.....::
fonte.es
2015-08-11
|
||||||||
DependenciaSe cavilamos sobre as actividades que desenvolvemos no día a día decatarémonos da alta dependencia que temos dos produtos tecnolóxicos. Dende que nos erguemos da cama (alertados polo teléfono móbil), e nos metemos no baño, estamos utilizando media dúcia de utensilios xunto con outra media dúcia de produtos dos que nin sequera entendemos o que conteñen. Usámolos con total confianza porque non queremos perder tempo en saber que son, cal é a súa orixe ou se teñen efectos secundarios. Para acadar suficiente confianza neles tivemos que recoñecelos antes nalgún anuncio (por iso e para iso viven as televisións), ou ben deixarnos guiar pola recomendación dalgún profesional na materia ou mesmo polo consello de amizades moi satisfeitas.
Para controlar á perfección todos os produtos e aparellos que usamos, isto é, para ter capacidade crítica sobre as súas vantaxes e inconvenientes, teriamos que haber estudado varias carreiras. Pero non hai tanto tempo para atar cabos. Fiámonos. E isto non está mal salvo por un aspecto fundamental: a xente que os fabrica antepón o seu propio beneficio ao do comprador procurando non vulnerar a lei. Multiples exemplos deste tipo de "cultura de usar e tirar" aparecen nos alimentos, na industria cosmética, na textil, nos medios de comunicación ou no transporte. Comentamos algúns casos: Os alimentos frescos tal como a froita, o peixe ou a carne, que aínda se poden mercar a granel, xa se venden moitas veces envasados (con conservantes) porque a xente prefire non agardar na cola do supermercado. Tamén substituímos os zumos naturáis polos embotellados xa que resulta máis cómodo atopar feito o traballo sucio de exprimir e salpicarse. O inconveniente é que sustituímos os beneficios das vitaminas frescas polo doce sabor resultante de engadir azúcares, conservantes, antioxidantes e algún colorante alimentario para que o aspecto á vista non resulte repulsivo. Puro engano. Pero isto non so pasa coas bebidas de refresco. Outros moitos alimentos están afectados polo retoque humano. Así preferimos un compendio químico chamado salchicha que alimentarnos de carne fresca, máis complicada de cociñar. O pescado práctico chámase surimí. As patacas fritidas (mesmo cando non son deconstrución a base de fariña salgada e saborizantes), prefírense con potenciadores do sabor porque teñen máis saída no mercado. Gustaríame facer un estudo nas caixas dun hipermercado sobre as cousas que compra a xente en función da idade. A experiencia de consumidor lévame a asegurar que a xente nova é máis tendente a mercar prefabricados, os prêt à porter dos alimentos, que a consumir do fresco. Asemade está a tendencia ao sobre-envasado que orixina cantidade de desperdicios. Unha familia composta de catro persoas xera, en termo medio, dous kilos de lixo orgánico ao día procedente dos desperdicios alimentarios. Son recursos que se perden tanto no sentido económoco coma no ecolóxico. Pero non nos preocupamos demasiado.
