.....::    fonte.es     2021-07-12
 




De pesca entre Santa Isabel e o Piago


Santa Isabel é unha fantástica área recreativa situada a carón do río Miño, moi preto de Outeiro de Rei (Lugo). Durante as fins de semana está ateigada de xente que vai comer e relaxarse baixo da espléndida carballeira que fornece de sombra ás mesas e bancos de pedra e churrascos que alí abondan. A súa contorna está chea de camiños para facer sendeirismo, tanto percorrendo a ribeira do río coma distanciándose contra o monte, por non mencionar a posibilidade de visitar o zoo de Marcelle.

 

Santa Isabel

 

 

Santa Isabel - Ribeira

 

Quixen distraerme dando un paseo a carón do Miño e collín polo sendeiro que vai dende o muiño de Santa Isabel ata o Piago (unha represa feita para unha central hidroeléctrica antiga), a tres quilómetros río abaixo, outra zona preciosa onde se vai refrescar moita xente da comarca.

 

Muiño de Santa Isabel

 

Non andei máis de dez minutos cando vexo que hai pescadores exercendo o oficio con moito sixilo. Non parei a mirar nin sequera saudei porque sei que molesta. Tamén molestaba o tufo que parecía vir dun caseto que interpretei coma unha corte de animais. Pero non era tal. Dinme conta polo regato branco que saía por baixo da súa parede e que baixaba por uns chanzos antes de meterse no Miño. Era unha estación de tratamento de augas residuais, non sei se do concello ou dalgunha empresa da zona.

 

O caso é que os tres pecadores que vin durante uns segundos estaban faenando xusto na zona do vertido. Incrible! E tiñan éxito! Un deles a pouco máis cae ao Miño coa emoción de enganchar unha troita de 300 gramos. Quen me dera!

 

Pescadores

 

Uns pasos máis adiante estaban os seus coches, aparcados á sombra, a carón da pista que leva ata a depuradora. Un parecía como se estivese acendido... e achegueime con curiosidade. Pensei que estaría prohibido pescar naquel lugar e que o tería preparado para a fuxida. Volvinme a equivocar: o ruído non viña do motor senón da gorxa dunha señora que estaba a durmir a sesta. Seguramente era a muller dalgún deles.

 

O coche de onde saía o ruído

 

Cóntovos esta historia polo noxo que me deu a escena, nun lugar que presume ser a Reserva da Biosfera das Terras do Miño. Non sei se as troitas serían para eles ou non. Non lles preguntei. Tampouco cheguei ata o Piago porque se me cortou o romanticismo.

 

Quedades avisados se vos convidan a troitas da casa...

 

E, xa de paso outra cousiña: a ver se algunha institución pública, ben sexa o concello de Outeiro de Rei, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil ou o SEPRONA, fai algo por evitar esta situación e, de paso, lles chama a atención aos músicos que "impoñen" a súa discoteca particular a todo meter na carballeira, impedindo o lecer e a paz colectiva.

 

MOITO NOS QUEDA POR CIVILIZAR, meu Deus...