.....::    fonte.es     2015-08-27
 

O verme das mazás


Compartir en Facebook Compartir en Twitter Compartir por e-mail
 

Neste tempo no que peras e mazás veñen a maduro, habitualmente levamos un chasco cando collemos unha destas froitas e observamos que está furada. O apetecible bocado que ía acabar no bandullo agora remata no chan.  Non imos darlle un bocado a unha froita onde vive un noxento verme que pode paralizarnos un brazo ou deixarnos choscos se o inxerimos accidentalmente!

Nese momento no que buscamos unha mazá sá entre moitas danadas, pensamos no remedio para ter na casa unhas pezas perfectas coma as da froitería. Pois creo que é posible atopar varios que nos poden axudar. Pero, antes diso, imos coñecer contra que nos enfrontamos.

 

 

O verme que ataca a mazás, peras e marmelos é a larva do insecto "Cydia pomonella", unha bolboreta nocturna común. Este insecto -que tamén se chama trade da froita, barrena ou carpocapsa- pon na primavera e verán os seus ovos no envés das follas das maceiras. Nunhas semanas os ovos (que parecen pequenas lentillas) eclosionan para saír vermiños que corren cara as froitas. Alí van abrindo un burato dirixido ao carolo. Entrementres nútrense da pulpa ata acadar un tamaño de 15 ou 20 mm. Estas froitas non soen chegar a madurar completamente e caen ao chan. As que foron atacadas máis tarde poden pendurar da árbore ata que o verme sae delas e descende polas pólas ata o chan. Tanto no tronco coma na terra buscan lugares protexidos para aletárgase en forma de crisálida ou "pupa", moi resistente e impermeable. E, por último, desta crisálida volve a saír unha bolboreta. Este ciclo sucede entre unha e tres veces ao ano, dependendo da temperatura e da humidade. Mentres venta, chove ou vai frío (con temperaturas inferiores aos 16 ºC), a cydia non pon os seus ovos. Isto pode darnos unha idea do intre no tratar o mal sen ir ás cegas.

 

 

Por suposto que hai moitos insecticidas axeitados para a cydia (spinosad que é ecolóxico, coragen, cipermetrin que é nocivo para as abellas, o neurotóxico clorpirifos, etc), pero non son moi saudables. Son eficaces mentres o insecto está en fase adulta poñendo os ovos ou durante a fase larvaria, xusto antes de entrar o verme na froita. Tamén hai  alternativas ecolóxicas para combater esta praga. Os técnicos pulverizan a bacteria "Bacillus thuringiensis var. kurstaki" e o virus da granulose para enfermar as larvas da cydia. Son moderadamente eficaces e requiren máis frecuencia de uso que os métodos químicos. Outras alternativas máis ao noso alcance son as seguintes:

1.- Facer sidra, tirar aos porcos ou enterrar lonxe aquelas mazás danadas que están no chan ou se vexan furadas na árbore.

2.- Colocar uns niños de paxaros entre as árbores. Se temos a sorte de que aniñen neles, entón controlarán a poboación de bolboreta.

3.- Colocar uns cartóns corrugados arredor do tronco da maceira. Para ben ser, deberiamos dárlle unha man de verniz para que non se desfaga coa choiva. As larvas que descenden ao chan crían a crisálida nos buratiños do cartón. Ao chegar o outono destruiremos estes cartóns.

4.- Podemos empregar trampas de feromonas que actúan en dous sentidos: unhas capturan os insectos voadores e outras desoriéntanos polo que non chegan a fecundarse.

5.- Por último pásovos este remedio que teño ganas de probar. Para preparalo necesitamos 1 litro de auga, 1,2 kg. azucre, unha peza de froita (mazá ou pera), 25 g de canela e 25 g cravo. Mestúranse os ingredientes en quente e despois dilúense empregando entre un litro e 3 litros de auga, segundo a eficacia que observemos. Con este líquido énchense a cuarta parte dunha botella de plástico PET de boca ancha (vale de refresco ou auga mineral). Por último, colocamos un cuarto de peza de froita na boca da botella sen obturar a entrada. Colgamos cun arame unha destas botellas en cada árbore, o máis alto posible e á sombra. Cada quince días revisamos o contido e, se é necesario, renovámolo.

Agora toca probar a eficacia destas medidas pensando no ano que ven. Para este, o mal xa non ten remedio.

 

Enlace á páxina da estación fitopatolóxica de Areeiro coas gráficas de proliferación de cydia: www.efa-dip.org - Cydia_pomonella.HTM

Alertas fitosanitarias da Deputación de Pontevedra: http://www.efa-dip.org - Alertas