.....::    fonte.es     2016-02-02
 




Virus zica e manipulación xenética


Parece ser que o brote epidémico de virus zica que está alarmando ao mundo vai máis aló dun simple fenómeno natural. Algúns medios de comunicación acaban de rebelar que desde 2012 a empresa británica Oxitec liberou mosquitos xeneticamente modificados na mesma zona cero do virus zika. O motivo do experimento era controlar a poboación do insecto Aedes Aegypti, vector transmisor de enfermidades coma o dengue ou o chikungunya. Expertos advirten que este experimento puido causar máis dano que benestar, como así o asegurou a doutora Helen Wallce, do instituto GeneWatch. 

Mosquito

Se visitamos a web de Oxitec poderemos ler que, os mosquitos Oxitec machos (téñenos patentados) son liberados para fecundar as femias da praga. Os seus descendentes morren por mor dunha limitación xenética antes de que se poidan reproducir e antes de que poidan transmitir enfermidades. Os mosquitos tamén levan un marcador de cor para o seu seguimento. Según din, estes insectos e os seus xenes non persisten no medio ambiente.

Tamén afirman que levaron a cabo simulacións matemáticas que permiten confirmar a eficiencia do método co seu mosquito Oxitec. Presumen de haber eliminado a praga nun 90% na localidade de Juazeiro, no nordeste do Brasil.

Ante tal cúmulo de despropósitos en aras da ciencia sempre se antepón a testuda Natureza coa súa lenta (pero segura) efi-ciencia. Mágoa que a razón humana tamén sexa lenta. Vexamos as razóns do fiasco.

Desde logo que Oxitec non deu controlado a praga real co seu sistema (unha praga real é imposible de simular con modelos matemáticos) Doutro xeito hoxe non estarían fumigando por todas partes no Brasil. Por outra banda, se os mosquitos macho introducidos acaban morrendo, sempre habería que botar man de Oxitec para introducir novos exemplares ante a certeza da reprodución con especimes silvestres. Introducir mosquitos Oxitec non garantiza que outros mosquitos macho "orixinais" non se reproduzan. É máis, se por algún motivo a poboación de insectos decaese fortemente, a falta de presión ambiental cara esta especie faría que repuntase de novo a poboación natural de mosquitos, ao extinguirse a especie modificada xenéticamente.

Un estudo sobre o mosquito modificado xenéticamente indica que se o insecto ten acceso ao composto tetraciclina, presente no chan ou alimentos, a taxa de supervivencia podería superar o 15% polo que a resistencia do animal se incrementaría e podería estender todavía máis virus.

Outra posibilidade máis remota (que non imposible por simple evolución), sería que algún deses descendentes estériles en teoría condenados a morrer, desenvolvese algún tipo de resistencia "xenética" á modificación introducida. Isto faría aparecer unha variante de mosquito máis resistente ca antes ou, tal vez, transmisora de novas enfermidades.

Moitas empresas xa teñen o negocio montado coas sementes transxénicas, das que son donos. Os labregos que as planten terán unha colleita resistente ás pragas, con abundantes froitos, pero de semente estéril. Así que para o próximo ano haberá que comprarlles máis semente. E aquí está o negocio destas empresas que se outorgan a potestade de posuír organismos e de patentar vida!

Se a cousa vai ben, tanto autoridades coma agricultores acaban volvéndose dependentes deles porque son os "donos" da solución. E se vai mal, a culpa non é deles porque simplemente se dedicaban a controlar unha praga evitando o uso masivo de pesticidas. Persoalmente quédome cos pesticidas.

Enlaces:

https://actualidad.rt.com/actualidad/198326-mosquito-modificado-geneticamente-seria-causa

http://www.elperiodico.com/es/noticias/sociedad/una-legion-mosquitos-transgenicos-para-combatir-dengue-zika-4849046