.....::    fonte.es     2016-04-26
 




Intoxicación


Hai un lugar en Galicia, unha comarca no centro do país, que está sendo estudada por algúns científicos de Santiago. Neste sitio hai unhas plantiñas que son únicas no mundo e que están protexidas pola lei para evitar a súa desaparición. Unha delas chámase "Santolina melidensis" e esténdese nunha superficie de 2 km cadrados no extremo sur da Serra do Careón. Este espazo natural é zona protexida LIC pola Comunidade Europea. Tan importante é que os de Fomento tiveron que agardar varios anos ata dar cunha solución técnica para atravesala cunha autovía, finalmente cun viaduto que pasa por riba do anaco protexido.

Diversos estudos rebelan que a importancia biolóxica deste entorno radica na especialización de certos vexetais á toxicidade do solo. Aquí hai metais coma o níquel, cadmio, cromo, zinc e manganeso, todos eles dispersos nunha variedade de rochas chamadas ultrabásicas (serpentinas, anfibolitas, peridotitas, asbesto, etc) . No monte de Barazón, no do Castro, en Basadre, na Madanela, no Leboreiro e no Meire hai metais pesados no chan. Si, o escaso solo arxiloso contén sustancias velenosas que non deixan medrar aos vexetais típicos do clima atlántico. Nestes páramos non medran as árbores e hai pouca vexetación en xeral. Como moito vense algúns piñeiros, eucaliptos e carballos de escaso porte nas veigas dos regatos e nalgúns vales. O resto é ermo, sen vexetación, ou monte baixo de toxos, uces e xestas.

fonte velenosa

Non se fixan os expertos nun tema de vital importancia: se a auga que beben os veciños destas terras está contaminada con metais pesados. E digo isto porque nalgunha das parroquias que abrangue a Serra do Careón hai demasiados casos de cancro, afectando tanto a maiores como a novos. Todos os anos coméntase algún caso, terrible, estrano, dun veciño que cae enfermo de xeito inesperado. Non sei se hai estatísticas ao respecto na Consellería de Sanidade, pero gustaríame que alguén tomara cartas no asunto, estudase o tema e comunicase un resultado para tomar medidas. Se tan importantes son unhas plantiñas, cánto máis importante non será a xente!

Sei de varios veciños que fixeron análises da auga corrente. O que lles saíu foi contaminación por residuos fecais debido á proximidade de granxas. Nas investigacións non se estudaron as trazas que deixan os metais pesados xa que estas probas esixen aparellos moi sofisticados que non posúen as empresas pequenas. Por outra banda, non creo que a xente lles comunicase aos laboratorios (algúns son farmacias), o problema da presenza de metais  xa que non circula información sobre o asunto.

Oín a testemuña dun veciño que solicitou unha análise técnica pola súa conta. O laboratorio confirmou a baixa calidade da auga e solucionou o tema colocándolle na casa un equipo de depuración que corrixiría as deficiencias de salubridade. O técnico cobrába 200 euros soamente por revisar a máquina unha vez ao ano. Un afectado díxome que as avarías eran frecuentes e que cada arranxo custaba unha cantidade esaxerada. Non me explico a tecnoloxía que teñen estas máquinas e quedei coas ganas de ver unha. Supoño que terán nano-filtros de carbono activo ou precipitadores de cal. Aconsellei a esta persoa que analizase a auga que saía da máquina noutro laboratorio para contrastar a eficiencia do invento. Creo que definitivamente abandonou a potabilizadora e agora recolle garrafas de auga para beber nunha fonte próxima.

Chorén

As medidas adoptadas polas administracións locais son nulas. O mal chamado "servizo de auga potable" non está garantido e os veciños consomen auga con total confianza a pesar de extraerse directamente das zonas problemáticas. Pregúntome se o concello de Santiso, Melide, Toques e Palas de Rei están ao tanto do asunto. Se o están, a que esperan para poñer potabilizadoras comunitarias nestas aldeas? Haberá que traer a auga doutros lugares? Hai algún censo de mananciais no concello? Son de auga potable? Deron a coñecer estas circunstancias aos veciños?

Fai corenta anos, de neno, gustábame andar fóra, polo monte, polos prados e ir ao río. No verán saía coa bicicleta a recoller amoras para facer uns cartiños e despois gastar nas festas. Na aldea tiñamos que inventar as nosas propias fantasías e compartiámolas cos poucos veciños que quedaban. Unha das miñas ansias consistía en coleccionar pedras que recollía de comaróns e cavorcos... Un día atopei unha que parecía tal cal a plumaxe dunha galliña morta. Era branca, fibrosa e esfiañábase facilmente cos dedos. Agora sei que aquilo era amianto e o lugar onde o atopei foi nunha mina escavada para obter auga.

Minerais de asbesto

Moitas cousas cambiaron nestes últimos corenta anos. Daquela, cando eramos inocentes, só se vía unha canle de televisión. A prensa só chegaba á taberna, á casa da mestra e á do cacique. Hoxe disfrutamos de toda clase de medios, en abundancia, ata en exceso. Temos canles de radio e televisión especializados, medios analóxicos, dixitais, revistas, Internet, teléfonos móbiles, e outras infernais tecno-máquinas que acaban posuíndonos. Vivimos nunha sociedade tan informada e informatizada que todo o mundo sabe de todo, de xeito que as diferenzas de opinión nunca chegan ao consenso. A xente ten liberdade de expresión, liberdade de crítica e liberdade de elección. E cada quen tira polo seu lado.

Así nos vai!