.....::    fonte.es     2016-03-24
 




O escaravello do aceite


O outro día quedei pampo cun escaravello azul de gran tamaño que rebulía no chan da miña horta. Nunca vira un igual. Seguramente que tardase en ver outro, polo que quedei mirando para el durante un anaco. Como xa dixen antes, era dunha cor azul escura brillante, tipo petróleo, e estaba tan hinchado que apenas podía moverse. Como tiña o teléfono na man saqueille unhas fotos para averiguar máis tarde de que animaliño se trataba. Deixeino marchar.



meloe



Pasaron varios días e esquecín o conto. O outro día, mirando as fotos do teléfono, lembreime da pescuda pendente sobre o bicho. Busquei nas imaxes do Google poñendo "tremendo escarabajo azul". Non aparecían máis que coches Volkswagen Beetle, así que tiven que cambiar de adxectivos e busquei por "escarabajo gordo azul". Agora si. Foron aparecendo diferentes tipos de insectos ata que atopei o meu. Metinme na páxina da imaxe e obtiven algo de información. Resulta que os casteláns coñéceno como "escarabajo del aceite", "carraleja" ou "curilla". Os entomólogos chámanlle Meloe Proscarabeus. En galego non sei como se chama. Eu direille escaravello do aceite.



Fun mirando noutras páxinas de Internet e descubrin moitas cousas sobre este animaliño. Había tempo que non me sorprendía tanto cunha cousa tan insignificante. A Natureza nunca deixa de sorprendernos coas súas marabillas. A orixe do nome é moi sinxela. Díselle "do aceite" porque, ao sentirse ameazado, exuda un líquido amarelo que parece aceite. É hemolinfa (sangre de insecto) cunha alta concentración dunha substancia chamada cantaridina. Este composto produce bochas na pel do incauto que tenta papalo ou palpalo. 





Quedeime a cadros cando lin que este escaravello se usou ata o século XIX como afrodisíaco masculino. Pois tivo que haber algún atrevido que o probou, que lambeu o noxento fluído do escaravello. De chiripa atopou a versión 1.0 do Viagra. Mente retorta a do ser humano, sen dúbida. Tamén curiosa coincidencia que o medicamento sexa azul. Será que o fan de escaravellos machacados? Todo pode ser. Polo que entendín, na antiguedade mesturaban unha onza de mel con 20 destes escaravellos para obter o prezado vigorizante.



Pois a cousa non queda aquí. A cantaridina emprégase actualmente en medicina para eliminar berrugas e moluscos da pel (si, moluscos). Ambos son infeccións víricas que se contaxian con facilidade. A alternativa a este estracto natural é o bisturí. O poder vesicante da cantaridina fai que as berrugas desaparezan en poucos días sen apenas molestias. Para os que teñan a tentación de matar bichos repelentes, que saiban que a única maneira de obter a cantaridina actualmente é mediante eles. Supoño que algúns se poderán criar en laboratorios... O noso coleóptero protagonista non. Veredes o motivo.



O ciclo vital do escaravello do aceite é tan complexo que non chega unha Teoría da Evolución para explicalo. Os insectos do xénero meloe teñen unha especialización brutal e pasan por cinco ou seis etapas de metamorfose ata chegar a adultos. Vexamos. 





En primeiro lugar, o espécime que vin era unha femia. As femias teñen o abdome hipertrófico debido á que contén miles de ovos no seu interior. Os machos son máis pequenos cas femias. Ambos teñen os élitros atrofiados (élitros son as ás duras de quitina dos escaravellos). Por iso non poden voar nin cantar comas os grilos. A femia realiza a posta nun burato no chan e deixa os ovos amoreados nunha pasta mucosa. Ao cabo dunhas semanas xorden uns pequenos insectiños moi peculiares que se chaman "triunguliños" (non trianguliños). Cando lin por primeira vez este nome case me dá a risa. Tan simpático apelativo indica que estes insectos saen a ver mundo con tres uñas en cada pata. Ata aquí expliquei a primeira etapa da metamorfose.

Imos coa segunda etapa. Despois de saír do burato, os triunguliños escalan polas flores. Alí esperan a que chegue algunha abella para montarse nela. Resulta que son tan selectivos que só lles serven abellas femia de variedades silvestres. Polo que puiden ler, non se montan en abellas comúns (apis mellifera). Parece ser que non parasitan á abella senón que a usan como medio de transporte! Viaxan sobre ela ata chegar ao niño. Alí báixanse para aloxarse comodamente no compartimento de cría. No mesmo lugar teñen bufete -non de avogados- libre a base de ovos de abella. Por iso non lles valen machos, porque viven solitarios e non poñen ovos.





Despois de engordar o sufuciente entran en estado larvario e repousan "x" meses sen actividade. A larva vai cambiando de aspecto dentro dun saco parecido a unha crisálide. Algúns autores mencionan dúas fases dentro desta etapa onde se aprecian diferenzas na constitución do insecto.



A terceira etapa de desenvolvemento tamén é sedentaria. O verme en hibernación cambia a outra variante que se coñece como "pupa". A pupa é un estadio intermedio entre larva e insecto maduro. Nela xa se identifican os órganos típicos que pusúen os escaravellos adultos.

A cuarta e última etapa da metamorfose é a de insecto adulto. Neste intre, os escaravellos aliméntanse de herba con voracidade. Medran tanto que poden acadar os tres centímetros de longo e un centímetro de diámetro (o tamaño do dedo maimiño). Como xa son fértiles, aparéanse e poñen ovos no chan. Así xorde outro ciclo vital.



O hábitat do meloe proscarabeus é o noroeste peninsular e a cornisa occidental europea. Con todo existen outros escaravellos do xénero meloe, moi parecidos a este, repartidos pola Península e polo mundo enteiro. Unha destas especies aínda é máis selectiva na etapa de triunguliño. Resulta que os animaliños son capaces de amorearse na flor para simular un abellón e, por riba, liberan feromonas que imitan ás das abellas. O método invita a unha cópula infructuosa do macho, que serve de vehículo ata que se atope cunha femia noutra flor. Alí farán o transbordo. Incrible!



Xa para rematar, e como comentario particular, direi que me resulta incomprensible este xeito de evolución. Qué sentido ten dar tantas voltas para atopar unha "solución" tan sofisticada de supervivencia? Non entendo como o ADN pode gardar información sobre o comportamento parasitario selectivo desta especie. Cómo "transcribir", en codificación xenética, que un triunguliño deba subirse a unha flor, recoñecer ao seu hóspede e viaxar nel para comerlle os ovos? Velaquí a materia escura da bioloxía.



O que si entendín é que non se deben matar bichos a pesar de ter un aspecto repulsivo. Incluso chegando ao estremo de que fosen parasitos das abellas domésticas, deberiamos exterminalos?