.....::    fonte.es     2015-08-25
 

Habilidades


Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir por e-mail
 

Os seres humanos pasamos a vida facendo cousas. Unhas veces chamámoslles traballo, outras ocio, tamén deporte, compras... Algunhas son motivo de diversión e outras de esforzo. Buscamos procedementos sistemáticos para aquelas que son máis rutinarias e empregamos artiluxios cada vez máis capaces de substituírnos nestes aburridos traballos. Tamén os animais realizan tarefas que rebelan un certo grao de intelixencia. Os animáis saben como proceder para capturar unha presa ou como construír o seu refuxio para lograr a suervivencia e a procreación. Parece que un criterio de intelixencia nos organismos vivos é a posesión de habilidades. A intelixencia procedimental ven sendo a capacidade de desenvolver artimañas para adquirir un beneficio ou acadar un fin. Xa no terreo humano, moi frecuentemente cualificamos de torpe a todo aquel individuo que adolece de estratexias para resolver unha situación e saír do paso.


Todas as disciplinas humanas requiren destrezas intelectuais que se proxectan mediante habilidades físicas. Ler, escribir, tocar un instrumento, cociñar, manexar un ordenador ou usar calquera ferramenta, son actos aparentemente rutinarios que foron aprendidos e perfeccionados mediante esforzo, reflexión e imaxinación.

Estamos nunha época onde o grao de sofisticación tecnolóxica nos permite desenvolver actividades moi complexas con so apretar un botón. Hoxe, lendo un artigo na prensa, un alto cargo dunha empresa de telecomunicacións afirmaba que o teléfono móbil do futuro lle ía quitar habilidades ao ser humano pero que iso non tiña importancia en comparación coas vantaxes que ofrecería en canto a calidade de vida e capacidade de resolver problemas sociáis. A tenor desta sentenza xordeume unha cuestión:  que relevancia teñen as habilidades para obter calidade de vida?

Cada destreza que incorporamos á nosa biblioteca de habilidades permítenos resolver un problema cotiá. Podemos resolvelo desde un nivel básico ata outros máis avanzados grazas ao emprego de ferramentas. Con elas somos capaces de facer a mesma tarefa máis rápido ou con menos esforzo. Pero non reparamos nunha cuestión: facémonos dependentes deses utensilios. Isto non parece importante se tal instrumento é fácil de reparar ou substituír. Cantas máis tarefas nos permita realizar o aparato, seremos máis competitivos, teremos máis cartos e escalaremos algúns chanzos cara a cúspide do estatus social. A economía actual fundaméntase neste principio de competitividade, entre outros.


Entramos -sen decatarnos dos riscos- nunha espiral devaluativa: usamos máquinas "intelixentes" que deciden por nós, automáticas, que nos permiten minguar esforzos e acurtar tempos. Con elas gañamos máis comodidade e diñeiro a pesar de perder habilidades e a pesar de facernos tecno-dependentes. Nunha primeira ollada isto non parece grave. Tan só é a consecuencia do noso estilo de vida moderno amparado no capitalismo. Pero miremos este asunto desde unha perspectiva especulativa: canto custa unha habilidade humana? Cada vez que reducimos algunha das nosas habilidades sempre hai alguén que se lucra. Resulta evidente que a carencia de habilidades é un negocio para as grandes empresas que nos ofrecen os seus servizos e o seus produtos como "solución" ás nosas carencias.


Lembro un pasado non tan lonxano onde a xente vivía grazas ao traballo esforzado no campo ou no mar. As ferramentas eran tan simples que as podían fabricar eles mesmos ou conseguilas en mercados próximos. Non había máis botóns que os das chaquetas. Non tiñan calidade de vida porque vivían en condicións precarias. Os avances tecnolóxicos do século XIX e a utilización de enerxías fáciles de usar a nivel doméstico e industrial foron o detonante do desenvolvemento posterior. Actualmente estamos pasando polo auxe das comunicacións, a máis prometedora das tecnoloxías que discurriu o intelecto humano. Só é preciso entrar nun coche para ver un resumo das novas capacidades que ofrece a modernidade: desprazamentos rápidos, transporte de cargas pesadas, comunicación inalámbrica completa, resposta automática ante imprevistos na calzada, monitorización da ruta a seguir mediante satélites de posicionamento global, etc. Pura virguería. Prácticamente só lle queda ao coche un volante como símbolo de control humano.

Pero onde máis botóns podemos atopar é nos ordenadores. A enorme utilidade destas máquinas fixo que se estenderan a todos os fogares do mundo globalizado. Aparecen en forma de reloxos, electrodomésticos, instrumentos musicáis ou teléfonos. As novas xeracións, que convieven con eles desde o seu nacemento, adquiriron as destrezas necesarias para manipulalos con total fluidez. Apesar de tantas novas destrezas, con estas máquinas están aparecendo síntomas que indican un progreso viciado. O que nun principio naceu como ferramenta para mellorar a comunicación agora converteuse, nalgúns casos, nun impedimento para exercela con naturalidade. Hai xente que bota horas diante do teléfono ou do ordenador sen saír da casa. O irónico do asunto é que están chateando con amigos ou familiares ou cotilleando da vida de outros nas redes sociáis. A facilidade que ten esta xente de comentar temas en Internet contrasta coa pobreza do discurso personal no cara a cara. Tamén hai quen prefire contactar con estranos na rede que darlle os bons días ao veciño que se cruza na escaleira. Nesta categoría de persoas incluímos aos que perderon a habilidade de cociñar os seus propios alimentos, de ir mercar a tenda do lado, de facer eles mesmos a limpeza do fogar ou -quizá esaxere- de criar un fillo.



Preocúpame que cada vez haxa máis xente con dificultades para manter unha estabilidade familiar e emocional. Estanse perdendo moitas habilidades sociáis relacionadas coa empatía e coa amabilidade. Somos uns seres cada vez máis cómodos e iso tradúcese en perda de habilidades relacionadas co esforzo, co sacrificio, coa humildade... Cando se proxecta una tarefa prima a impaciencia sobre a meticulosidade, o curtoplacismo sobre a perspectiva, o estrés fronte a calma. Isto non me parece calidade de vida senón, máis ben, control masivo mediante necesidades creadas co márqueting. Acaso non deberiamos ser máis felices ca os nosos antepasados grazas a que temos un maior desenvolvemento? Non o creo, sobre todo se a tecnoloxía resta liberdade.