Sen cobertura
Dúas aldeas da provincia da Coruña quedan sen teléfono por culpa da merda. Mandeo e o Marco das Pías son dúas poboacións situadas na parte máis oriental do concello de Sobrado dos Monxes. Nesta zona, a máis elevada da provincia, por onde pasa a ruta Norte do Camiño de Santiago, hai un vertedoiro que medra sen parar.
Aquí había, en tempos de Franco, unha canteira de grava que pechou na época da Transición. Fai catorce anos que unha empresa privada, Gestán Medioambiental S.L., empezou a recoller nela os residuos que non se podían tratar na planta de Nostián nin na de Cerceda pero que estaban catalogados como non perigosos e podían tirarse en calquera sitio. 300 toneladas de entullo procedentes da industria e da construción chegaban cada día ata a parroquia sobradense de Codesoso, a escasos 500 metros do santuario de Santa Columba das Pías. Rematada esa etapa de frenesí soterrador (dise que chegaban máis de 50 camións ao día), agora no vertedoiro de Gestán dedícanse a recoller residuos sólidos urbanos.
Durante todo este tempo, os veciños da comarca aturaron estoicamente os continuos cheirumes, os vertidos de lixiviados ao Mandeo (supostamente depurados cunha máquina de osmose inversa e 300 toneladas de ácido sulfúrico), e as fochancas que causaron os camións na AC-934, que nin sequera ten beiravía. Agora, a todas estas penurias, súmase unha traba máis: que perderon a cobertura telefónica.
O impacto visual da morea de lixo é cada vez maior xa que, nestes intres, supera notablemente o antigo perfil do monte. A elevada cota do entullo impide a recepción do sinal de teléfono nas aldeas que están por detrás do vertedoiro, en liña coa antena de O Mesón, a única das proximidades. Os veciños agora tampouco se poden conectar polo móbil.
As queixas, dende sempre, son en van. Ningún político de Sobrado lles presta atención porque aquí están todos comprados, sinalan os afectados. En Sobrado levan anos de sanguentas disputas na alcaldía que dan lugar a numerosas mocións, eventualidades económicas e transfuguismo. Cando a empresa solicitou o permiso de actividade, os políticos de turno non souberon negociar contrapartidas suficientes para o seu pobo a cambio de soportar tan noxenta industria.
Consultados dous informes de declaración ambiental da empresa Gestán, un de 2014 e outro de 2015, puidemos sacar algunhas conclusións ao respecto do estado do vertedoiro.
A superficie do vaso de eliminación de residuos é de 41.740 m2. O vertedoiro ten unha capacidade total de 910.000 m3. En 2014 a empresa xestora declarou un grao de ocupación do 83%, e do 87% en 2015.
Fixemos unha aproximación da altura máxima que acadaría o lixo, contando cun amoreamento en forma troncocónica, cun raio na base maior de 115 m e de 90 m na base menor.
Botando unhas contas con estes datos, calculamos a altura a partir da fórmula do volume:
Sae que podería acadar unha altura máxima de 30 metros dende a base orixinal. A canteira tería uns 20 metros de profundidade media, polo que o lixo non debería superar o nivel do monte en máis de 10 metros. Polas fotos actuais parece que isto xa sucedeu. Preguntámonos se sería posible unha inspección in situ para clarificar este punto.
Por outra parte, entre 2014 e 2015 a empresa consumiu un 5% do espazo total dispoñible. Isto equivale a 45.500 m3 de lixo acumulado nun só ano. Dende aquela sabemos que moitos concellos seguen contratando os servizos de Gestán en Sobrado. É o caso do consorcio "As Mariñas", formado por Abegondo, Bergondo, Betanzos, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Segundo a prensa (https://www.laopinioncoruna.es/gran-coruna/2017/07/04/consorcio-estudiara-crear-coruna-vertedero/1196952.html), pagan a Gestán 31 euros por tonelada recibida, e un investimento total de 1,3 millóns de euros ao ano. Se facemos a división sáenos que Gestán recibe 42.000 toneladas de lixo cada ano (115 toneladas ao día). Tendo en conta que aínda hai máis concellos que utilizan os servizos de Gestán, as cantidades de lixo que estimamos estarían moi por debaixo do valor real.
Tamén sabemos que o lixo urbano ten unha densidade variable que oscila entre 1000 e 2000 kg cada m3 compactado. Poñendo un valor intermedio de 1500 kg cada m2 e supoñendo que Gestán recibise en Sobrado só as 42.000 toneladas da mancomunidade de As Mariñas, calculamos que chegarían a Sobrado 28.000 m3 de lixo cada ano.
Dende 2015 quedaba por ocupar un 13% da capacidade total. Se, dado o caso, chegan a Sobrado 28.000 m3 de lixo cada ano, isto significa un descenso na capacidade do 3,11%. Deste xeito o vertedoiro estaría completamente cheo ao cabo de 4 anos. En 2019 debería estar selado.
Na estimación anterior fomos moi optimistas considerando acumulacións de 28.000 m3 de lixo ao ano. Teñamos en conta que Gestán declarou en 2015 una recepción de 45.500 m3. Se isto fose así, a empresa debería ter selado o vertedoiro en 2 anos e 7 meses, prazo que xa se cumpriu.
Ante o silencio da empresa e do concello de Sobrado, cómo podemos saber se están xogando limpo? Quedarán máis aldeas sen cobertura polo vertedoiro de Gestán?
Entre tantas incertezas, algo temos por seguro: que as vacas de Roade e Grixalba xa non queren beber nas primeiras correntes do río Mandeo.
NOTA: Nesta análise aproximativa non incluímos algúns factores que tamén contribúen a saturar o vertedoiro, como a cantidade de terra que debe amorearse entre capa e capa de lixo ou a de selado final, a reserva de espazos para drenaxe e captación de lixiviados, para evacuar gases, etc.
|