a chencha cun sombreiro.
Confésome maniático das contas e un pouco teimudo. Hoxe sábado tiña tempo pola mañá e ocorréuseme facer unha pequena comprobación: contrastei a web da sala de comunicación do SERGAS coa web dos datos da Covid-19, xa que na primeira indícase o número de enfermos que están na casa mentres que na segunda non.
Vexamos:
5.367 enfermos na casa + 419 enfermos no hospital = 5.786 enfermos totais
Che! Para o carro! Hoxe disque hai 5.900 enfermos, así, redondos!
Onde demo estará o fallo? Remexín media hora os miolos para atopalo... pero non caía da burra... Ata que vin unha luz: Xa está, atopeino! Faltaban por sumar os 114 enfermos de coidados intensivos:
5.367 enfermos na casa + 419 enfermos no hospital + 114 UCI = 5.900 enfermos totais
Agora si. Agora todo cadra. Pero claro, a min confundíame iso de que non meteran aos enfermos da UCI no hospital...
Pero... se os enfermos de coidados intensivos non contan como hospitalizados, ao mellor non están nos hospitais? Daquela, onde raio os meterán?
|