.....::
fonte.es
2016-12-18
|
||||
A vaca como unidade de medidaEn Galicia, non fai moito tempo, a riqueza dunha casa medíase en vacas. Cantas máis vacas era capaz de manter un paisano, máis facenda tiña (e menos preguiceiro parecía ser). Por este motivo era frecuente que as mozas lles preguntasen aos pretendentes cantas vacas tiñan na casa, dito devanceiro ao actual "y tu... estudias o trabajas?". Tomando a vaca como unidade de medida podemos comparar a riqueza de diversos países con respecto á nosa. Non cabe dúbida que Galicia é terra de vacas... ou non? Galicia continúa sendo a gran protagonista do vacún de leite en España. Esta rexión conta cun total de 369.116 vacas leiteiras e 549.094 vacas totais (entre leiteiras e de carne, sen contar becerros), que representan o 30 % do censo nacional e case o 50% da produción leiteira, 2.600.000 toneladas, segundo a última Enquisa Gandeira realizada polo Ministerio de Agricultura. Dentro de Galicia, as dúas provincias cun maior censo son Lugo (166.596) e A Coruña (155.687), mentres que Pontevedra (43.962) e Ourense (2.872) séguenlles a bastante distancia. Outras rexións cunha certa implantación son: Castela e León (96.656); Cataluña (74.313); Asturias (73.482); Andalucía (56.884); Cantabria (55.518); Navarra (25.182); Castela-A Mancha (24.758); País Vasco (20.148). Ademais, en Galicia, as vacas son moi leiteiras. Aquí temos á vaca récord. Na granxa "Casa Crespo" vive a vaca Risa (puxéronlle así ao ver o moito leite que daba). A Risa produciu un total de 21.157 quilos en 2015, máis do dobre que a media actual das vacas de leite en Galicia, o que a fixo merecedora da distinción honorífica da Federación Frisoa Galega. Pero miremos cara o mundo exterior. Observamos que hai moitos países que nos superan en cabezas de gando bovino, aínda que non en produtividade. España ocupa o posto nº 44 do mundo nesta variable. O país que menos vacas ten do mundo é Groenlandia con 15 cabezas e o que máis Brasil, con 220 millóns!
Co número total de animais non abonda para saber que países son máis ricos en vacas. A seguinte gráfica revela un cambio radical respecto do anterior. Se contamos as vacas que lle corresponden a 100 habitantes veremos que algúns tópicos xorden: os lugares máis ricos en vacas son os países sudamericanos, os do continente australiano e irlanda. España ocupa o posto nº 40. Sorprende a potencia bovina de países como Sudán, Malí, Níger, Chad ou Etiopía, todos eles ubicados en zonas desérticas do centro de África! que non son precisamente moi ricos en cartos...
Se facemos o mesmo cálculo de antes cos concellos de Galicia observamos que onde hai máis vacas é en Lugo e na Coruña. Se picas, querido lector, sobre os mapas inferiores poderás obter os datos exactos para cada concello. Por exemplo, Lalín (Pontevedra) é o que máis vacas ten de Galicia (15.610), xunto coa Pastoriza (Lugo) (14.664). Se miramos os concellos que teñen máis vacas por habitante, o ganador será Muras (Lugo) con 467 vacas por cada cen habitantes e de segundo quedaría A pastoriza, con 448 vacas por cada cen habitantes. Así que xa sabemos onde viven os gandeiros de Galicia, nas chairas e veigas do interior, lonxe das grandes cidades e da costa. Un vistazo rápido ao mapa abonda para decatarse de que o 80% das vacas de Galicia están a menos de 80 km de Lugo. Pódese dicir, polo tanto, que Lugo é a capital leiteira de Galicia.
Máis información na web de Campo Galego, e no Instituto Galego de Estatística. |