.....::    fonte.es     2021-08-23
 




Comparativa entre dúas estimacións realizadas mediante ponderación de altas médicas


Xa vai para ano e medio que temos que lidar cunha peste que non dá tregua nin permite recuperar aquela tranquila normalidade á que estabamos tan acostumados e que tanto anhelamos. Que non tarde, que isto xa aburre!

 

O maioritario grupo dos que tomamos a covid-19 en serio -porque somos cautelosos no proceder diario- vemos como o noso esforzo ten menos repercusión da que quixeramos. Temos présa por que isto remate pronto pero vemos como a cousa se demora. Pero tamén se ven algúns puntos positivos e avances moi importantes, entre eles, o alivio causado pola vacinación masiva.

 

Está claro que esta quinta onda que estamos atravesando prosperou nas persoas máis novas, principalmente porque non estaban vacinadas e tiñan ao sistema inmune sen adestrar no recoñecemento do coronavirus. Tamén porque arriscaron máis en reunións e contactos. Os datos recollidos nesta vaga así o demostran. Este aspecto que caracterizou a quinta onda pódese apreciar no tempo que tarda a xente en recibir a alta médica. A cuestión que vou aclarar é cómo estimar ese tempo.

 

Imaxinemos un chofer de autobús que vai apuntando os viaxeiros que soben en cada parada, os que se baixan e os que aínda viaxan. Pois coa pandemia tamén se pode actuar de xeito análogo. Anotamos os novos casos diarios (os que soben), as altas (os que baixan), e os casos activos (os que viaxan). Non consideramos os falecidos para esta comparación porque, ao fin e ao cabo, son persoas que deixan de ser activas polo que poden considerarse como "altas", sempre e cando o seu número non sexa significativamente grande.

 

A cuestión de fondo é que a inmensa maioría de viaxeiros non pode estar no autobús un tempo indefinido (antes ou despois terá que baixar). Coa covid-19 pasa igual: a maioría dos que enferman teñen un tempo límite para recibir a alta médica (ou morrer, no peor dos casos). Temos datos das altas que se dan diariamente, pero tamén as podemos simular mediante programas informáticos. Podemos supoñer, por exemplo, que o 5% novos casos dun día en concreto estarán de alta ao cabo dunha semana, que o 75% deses casos o estarán ao cabo de dúas semanas, que o 15% estarán de alta ao cabo de tres semanas, e así sucesivamente.

 

Pero estas porcentaxes podémolas cambiar de tal xeito que se axusten o mellor posible á realidade. Deste xeito saberemos o criterio seguido pola administración sanitaria en outorgar a recuperación formal (que non a recuperación real). Como levo facendo esta conta máis dun ano puiden comprobar a evolución do criterio, do cal vos deixo unha mostra.

 

O criterio que mellor se axustou entre o 1 de abril e o 1 de agosto de 2021 foi este:

1ª semana: 5%

2ª semana: 70%

3ª semana: 15%

4ª semana: 5%

5ª e posteriores: 5%

 

 

Xusto ao pasar o pico da quinta onda (1 de agosto), as porcentaxes cambian. Vese como hai menos enfermos de longa duración xa que se adiantan as altas. Agora, as porcentaxes que mellor se axustan son:

1ª semana: 5%

2ª semana: 75%

3ª semana: 15%

4ª semana: 3%

5ª e posteriores: 2%

 

 

Na imaxe inferior pódese mover unha cortina virtual para ver como cambia a imaxe segundo o criterio establecido de altas. Como se pode apreciar, antes e durante a subida da quinta onda o mellor axuste de altas conincidía coas seguintes porcentaxes de altas:

 

Pulsa sobre o botón azul central e deslízao para comparar as dúas gráficas. A máis amarela é a que corresponde ao criterio anterior ao 1 de agosto. A branca amosa o criterio actual.

 

Antes

Despois

 

 

Hai unha cuestión que resulta difícil de explicar: sendo que nestes días de descenso da quinta onda está aumentando a porcentaxe de hospitalizacións e tamén as mortes, en cambio, apresúranse as altas; adiántanse dende o sector que máis tarda en recuperarse cara os de pronta recuperación. Aquí hai unha contradición, pois a covid-19 ocasionada pola variante delta non puido facerse máis leve no transcurso de tan só 15 días.

 

Puntualizo un chisco máis. O primeiro criterio de altas semanais mostraba desviacións menores do 2% respecto dos casos reportados oficialmente, e isto foi así dende abril ata o 1 de agosto. Dende o 1 de agosto ata hoxe 23 de agosto, se mantemos como válido ese primeiro criterio de altas, a desviación sobe ata o 15%. Isto pode ter dúas explicacións:

 

1.- Que a enfermidade estase debilitando, ou sexa, que a xente que "viaxa" fai agora traxectos máis curtos.

 

2.- Que se están apurando as altas, ou sexa, que o chofer está "botando" para fóra aos viaxeiros antes de chegar á súa parada. Se o autobús vai moi cheo... cómpre alixeiralo e facer sitio para outros viaxeiros, alternativa máis barata que poñer outro vehículo de liña. Ollo, que se viaxa por conta da empresa: o billete é gratis para a xente e a empresa quere aforrar custes.

 

O malo de baixarse antes de tempo é que moitos terán que facer o camiño que falta ata a súa parada a pé. Pero isto importa pouco... ou non?

 

Se resulta que a enfermidade pola variante delta a pesar de ser máis grave mellora o seu prognóstico colectivo, puidera ser debido a que se apuran as altas médicas para "alixeirar o carro" e así manter artificialmente unha baixa incidencia e, en consecuencia, non ter que endurecer as restricións. Ou sexa, que imos cara unha "nova normalidade" na que se salva a economía correndo un tupido veo sobre estatísticas e datos reais.