.....::    fonte.es     2016-02-06
 




Seguramente cancro


Parece ser que están aumentando os casos de cancro. Fai poucos días lin na prensa que, a curto prazo, haberá unha maior incidencia desta enfermidade. O autor do artigo aseguraba que unha de cada tres persoas ía padecer algún tipo de cancro durante a súa vida. Resultoume, cando menos, inquedante esta afirmación. A explicación que se daba no artigo era a seguinte: vivimos máis anos e, polo tanto, estamos máis propensos a recibir achaques. Coa idade, as células chochean; descontrólanse de tal xeito que impoñen a súa conduta sobre o resto do corpo. Pero confiamos nos médicos que, se ben non curan a vellez, poñen remedio naqueles tumores que son rebelados a tempo.

Permitídeme que poña en dúbida a primeira hipótese. Non creo que ser vellos sexa a primeira causa de cancro. Do mesmo xeito se podería dicir que a vellez é a principal causa da morte... Sexamos razonables, tal vez o corpo se comporte de xeito estrano a medida que envellece. Pero seguramente sexa porque ten enriba unha carga enfermiza de tóxicos que se foron acumulando ao longo dunha descoidada vida. Tal vez non sexa tanto culpa da idade coma dos malos hábitos.

Se nos parasemos a ler todo o que din as etiquetas dos produtos dun supermercado poderiamos facer un máster en Química. Nin sequera mencionarei os miles de aditivos que "perfeccionan" os nosos alimentos. Parece coma se houbese un medo irracional a consumir produtos naturais sen habelos tratado antes. A sociedade moderna fai escola todos os días do máis recomendable para comer. Ao fin e ao cabo, son os medios de comunicación (que viven da publicidade), os que nos meten polos ollos as "solucións" de trapalladas envasadas, precociñadas e asépticas. Poñamos algúns exemplos do estilo en que se anuncian: pan de molde bioestabilizado, bebidas enerxéticas isotónicas, leites vitaminados semidestonados, pescado extruído en barritas, froita concentrada liofilizada, carne deconstruída salchichi-ficada... Moito adxectivo para tan pouco alimento! 

Invítovos a facer un experimento sociolóxico: observar o contido dos carriños da compra da xente que fai cola no mercado. Eu levo facendo esta análise algún tempo e puiden concluír que hai tres tipos de consumidores:

Concienciados (10%): Mercan maioritariamente alimentos frescos e produtos conservados ao estilo tradicional (secado, salgado e enlatado). Máis do 50% en peso da cesta son alimentos de orixe local. Apenas hai produtos precociñados ou de boiería industrial. Sempre levan vexetais.

Resignados (60%): Soen mercar un pouco de todo. Levan tanto cousas de primeira necesidade coma caprichos. O carrito do super vai cheo de pequenos envases de plástico, latas e paquetes. Sempre hai variedade de sabores en iogures, chocolates e bebidas. Tanto lles ten mercar 10 pequenas botellas de aceite que unha grande (a pesar de ter mellor prezo). Sempre levan algunha chuchería para os pequenos que, despois, papan eles.

Lamberetas (30%): Esta xente soe saír cunha morea de latas e bolsas. O seu menú básico son alimentos tipo "aperitivo" polo que levan un pouco de todo (sempre que se poida picar). Nótase a falta de alimentos básicos coma a froita e a carne fresca (non valen para facer aperitivos). No seu lugar levan zumes en tetrabrick, patacas fritidas, salchichas e fiambre. Xamais compran patacas crúas nin peixe. Enchen o carro de refrescos azucarados e cervexas. Tamén se caracterizan por levar tanta materia plástica coma viandas.

Fóra bromas, moito me gustaría que houbera algún estudo da relación entre alimentación e cancro. Xa o di o refrán: "pola boca morre o peixe". 

A parte da alimentación, hai outros aspectos da vida moderna que son pouco saudables. Un par deles son o sedentarismo e a apatía. Algunhas veces miro para os urbanitas e vexo neles unha especie de animais engaiolados, tal coma as pitas dunha graxa. Non saen (saímos) a respirar aire puro nin teñen espíritu de andar. Para moitos resulta mellor quedarse pasmando diante dunha pantalla que ir pasear ao sol. 

neno fumando

O entorno laboral tampouco reúne condicións que favorezan unha vida sa. Os traballadores estamos sometidos a atmósferas cargadas de produtos químicos que van amolando lentamente a gorxa, os bronquios e os pulmóns. Estamos rodeados de abafantes aires acondicionados e de máquinas que levantan po e ionizan a atmosfera ata poñermos os nervos de punta. O estrés da actividade laboral e a conseguinte "mala uva" acaban desencadeando estados de ánimo pesimistas e depresións que non fan outra cousa que debilitar o organismo. Moitas persoas que traballan nestes ambientes insalubles teñen máis probabilidade de padecer cancro. E, se non, que lle pregunten aos mineiros, aos soldadores, aos pintores, aos albanéis ou aos que traballaron con amianto.

Tamén descoñezo a influencia que ten sobre o cancro o padecemento orixinado polos fracasos persoais, as frustracións e os malos roios. Pero, no transcurso da miña vida coñecín a persoas que sufriron dificultades e, sorprendentemente, tendían a enfermar con facilidade, nalgúns casos de cancro. Creo que vivir con felicidade e optimismo serve para evitar o cancro. 

Xa para rematar, contarei un caso que me pasou fai pouco. Resulta que uns amigos invitáronme a cear á súa casa. Cando cheguei metinme nunha cociña chea de xente. Os maiores estaban sentados á mesa e tamén había algúns nenos rodando polo chan. Había bo ambiente pero aquelo cambiou en canto rematamos de cear. Un dos papás quitou a súa caixiña de tabaco para enriba da mesa coa intención de empezar o ritual. Unha das avoas da casa recriminoulle o xesto e recibiu en resposta un fumento bufido de dous metros de longo. Mala educación rezumando por todas partes... e malos fumes.

Non hai mellor ensino que dar exemplo, con transparencia e simpatía. Moitos xoves poñen o pretexto de que se desinhiben e se fan máis "chulo-chachis" tomando unhas copas e fumando uns pitos. Magoa de pais que calan e pasan do asunto, que miran cara outro lado. Os "puntos", "chismes", "petas", "chutes" e demais, nacen das familias que fan medrar antes de tempo aos seus fillos e non lles recriminan facer calquera cousa, por cutre que sexa. 

Xa que o tempo non se pode deter nin se pode negar a modernidade, é preciso construílos con sabedoría e respecto. Cómpre, polo tanto, educar nun estilo de vida sostible e sano, ensinar a vivir responsablemente. Dicimos que é mellor previr que curar... pero non debemos quedarnos só en palabras bonitas. Debemos fomentar a conciencia do consumo responsable e condenar os vicios que poden atenazar o futuro dos que hoxe son todavía novos.