.....::
fonte.es
2015-08-19
|
||||||||||
Moto eléctrica ou de gasolinaFai uns días que me interesei polas motos eléctricas. Non tiña idea nin das prestacións nin do prezo nin das vantaxes que ofrecen fronte as motos de gasolina. A miña dúbida resumíase en saber se sae rendible mercar e soster unha moto eléctrica na actualidade. Pois as contas que me saen son estas que aquí vos presento. Fixen o balance tomando como referencia unha moto de 10 CV e 125 c.c. que equivale, aproximadamente, a unha de 7 kw de potencia eléctrica máxima. Non fixen fincapé na tipoloxía da moto, xa que unha é scooter e a outra compacta, senón que me fixei na potencia semellante dos seus motores.
Sabemos que un litro de gasolina produce 10kw.h de enerxía se a aproveitamos ao 100%. Un motor de combustión interna dunha moto pode ter un rendemento aproximado do 50% polo que un litro de combustible pode transformarse en 5 kw.h de traballo real (o resto convértese en calor pola fricción interna do motor, pérdese en rozamento co aire e tamén coa estrada). Para facer un percorrido pouco accidentado de 100 km nunha hora, unha moto de 125 c.c. pode consumir uns 4 litros de gasolina polo que estaría consumindo 20 kw.h de enerxía. Pola contra, o motor eléctrico é moito máis eficiente xa que pode chegar ao 90% de aproveitamento eléctrico. Neste caso, unha moto eléctrica de 7 kw de potencia consumiría 6 kw.h no mesmo percorrido de 100 km supoñendo unha velocidade media de 100 km/h.
Como vedes, a primeira diferenza que se observa ao comparar estas máquinas é a maior eficiencia no consumo do motor eléctrico, sendo 3 veces mellor. Imos facer contas do gasto enerxético que xera cada unha das máquinas. A moto eléctrica ten que recargar unhas baterías de 60 A.h de capacidade eléctrica e 70 voltios de tensión nominal (a tensión real oscila entre 50 e 100 voltios, segundo a demanda de enerxía que precise o motor durante a marcha). Para iso conéctase á rede doméstica de 230 voltios durante 5 horas. Consome da rede uns 8 kw.h que, a un prezo actual de 0,15 €, dá un resultado de 1,20 € por recarga. Unha carga do modelo que vimos en Internet chega para facer 100 km a unha velocidade de 100 km/h. A conta coa moto de gasolina é máis evidente. Se un litro está a 1,30 € na actualidade, o gasto será de 5,20 € ao facer eses 100 km nun tempo dunha hora. Así temos que o gasto aproximado da moto eléctrica e 4,3 veces inferior á de gasolina. Outa vantaxe das motos eléctricas sobre as de motor de combustión interna é que apenas necesitan mantemento. O motor eléctrico apenas presenta rozamento interno polo que non precisa lubricación. Ten menos partes móviles que xeren fricción e, como dixemos antes, resulta moito máis eficiente e máis ecolóxica en todos os sentidos. Porén, a moto eléctrica ten tres desvantaxes importantes sobre a de gasolina: A primeira é o desgaste das baterías. As baterías actuáis de polímero de litio duran ata 2000 recargas cunha perda anual do 10% en capacidade eléctrica (iso é o que nos di a páxina web onde se publicita a moto). Esta información pode estar un pouco "aumentada". Normalmente as recargas deste tipo de baterías andan polas 1000 ou 1500 como moito. Imos deixar a cousa en 1000 recargas para facer a conta dos kilómetros que completar coa eléctrica sen ter que cambiar as baterías. Así sáennos 100.000 km (de feito na páxina web onde vimos o modelo eléctrico indica unha vida útil da máquina superior aos 75.000 km). Sendo así as contas teriamos marxe para facer 100 km diarios durante casi tres anos. Aínda que non cheguemos a este tope as baterías sofren desgaste co tempo polo que, como moito, serían eficaces durante uns 5 anos. A todo isto, debedes saber que as baterías eléctricas nunca se deben deixar descargar de todo. Tampouco se poden deixar de recargar por máis de 15 días (teñen perdas internas) polo que hai que facer mantemento de recarga cada dúas semanas a pesar de non recorrer distancia ningunha. Pensade que as baterías son a parte máis cara do vehículo e poden custar uns 1000 euros. O peso da moto eléctrica é un pouco superior ao da de gasolina debido ás grandes baterías que leva. Nos dous modelos da comparación temos 150 kg para a eléctrica e 110 para a outra. A segunda é que a eléctrica non se pode recargar nun tempo breve e ten menos autonomía que a moto de combustible (100 km fronte a 150 km). A terceira é o prezo: a moto eléctrica consultada vale 4.200 € fronte aos 3.000 € da de gasolina. Agora faremos o balance final. Se sumamos o prezo do vehículo máis o consumo (sen mantemento e sen subidas no prezo da enerxía), teremos que aos 30.000 km a moto de gasolina produciu un gasto total de 4.560 €, gasto que sería idéntico ao da eléctrica. Nese momento compensaríase a inversión na nova tecnoloxía. Se ampliamos o cálculo ata os 100.000 km teriamos os seguintes resultados: a moto eléctrica acadaría un custo de 5.400 € en total e a de gasolina 8.200 € (sen ter en conta o mantemento e sen subidas no prezo da enerxía). Observamos unha diferenza de 2.800 € que daría de sobra para mercar unhas novas baterías ou para investir nunha nova moto eléctrica de tecnoloxía superior. Este cálculo que fixemos é unha simple estimación baseada en dous modelos aproximados en características. Con outros modelos poderían saír valores diferentes. Pero o caso é que, para percorridos curtos ou dentro da cidade sae máis económico conducir unha moto eléctrica. En tres anos e facendo unha media de 10.000 km cada ano ambos modelos son equiparables. Pois xa sabedes, benvidos ao futuro! Os modelos comparados son: iEdison Li-XT (eléctrica) e Honda MSX125. A continuación vos deixamos as fichas técnicas.
|