.....::
fonte.es
2022-01-23
|
||||
Variante ómicron BA2Os microbiólogos non se equivocaron cando prognosticaron a gran capacidade mutaxénica do virus SARS-CoV-2. Xa circula unha nova variante procedente da ómicron que é aínda máis contaxiosa, está por ver se máis virulenta. Realmente atopáronse 3 diverxencias da ómicron que uns chaman BA.1, BA.2, e BA.3, e outros ómicron-21K, ómicron-21L e ómicron-21M. Neste caso referímonos á segunda pois ten unhas características peculiares.
Uns din que xurdiu na China e outros na India pero este debate é máis esotérico que científico. O importante é que esta nova liñaxe está afectando en lugares tan cercanos coma Dinamarca, onde xa supón o 40% dos contaxios. En realidade, leva un mes estendéndose por Asia, Australia e Europa, sendo aquí onde máis probas se fan e polo tanto onde máis aparece (ben sabido é que quen non busca, non atopa).
Ómicron BA.2 (ou ómicron-21L) evolucionou moito respecto dos seus precursores e xa acumula 100 mutacións, o dobre que a ómicron orixinal. Este salto xenético permítelle ao virus aumentar a súa capacidade de contaxio pois pasa inadvertido durante máis tempo entre as persoas infectadas que o transmiten inconscientemente. Pódese dicir que a variante ómicron aumentou a súa capacidade de infección e, polo tanto, agárdase que se estenda con ímpetu. Leva relativamente pouco tempo circulando así que aínda non se sabe con certeza se ten maior morbilidade que cepas anteriores, se evade máis eficazmente ás vacinas ou se afecta pouco ou moito a certos sectores da poboación.
A sociedade moderna ten por costume empregar eufemismos cando hai que falar de algo que non convén. A isto que lle chaman "gripalización" deberíase de chamar "endemización". Non gusta recoñecer que a covid será cousa presente durante moito tempo, tanto como tardemos en atopar unha vacina esterilizante (as vacinas actuais son atenuantes). Ante esta realidade sombriza hai que recoñecer que non somos plenamente consecuentes. Ten preferencia o beneficio económico antes que o sanitario e isto leva a que o virus non se conteña. Lamentablemente somos espectadores dun drama que tende a perpetuarse pola inacción colectiva. Canto máis se estenda no espazo e no tempo o virus máis probabilidade hai de que mute e de que as mutacións sexan máis diversas. Este é un factor que non se está a valorar, que a capacidade de mutación puidera ser exponencial (posibilidade de máis cruzamentos entre máis infectados).
Árbore filoxenética da variante ómicron e derivadas.
Ademais, o coronavirus non ten factores limitantes para a súa expansión como teñen outros virus perigosos coma o dengue (que se transmite pola picadura de mosquitos), ou o ébola (contáxiase por contacto con fluídos de infectados). A covid non necesita dun vector específico para transmitirse como sucede con outros virus. A principal vía de transmisión é o aire cargado de partículas exhaladas na respiración (animal ou humana). É por isto que hai que extremar as precaucións en canto ao amoreamento de persoas en lugares pechados e mal ventilados. Pódese dicir que os tres elementos materiais imprescindibles para conter a pandemia son a máscara, as vacinas e manter unha atmosfera ben ventilada nos lugares onde se reúnen as persoas. Quedan outros tamén importantes como a hixiene de mans, a desinfección de espazos comúns ou evitar aglomeracións. Todos se resumen nun: conciencia responsable.
Características e principais mutacións da variante ómicron BA.2 nunha análise feita en Australia.
Os virus son parasitos que precisan do sistema celular de organismos superiores para reproducirse. Non son seres vivos porque carecen de metabolismo... pero tampouco son seres inertes, xa que interveñen activamente na evolución das especies. A súa orixe é unha incógnita da que non temos unha explicación clara. Algúns din que se orixinaron nos albores da vida e tiñan unha misión comunicativa, tal vez actuando como transmisores de información entre coacervados (ou protocélulas), que lles permitiu a estes adaptarse máis rápido ás hostilidades do medio no que se desenvolvían.
O que noutrora foi útil para a evolución agora aféctanos coma un mal. Pero, quen sabe se isto que cualificamos como mal sexa unha interpretación subxectiva e curtoplacista: a vida xa prosperaba na Terra antes de que aparecese a nosa especie e -se cadra-, somos nós o mal para a permanencia da vida, o defecto que actualmente se debe corrixir.
|