.....::
fonte.es
2015-08-27
|
||||||||
Os beneficios da hortaNestes tempos de modernidade desprezamos -en demasiadas ocasións- os costumes cos que sobrevivían os nosos antepasados. A despoboación do rural galego, causada -entre outros motivos- pola falta de rendibilidade do sector agrario e pola carencia de servizos, produciu un abandono das terras de cultivo. As novas xeracións que herdamos terras pero non vivimos do campo, temos poucas ganas de sacarlles proveito. O máis habitual é que llas arrendemos a algún veciño agricultor ou as deixemos a campo ou, no peor dos casos, que lles plantemos piñeiros ou eucaliptos. Tamén hai quen vende as finquiñas cando atopa a ocasión, e así, gañar un pico co que renovar o mobiliario ou cambiar de coche.
Pasa con frecuencia que os urbanitas nos esquecemos da aldea porque non atopamos nela unha ocupación que nos satisfaga. As tarefas do campo son, casi sempre, sacrificadas e noxentas. Tampouco atopamos ningún estímulo que nos achegue ao rural e pasamos longas tempadas sen acudir á aldea. De cando en vez pagamos unha desbrozadora que nos limpe o monte ou cortamos as silveiras que se apoderan dos valados. Nada máis. A pregunta que plantexo é a seguinte: hai algunha tarefa que nos achegue ao campo? Persoalmente, creo que si. Hai moitas posibilidades que agora non vou mencionar e que poden resultar máis ou menos atractivas. Só vou analizar a que a min me produce máis motivación e entretemento: o cultivo dunha horta. Ter unha horta é, para moitos paisanos, unha distración máis que un traballo, sobre todo para os maiores que viven na aldea. Son as mulleres as que se encargan maioritariamente de cultivar a horta da casa. Dela sacan as patacas e as verzas do caldo, as leitugas e os tomates da ensalada e outras moitas hortalizas e froitas que se aforran de mercar. É agricultura de minifundio, de subsistencia, pero coas vantaxes de ser ecolóxica e barata. Non se necesitan grandes recursos para manter unha horta, nin botar moitas horas de traballo. Pois a isto vou, que pareceume moi interesante saber -en números redondos- canto rinde unha horta. Estiven traballando estes últimos anos un anaco de terra de 200 metros cadrados para botar contas sobre varios cultivos e investigar en qué medida é rendible unha horta. Non vou contar as horas de traballo persoáis como custo de produción porque esta tarefa é un hobby para min. Tendo en conta o tempo dedicado, traballar a man unha horta non sairía rendible. Pero esta non é a cuestión. O meu propósito consistiu (e consiste) en ter a despensa surtida de produtos ecolóxicos ao mesmo tempo que atopaba intres de distración.
Nos catro meses -poderían ser cinco ou máis- nos que a horta deu froitos, obtiven unha recompensa semanal media de 25 kg de diversos vexetais. E isto con pouca atención sobre a plantación: dediqueille un día de cada fin de semana e non me preocupei pola rega, xa que montei un sistema automático con temporizador. En total obtiven as seguintes cantidades: Tomates: 40 kg ao mes (x 3 meses = 120 kg) Pementos: 40 kg ao mes (x 4 meses = 160 kg) Verzas: 8 kg ao mes (x 6 meses = 48 kg) --------------------------------------- Cebolas: 10 kg Freixóns: 40 kg Fabas: 20 kg Leitugas: 100 unidades Espinacas: 30 kg Remolacha roxa: 100 unidades
Por non complicar moito as contas, vou estimar que cada quilogramo de mercadoría vale un euro (quédome curto, sobre todo cando son produtos ecolóxicos). Resulta que, nunha tempada normal e con pouca atención, unha horta de 200 metros cadrados produce un beneficio duns 600 € ou máis. Os gastos xerados polo sistema de rega (que xa vale para outros anos), o abono e o laboreo da terra cun tractor, non chegaron a 120 €. Hai que ter en conta que este rendemento foi calculado á baixa e que tampouco incluín algunhas hortalizas que cultivei en pequenas cantidades coma nabos, pericos, cogombros ou cabaciños. Tampouco aparecen nesta valoración as froiteiras que hai a carón da horta, que me surten de mazás, peras, marmelos, kiwis, uvas, noces, etc. Moitas destas cousas consúmoas frescas, outras consérvoas conxeladas e outras doullas a familiares e amigos. Fai pouco tempo que participei nunha venda de piñeiros (200 árbores), cunha antiguedade de 15 anos, ben desenvolvidos. O maderista deu 900 € por eles co que pagou cada piñeiro a 4,50 €. Os piñeiros ocupaban unha extensión de 1000 metros cadrados aproximadamente. Como vedes o rendemento actual da madeira é moi escaso e só trae conta se a extensión arborizada e moi grande. Pois só me queda darlle moito ánimo a todos aqueles que fan produtivo o campo, que aproveitan os seus recursos, que non o desprezan nin o abandonan.
|