No vestir estamos influídos por un invento da sociedade de consumo que se chama moda. Non poñemos sobre o corpo cousas que estean "pasadas de moda" porque nolo impide o sentido do ridículo inculdado desde os medios de comunicación e desde a sociedade. E, outra vez máis, son os "mass media" os que dirixen as pautas de compartamento colectivas. Case instintivamente mercamos para equipararnos con outras persoas que consideramos que están "ao día" e sobre as que queremos aparentar un estátus semellante, cando non superior. A industria da moda é unha das máis boiantes na actualidade e non creo que sexa por casualidade. A confección artesanal de antano desapareceu e a roupa arranxada só é válida para persoas non influenciadas pola imaxe ou con poucos recursos económicos. Unha vez máis as marcas marcan o paso da xente que debe "estar na onda". Centremos agora a atención sobre a tecnoloxía, nesas máquinas que nos facilitan as tarefas laborais e comunicativas. Observaremos os mesmos patróns de comportamento que manifestamos cara os produtos de primeira necesidade. A constelación de aparatos que nos rodean, cheos de opcións e automatismos, fan do espazo vital un eido de sofisticación e de requerimentos aos que non todo o mundo chega. Abonda con comparar o torpe manexo que fan os maiores respecto da habilidade que teñen os rapaces. Comprender todas as funcións destas tecnoloxías require un adestramento intensivo, case como haber nacido cun destes aparatos na man. Cada vez atopamos máis máquinas robotizadas que levan incorporada a capacidade de tomar decisións por nós. Para iso se lles dota de multitude de sensores que analizan o ambiente para así realizar unha acción automática. Perdemos capacidade de decisión, e así serán outras persoas as que programen o que debemos facer según as circunstancias. Un bo exemplo está no uso de navagadores capaces de guiar un coche pola estrada sen necesidade de condutor. Pero, se hai un accidente, de quen é a responsabilidade?
A estas ferramentas do século XXI hai que darlles enerxía periódicamente. Tamén o mantemento diario e a revisión xeran no usuario pautas regulares de comportamento. Ao cabo do tempo nin nos enteiramos de que a nosa vida está, en maior ou menor medida, centrada nunhas cantas máquinas. Temos un tempo para ver a tele, outro para navegar pola Internet, para traballar no ordenador, para mirar o Facebook, para mensaxearnos por Whatsapp, para coller o coche ou para poñer o aire acondicionado. O que pretendo dicir con isto é que nos estamos convertindo en seres tecno-adictos. Todos os beneficios que xorden ao redor destas tecnoloxías quedan certamente ensombrecidos pola dependencia que xeran, sobre todo nos máis cativos. Persoalmente vin casos de rapaces sobradamente capacitados que abandoaron os seus estudos por dedicar catro horas diarias a machacar o teléfono móbil coas andróminas da mensaxería. Na intimidade do cuarto, as horas de durmir retrásanse e, despois, a concentración e a produtividade no traballo do día seguinte vense mermadas de xeito substancial. O lado escuro de tanta modernidade está na dependencia que xera no usuario. Moitas veces chega ao punto de facernos perder a capacidade de socialización e de establecer relacións afectivas estables. Somos felices estando illados no noso mundo pero ignoramos a felicidade allea. Tamén se pode observar nos ususarios máis "enganchados" unha percepción terxiversada da realidade. As dificultades da vida real, que moitas veces veñen impostas, son substituídas por un mundo feito á medida, no que só se ve aquelo que se desexa e se ignora o que molesta. Isto apreciámolo en calquera encontro social onde as conversas, máis ou menos intensas, son truncadas habitualmente por algunha melodía telefónica, que impacientemente avisa de que hai unha mensaxe urxente que responder. Logo, as mensaxes encadéanse de inmediato e xa non paran ata media ou unha hora despois. Parece que as conversas e, en xeral, as relacións interpersoais, son máis doadas se interpoñemos un aparello de telecomunicacións polo medio, co cal se perde - evidentemente - o trato próximo, a linguaxe corporal e a empatía das miradas. No traballo, no descanso, na saúde, no deporte, no ocio, estamos acompañados de máquinas que nos persiguen sen deixarnos marxe de contacto coa atmosfera. Moitas veces actuamos coma pilotos de carreiras que queren ir cada vez máis rápido pero que non paran de dar voltas ao mesmo circuíto. Aquelas máquinas que nos permiten acadar cotas superiores de autonomía tamén nos impíden fuxir da farsa, saír ao mundo natural e captar a súa calmada beleza. Pero preferimos a adrenalina xerada por unha pilotaxe arriscada e competitiva aínda que envoltos na rutina. Acaso isto non é unha droga? Non somos tecno-dependentes?
|