.....::    fonte.es     2016-02-11
 




Con-sentir unha fraude


Levo algún tempo cavilando en mercar un motocultor. Tiña dúbidas sobre se o necesito de verdade, pero xa estou canso de andar co sacho! Mirei algo por Internet e atopei varios sitios en Galicia onde venden motocultores. En canto puiden achegueime ata un deles, en Ourense, pois alí había dous ou tres modelos que me interesaban.

Cando cheguei ao comercio ourensán sorprendeume a gran cantidade de artigos que vendían. Moi amablemente atendeume unha rapaza. Explicoume algunhas características de cada máquina pero díxome que agardara ata a tarde cando me podería atender o comercial encargado das ventas. Entrementres estiven mirando os detalles de cada modelo. Descubrín que o máis económico era de orixe chinés a pesar de que mo vendían como "ensamblado" en Galicia. Os outros dous eran de fabricación nacional, máis caros, mellor rematados pero con menos prestacións.

Xa pola tarde, cando estaba decidido a mercar, resulta que o simpático comercial non me quixo aceptar unha transferencia como método de pago. Non lle podía facer aquelo. Tiña que pagar en metálico para non deixar "rastro" en Facenda de que se pagaba unha mercadoría sen factura. Pregunteille cal sería entón a garantía da compra. Contestoume que xa me entregaba un papel "persoal" que valía de garantía de dous anos...

Pois non comprei o motocultor. Marchei cabreado daquel lugar por perder un día enteiro, aparte do inútil viaxe. Resulta que o fulano quería cobrar en diñeiro negro, en "B", sen factura. Así non pagaba o IVE e, polo tanto, vendía a un prezo máis competitivo. Confeso que por un intre me fixo dubidar... pero estaría sendo tan falso coma el. Ao mellor aforraba algúns cartiños... pero quedaría sen garantía legal no caso de pasarlle algo á máquina.

Enseguida vemos as consecuencias deste calote. A primeira é que se defrauda á Facenda (que seguramente sexamos todos), ao non declarar o IVE. Por outra banda, o vendedor está facendo competencia desleal a outros comerciantes honestos, que deben manter os prezos máis elevados para cumplir coa legalidade. En terceiro lugar, o defraudador engana ao cliente facéndolle crer que ten garantía dunha compra da que non queda constancia legal. Por último (e non queremos ser malpensados), é probable que o produto vendido sexa de orixe ilegal, froito dun roubo por exemplo, polo que estariamos participando ou consentindo un delito como complices.

De todo isto quedoume clara unha cousa: esta xentuza vive dos clientes que tapan o nariz, e debe haber moitos... Dóeme que estos caraduras triunfen, que se xustifiquen dicindo que son "comprensivos" co cliente. Pero despois, coma todos, demandan mellores estradas, levan aos seus nenos á escola e van ao médico cando o necesitan. Aprovéitanse dos recursos de todos sen aportar un can. Rompen as regras do xogo e saen impunes, quédome curto, victoriosos! 

Aínda estou desacougado por unha cousa: debería denunciar a este personaxe?