.....::    fonte.es     2022-07-23
 




Estudo sobre a ocupación das UCI en Galicia


Cada persoa ocupa o seu tempo no que mellor lle parece ou no que máis lle convén. A min gústame perderme entre números, por curiosidade, por saber o que pasa máis aló do que che mostran ou do que che contan. Desde que empezou a covid, vou tomando nota dos datos que ofrecen varias institucións -entre elas o SERGAS-, para levar un control da pandemia a nivel Galicia. Os números collidos en seco son moi fríos: non falan nin de riscos, nin de posibilidades, nin do xeito en que se toman as decisións sobre a xestión da pandemia nas esferas de goberno. Pero, argallando con eles, algo se pode entrever. Vouvos poñer un caso moi de actualidade, un asunto para facervos cavilar.

 

Empezo cunha pregunta:

 

Poderíanse salvar máis persoas de morrer por covid?

 

Imaxe 01

 

A resposta afirmativa virá acompañada da polémica: uns dirán que este obxectivo poderíase acadar dedicando máis medios e persoal na sanidade; outros que sendo máis esixentes nas medidas preventivas; outros, que xa se fai abondo...

 

Todos cremos que sempre se pode facer máis dalgunha maneira, pero a pregunta non pretende ser idealista nin utópica. A cousa vai por outro camiño. Reformulo a pregunta un pouco mellor:

 

O sistema sanitario ten capacidade para atender nas UCI a unha parte dos enfermos que acaban morrendo por covid?

 

*****

 

Á primeira vista, habería que dicir “depende”. Primeiro teriamos que definir uns límites de ocupación UCI para o caso galego. Este asunto é complexo porque ningunha administración facilita datos sobre cantas unidades UCI se poden ocupar como máximo. Enténdese ben que non o dirán porque -se tal cousa fose de dominio público-, suporía unha debilidade na que se amparar para facer críticas continuadas. Non convén que a xente saiba cal é o número real de camas dispoñibles. De feito, sinalan máis camas das reais para que despois as porcentaxes de ocupación sexan reducidas e parezan menos alarmantes.

 

Mais, o que non proporciona a política de forma directa pode calcularse de forma indirecta. En febreiro de 2021, cando as cifras da covid eran máis transparentes, chegáronse a contar 1210 hospitalizados en planta (1/2/2021) e 254 hospitalizados en UCI (8/2/2021). Naquel momento o sistema sanitario galego tocou teito: non se daba atendido a máis xente. Uns días máis e colapsa o sistema. Daquela, algún hospital encheu as UCI só de casos covid.

 

Aquel intre supuxo unha cota superior clara e marcou os límites asistenciais admisibles para Galicia; xa digo, límites para un breve período de sobre-presión porque, de ser máis prolongado seguro que habería colapso sanitario con valores máis baixos de incidencia. Está claro que o sistema non só depende do número de camas que hai dispoñibles, senón que tamén da capacidade de actuación dos sanitarios. Aquí aparece outro límite que cómpre non rebordar se queremos seguir tendo profesionais de primeira que non estean queimados polo exceso de traballo e pola falta de recursos.

 

Imaxe 02

 

Se collemos como bos os valores de saturación hospitalaria de febreiro de 2021, poderemos deducir que Galicia chegou ao tope de UCI con 300 doentes ocupando unha cama. Evidentemente que este tope podería ser inferior a 300, por exemplo, se houbese que atender aos enfermos de forma moi continuada.

 

En definitiva, que para establecer valoracións directas que permitisen conseguir unha referencia clara do grao de ocupación, calculei as porcentaxes do novo criterio de risco considerando esas 300 unidades UCI dispoñibles en Galicia:

 

Nivel de risco CONTROLADO

Ocupación UCI inferior ao 5% 

Menos de 15 camas UCI ocupadas

Nivel de risco BAIXO     

Ocupación UCI entre 5% e 10% 

Entre 15 e 30 camas UCI ocupadas

Nivel de risco MEDIO      

Ocupación UCI entre 10% e 15%

Entre 31 e 45 camas UCI ocupadas

Nivel de risco ALTO      

Ocupación UCI entre 15% e 25%

Entre 46 e 75 camas UCI ocupadas

Nivel de risco MOI ALTO  

Ocupación UCI superior ao 25%

Máis de 75 camas UCI ocupadas

 

 

Imaxe 03 

 

Hoxe, sábado 23/7/2022, o SERGAS notificou 29 doentes atendidos en UCI, polo que Galicia situaríase en risco BAIXO pero moi preto do MEDIO.

 

Imaxe 04

 

Observando as gráficas anteriores, pódese deducir que as áreas de Ferrol (con 0 UCI) e Vigo (con 3 UCI) estarían neste momento no nivel de “circulación controlada”; Lugo (con 3 UCI) estaría no nivel de risco “baixo”; A Coruña (8 UCI), Santiago (6 UCI) e Ourense (3 UCI) estarían no nivel “medio” e, por último, a área de Pontevedra (6 UCI) no nivel “Alto”.  Como se ve, o nivel de risco depende de dous factores: O número de doentes e o número de camas UCI dispoñibles.

