.....::    fonte.es     2015-04-10
 

Ciberética


Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir por e-mail
 
 
 
Sobre ética e robots

A ameaza dos robots ven sendo un tema recurrente desde principios do século XX ata hoxe. Tanto no eido tecnolóxico coma no cultural, os robots son presentados coma "seres" asépticos e fríos, creados cunha dobre intención (unha noble e outra perversa), que evolucionan sistematicamente cara niveis superiores de autocontrol. Esta perspectiva catastrofista veu motivada, en parte, pola escalada militar da guerra fría, pola ameaza nuclear e polo secretismo nos avances tecnolóxicos. Desde entón a humanidade teme o control da súa sociedade polas máquinas.

O grao de automatismo cibernético aumentou expoñencialmente desde mediados do século XX ata hoxe. Parece que asistimos a unha competición na que os robots adquiren cada vez máis potencialidades. Substitúen aos humanos nos postos de traballo máis técnicos e facilitan as labores domésticas máis diversas. As empresas vangardistas presumen de ter robots nas cadeas de montaxe que fan o mesmo que dez traballadores, cen veces máis rápido...

As máquinas, cada vez máis intelixentes, son bautizadas co caracter "i" diante do nome. Cos seus sensores ultra-precisos avalían as condicións da contorna e toman decisións por nós. Basta mirar nun vehículo moderno a cantidade de sistemas que funcionan deste xeito: ABS, ESP, climatizador, limitador de velocidade, regulador da alimentación do combustible, etc.

A teoría da conspiración multiplica o efecto aterrador da tecnocracia. Non sei se che pasa, ás veces, o mesmo que a min, que teño a sensación de que alguén me espía ou que está capturando información sobre as miñas pautas de comportamento e datos persoais desde o mobil... O ordenador fai cousas que escapan ao meu control... O smartTV capta conversas privadas que poden chegar a, sabe Deus, que lugares...

Non quero alporizarvos nin ser alarmista. Alguén propuxo un sistema (infalible?) para evitar que as máquinas tomen o control, ao estilo do que sucede en filmes coma "2001, unha odisea no espazo", "Terminator" ou "Eu robot". Son os tres piares da ética robótica e din o seguinte:

1) Unha máquina non debe danar a integridade de ningún ser humano ou, pola súa inacción, deixar que un humano sufra dano.
2) Un robot debe obedecer toda orde que se lle dé (excepto se esta orde se contradí coa primeira lei).
3) Un robot debe protexer a súa propia existencia, (exceptuando aqueles casos que interfiran coas dúas leis anteriores de rango superior).

A primeira vista, ata parecen ser uns principios axeitados para os seres humanos! As máquinas (que teñen unha "vontade" transferida desde a mente programadora), son de comportamento máis exhaustivo que o humano e iso ten vantaxes. Tamén hai quen asegura que os robots evolucionan. Tamén se afirma que nun futuro próximo haberá máquinas capaces de autoevolucionar... como se fosen especies "vivas". Se isto é así xorden inmediatamente unha morea de preguntas:

Poderán replicarse algún día os robots?
Poderá un robot distinguir o ben do mal, a xustiza da vinganza?
Pederá un robot chegar á conclusión de que as leis éticas que o gobernan non son válidas?