.....::    fonte.es     2016-01-05
 




Imaxes do cambio climático


O ano 2015 puxo de manifesto que estamos inmersos nun cambio climático persistente. En Galicia tivemos un verán seco e un outono moi cálido e con escasas precipitacións. Agora que empeza o inverno, algunhas plantas aínda sacan flores e outras non tiraron completamente a folla. Seguro que teremos máis insectos, vermes e pestes para esta primavera porque, de momento, non chegou ningunha xeada que esterilizase o chan.

E un feito incuestionable que a temperatura do planeta aumenta debido ás actividades humanas. Liberamos demasiado CO2 , queimamos demasiados hidrocarburos e estamos acelerando o efecto invernadero. O Cumio do Clima de París foi un intento de corrixir esta tendencia con medidas globais. Personalmente penso que o intento quedou moi curto de miras pois deixa ao criterio de cada país as medidas coas que se comprometerá.

Ao marxe da política global, cada un de nós debería ser capaz de involucrarse neste asunto e, polo tanto, tomar medidas serias que contribúan a paliar o cambio climático. Pensemos por un intre se seriamos quen de reducir un 40% os percorridos en coche, un 20% a calefacción e outro 20% o consumo de produtos derivados do petroleo (plásticos, materiais sintéticos...). En resumo, queimar máis calorías andando ou pedaleando, abrigarse un pouquiño máis na casa durante o inverno e baixar o termostato dous graos, consumir máis do fresco e menos do envasado, reciclar os envases e aproveitar os recursos naturais sen estragalos.

A seguinte imaxe de satélite amosa se a temperatura dos océanos está por riba (laranxa) ou por baixo (azul) da media, a día 31 de decembro de 2015. Está moi claro que abundan as cores amarelo-vermellas fronte ás azuis. Isto permite saber que a temperatura media global da superficie dos mares sobrepasa 1 ºC o nivel normal desta época.

A seguinte imaxe mostra a temperatura media no Polo Norte durante o 2015. Como podedes ver estiveron por riba dos cero graos durante tres meses (a gráfica representa a temperatura ambiental media respecto ao tempo en días).

Aquí vos deixo algúns dos datos que confeccionou o servizo mediambiental NOAA de estados Unidos.

  • A temperatura media en novembro da superficie do globo (tanto oceánica como terrestre), superou 0,97ºC a media desde que hai rexistros. Tamén supón outro récord de subida extraordinaria xa que a anterior subida récord foi de 0,15ºC en 2013. Se temos en conta o período que vai de xaneiro a novembro, temos case as mesmas porcentaxes: 0,87% de subida de temperatura sobre o promedio do século XX. Faltan os datos de decembro, pero tería que ser un 20% máis frío do normal para nivelar estos datos.
  • A temperatura da superficie da terra a nivel mundial superou 1,31ºC o promedio dos rexistros do século XX ata agora. Case temos esta mesma porcentaxe de subida se consideramos o período xaneiro-novembro. De feito, este período é o que presenta a maior subida de todos os períodos xaneiro-novembro dende que hai rexistros.
  • A cantidade de xeo mariño no Ártico para novembro 2015 foi de 360.000 millas cadradas (8,3 % por baixo da media entre 1.981 ata 2010). Esta foi a sexta observación de menos xeo desde que comezaron os rexistros en 1979, segundo a análise da NOAA e a NASA. En cambio, a extensión de xeo da Antártida durante novembro de 2015 foi de 80.000 millas cadradas (1,2 % por encima da media de 1981 a 2010). Parece que na Antártida houbo un verán tirando a fresco.
  • A temperatura media da superficie mariña de 2015 ata novembro, a nivel mundial, foi de 0,72 ° C por riba da media do século XX, sendo o máis alto valor medido para xaneiro-novembro no expediente rexistrado nos últimos cen anos.

Na seguinte imaxe podemos ver como a corrente do Golfo e a de El Niño elevan a temperatura do océano Atlántico e Pacífico, respectivamente. A corrente do Golfo déixase notar a latitudes tan setentrionais coma Islandia ou os países nórdicos. A corrente de El Niño intensifica a temperatura en todo o Pacífico central ata as costas de Australia e Asia meridional. Parellas a estas correntes mariñas circulan correntes atmosféricas que afectan ao clima mundial, provocando secas nuns lugares e inundacións noutros.

E, por último, déixovos a gráfica que representa o aumento da concentración de CO2 anual correlativo ao aumento da temperatura media global.