 

A continuación ensinarei unha gráfica de ocupación de camas UCI en Galicia desde o día 1 de abril de 2022 ata hoxe.

 

Imaxe 05
 

 

Nestes catro meses obsérvase unha estabilidade no grao de ocupación UCI. En media, atendéronse a 22 ± 8 doentes nestes catro meses, pero vemos que desde entón a tendencia foi de lixeira subida. Nos últimos 15 días a media rolda os 30 doentes en UCI.

 

Visto así, parece que estamos lonxe de saturar as UCI. Pero tamén parece que se poderían atender a algúns doentes máis, tal vez algún dos que acaban falecendo, sen superar o límite máximo admisible deixando espazo para atender outras doenzas. Pois isto pódese saber se pensamos no seguinte:

 

Imaxinade que collemos a unha desas persoas que se descartan por idade ou por ter patoloxías severas. Se -en troques de desbotala- lle concedésemos unha oportunidade na UCI, en principio ocuparía unha cama durante como mínimo 7 días, en termo medio, como lles pasa a outros nas mesmas circunstancias. Este número de días pode variar... pero imos deixalo aí.

 

Claro que, en vez dunha persoa, poderiamos coller unha porcentaxe das que acaban falecendo. Imos ver algúns casos.

 

 

Caso nº1.

Poñamos que se colleran anticipadamente ao 10% dos que faleceron nunha data para darlles unha segunda oportunidade “virtual”. A gráfica de nivel de ocupación UCI sairía así:

 

Imaxe 06

 

Parece que a cousa non cambia moito. Fixémonos que, en canto chega unha onda de contaxios aparece outra onda de ocupación UCI, cun retraso de entre 2 e 3 semanas. Agora mesmo estariamos pasando este máximo cuns teóricos 80 doentes en UCI, que constitúe un 27% de ocupación, nivel que segundo novo criterio de riscos valoraríase coma “moi alto”.

 

 

Caso nº2.

Vexamos que sucede se rescatásemos un 20% dos falecidos e os levaramos á UCI con antelación suficiente, e lles désemos 7 días de permanencia para intentar sobrevivir. A gráfica quedaría así:

 

Imaxe 07

 

O efecto é que a media de ocupación estaría en 70 doentes con picos que dobrarían este número en canto comezase a fase de descenso da onda.

 

 

Caso nº3.

Poño, só por comparar, o que pasaría se rescatásemos ao 30% dos doentes que acaban en deceso e lles désemos 7 días de graza na UCI:

 

Imaxe 08
 

En primeiro lugar, a media de ocupación nestes catro meses estaría nos 95 doentes, con máximo para estes días situado sobre os 200 doentes.

 

 

Caso nº4.

Retomo o caso no que se rescataba un 20% de desbotados, con 7 días extra na UCI (pode considerarse calquera das situacións que mencionei anteriormente). Obsérvase perfectamente a concordancia entre ocupación UCI e casos activos que non se percibe seguindo os casos oficiais de UCI. Na gráfica de máis abaixo pode observarse isto que comento: entre 2 e 3 semanas despois de cada pico de enfermos activos sobrevén o pico de casos UCI.

 

Imaxe 09

 

 

Caso nº5.

Última proba que fixen: que pasa se rescatamos o 10% dos desbotados e lles damos 10 días na UCI coa esperanza de que se recuperen. Como repercuten eses 10 días no nivel de ocupación en lugar de 7?

Vexamos:

 

Imaxe 10

 

Pois sae unha gráfica moi parecida á que saía no caso nº2, supoñendo que se rescataba un 20% de doentes desbotados con 7 días de ocupación UCI.

 

 

Conclusións:

 

1ª) O nivel de UCI mantense estable sen superar certas cotas por mor das decisións que se toman nos despachos, non polas circunstancias particulares da pandemia. A estabilidade de ocupación nas UCI non se mantén de forma “natural”: non importa se hai moitos reclamando a atención en coidados intensivos, hai un limiar que non se quere superar e parece estar no 25% de ocupación UCI (nivel alto pasando a moi alto). Estamos atravesando unha etapa de racionamento das UCI.

 

2ª) Nas áreas menos saturadas aínda teñen marxe de manobra para rescatar algunhas persoas sen sobrecargar o sistema, sobre todo se isto se fai mentres non se acada o pico de casos activos. Iso si, tendo en conta que o tempo medio de recuperación non exceda os 7 días.

 

3º) Actualmente o ~ 90% dos falecidos por covid morren sen pisar unha UCI. Neste intre estamos nunha media mensual de 8 mortos diarios, a meirande parte maiores de 80 anos. Moitos considerarán que estas persoas xa viviron suficiente e que levalos para a UCI pode ser considerado -incluso- un ensañamento terapéutico. Pensaríamos o mesmo se chegase unha variante do covid máis agresiva que atacase severamente ás persoas de idades inferiores? Nese caso, que nivel de ocupación UCI sería “admisible”? Ou... sería o mesmo?

 

 

Imaxe 11