.....::
fonte.es
2015-10-27
|
||||||||
Abelardo ou como calcular o día da semanaFai moitos anos que vivíu na comarca de Agolada - concretamente na aldea de Berredo -, un home coa papada chea de vinchas colgantes, pragado de enrugas e cun andar encorvado e vacilante. Este homiño chamábase Abelardo Barrio Mosquera, máis coñecido como Abelardo de Berredo. Tiña un aspecto arrepiante e as capacidades psíquicas aparentaban diminuídas. O seu espírito vivía entre a esquizofrenia, o autismo e a síndrome de Dióxenes. Veu ao mundo a principios do século XX, sen pai coñecido, polo que vivíu só coa nai nunha humilde casiña, húmida, escura e cun profundo cheiro a fume porque a lareira ardía a escape libre. Daquela que morreu a súa nai quedou afastado da sociedade, sen ningún tipo de recurso e na máis completa indixencia.
O pobre Abelardo vivía na miseria total. Sobrevivía paseando as aldeas da comarca e viaxando de feira en feira para recibir unha esmola que nunca agradecía. Era moi desconfiado. Só paraba nunhas poucas casas da súa confianza cando o invitaban a xantar (só facía unha comida ao día). Non quería que lle gardasen a roupa e afeitábase cun espello ás agachadas no río. Así que enchía os petos de moedas, pan e chourizos voltaba para a súa casa de Berredo. Abelardo vestía varias chaquetas superpostas nas que se podía atopar de todo, igual que na súa casa. Porén, Abelardo era un xenio. Non sabía ler nin escribir, non fora nunca á escola e non se socializaba cos veciños. O único que lle contara algo sobre a vida fora o cura da parroquia. Parecía coma se Deus compensase tanta desgraza cunha mente asombrosa. Calculaba instantaneamente os minutos e segundos que vivira unha persoa, o día da semana que cadraba unha data calquera e falabache detalladamente do que pasara na comarca en tal ou cal día. A xente xogaba con el a ver se atinaba cousas... e despois viña a esmola. E non fallaba. Analfabeto como era, repartía o correo polas casas de Berredo e Artoño sen equivocarse. Como o facía? Se vivise actualmente sairía nos medios de comunicación de todo o mundo, faríanlle entrevistas e seguro que habería vídeos na Internet das súas habilidades. Como sería este home se vivira nos mundo de hoxe? O único que vos podo achegar é a complexidade do cálculo do día da semana en que cadra unha data. Animádevos a facer o mesmo que a Abelardo lle levaba un segundo!
|