.....::    fonte.es     2024-03-30
 




Altri e Greenfiber, ou como pintar de verde unha celulosa


 

(Proxecto Gama)

 

A palabra “verde” ten unha riqueza semántica desbordante. Normalmente identifícase con cousas naturais ou ecolóxicas (merquei roupa coa etiqueta verde). Tamén se refire a que todo vai ben, que continuemos, que temos vía libre.

 

Greenfiber, traducido do inglés significa “fibra verde”. Quedaron calvos poñéndolle nome á esta nova empresa, filial de Altri. Unha tapadeira, un verde disfrace para disimular o xeito que teñen de gañar cartos: explotar a riqueza natural do país para favorecer aos grandes capitalistas, sen escrúpulos e sen sancións (para iso xa contan coas correspondentes portas xiratorias), e rematar ciscándose no territorio parasitado.

Greensphincter!

 

imaxe

 

 

A conselleira de Economía, Industria e Innovación, a avogada coruñesa María Jesús Lorenzana, defendeu a mega-celulosa de Altri dicindo publicamente que:

 

  1. “É un proceso absolutamente *redondo desde o punto de vista medioambiental e da sustentabilidade e descarbonización, ademais de *clave para o peso industrial de Galicia”.
  2.  

  3. A Xunta, afirmou, o que quere é facer un proxecto “medio ambientalmente *súper-sostible e que aínda -por riba-, vai dar emprego e riqueza a esta comarca”. Polo que pediu “rigor e responsabilidade”.
  4.  

  5. Lorenzana pediu que deixen tramitar o proxecto para ver se é medio ambientalmente viable e cree que non merecen ser escoitadas as “voces pouco cualificadas que examinan baixo a superficialidade e sen ningún tipo de rigor un proxecto, e o que están a facer é condenar á pobreza aos habitantes dunha comarca que podería ser moi rica”.

 

imaxe

 

 

Analisemos detidamente os tres parágrafos.

 

No primeiro, a conselleira afirma que a mega-celulosa é un proxecto medio ambientalmente *redondo e industrialmente *clave para Galicia.

 

No segundo reafírmase dicindo que, ademais de ser *super-sostible, vai dar emprego e riqueza a unha comarca pobre. Para iso pediu rigor e responsabilidade.

 

No terceiro parágrafo pide que se deixe tramitar o proxecto para mirar se é medio ambientalmente viable porque hai voces pouco cualificadas que queren condenar á pobreza á comarca da Ulloa-Melide.

 

Este último parágrafo contradí ao primeiro, pois afirma que está por ver que o proxecto sexa medio ambientalmente viable e pide que se deixe tramitar. Solicita rigor cando ela non o practica. Ademais, xulga como voces pouco cualificadas a técnicos especialistas críticos co proxecto, afirmación un tanto arriscada tendo en conta que os estudos de dereito que realizou aportan escasa cualificación en temas tecnolóxicos e ambientais.

 

imaxe

 

Hai outra cousa nas súas palabras que me parece un insulto: afirma que se non vén a mega-celulosa para a comarca estaremos condenados á pobreza... Ou sexa, que a xente da comarca da Ulloa-Melide é pobre! Señora, ao mellor queremos se-lo... Mellor ser pobre e honrado que rico e apestado.

 

Moralmente, “pobre” é aquela persoa que nunca está satisfeita co poder económico que ten; noutros termos, unha “praga”, un “depredador”. Ao mellor vostede, señora conselleira, é máis pobre que a maioría de melidáns e ulloáns que viven sen enganar a ninguén.

 

imaxe

 

 

Estas palabras da conselleira poderíanse entender coma un chiste. De feito encaixan coa temática “verde” dos chistes, eses que tratan sobre “follaxe”. O verde é unha cor picante, ambigua, sen identidade de xénero. O poder verde, o “green-power” quere convencernos dos beneficios da sodomización socio-ambiental: din que a actividade industrial da celulosa agrede levemente ao medio natural (nun lugar recóndito), pero seica dá moito pracer económico. Ou sexa, estamos ante unha versión neo-capitalista e macro-económica do proxenetismo; tecnicamente poderíase denominar eco-prostitución expropiante.

 

Unha vez máis, os adiñeirados inversores queren tomar posesión de bens públicos de primeira necesidade. É ben coñecido o xeito de lucrarse que teñen os fondos de inversión coa vivenda nas cidades. Como non, tamén ven oportunidades de negocio no campo. Un exemplo claro é o da fabricación de roupa con “fibras verdes” (lyocell, ou nylon verde).

 

As modas cambian rápido e iso incrementa a demanda de roupa de “usar e tirar”. Para as industrias textis, isto supón máis beneficios que se poden maquillar de verde: abonda con dicir que esa roupa se descompón ao cabo de poucos meses no vertedoiro porque se fixo con fibra téxtil bio-degradable. A máis roupa vendida, máis ganancias. A eco-fibra ten a vantaxe de manter a conciencia capitalista tranquila porque todo se bio-degradará axiña. Así funciona o voraz capitalismo verde.

 

imaxe

 

 

O capitalismo xustifica calquera dano ambiental en aras do progreso e dos postos de traballo creados. Teñamos en conta que moitos deses postos son de transportistas e outros moitos realízanse nun entorno pestilente e ruidoso, tanto que hai que levar máscara e poñer tapóns nos oídos a maior parte do tempo.

 

A cambio duns mediocres traballos, a industria da celulosa deixa esgotado e deteriorado o territorio onde se implanta por culpa do monocultivo de eucalipto e tamén pola enorme carga contaminante que se deposita tanto nos ríos, coma no aire, coma no solo.

 

A empresa invasora non ten en conta os traballos que se destrúen por perda de calidade na produción agro-gandeira e por perda de atractivo turístico da zona. Resulta curioso que a maior parte das protestas proveñan da xente nova, mentres que os escasos apoios que teñen sexan de xente maior mal informada ou con intereses escuros e inconfesables.

 

Quen quererá visitar un lugar apestado onde a chuvia queima, o aire cheira a podre e o estrondo da maquinaria non deixa descansar nin de día nin de noite? Quen quedará a vivir aí?

 

imaxe

 

 

Pregunto, de verdade cren que unha industria deste tipo incentivará a natalidade na comarca?

 

Incluso é sabido que os sulfuros que emiten son substancias que causan esterilidade.

 

Hai que incluír no paquete de substancias tóxicas emitidas polas celulosas as canceríxenas: dioxinas, furanos, metais pesados e orgánico-metálicas coma o metil-mercurio, que deliberadamente se omiten nos informes ambientais publicados pola industria celulosa, e que van acumulándose nos corpos da xente que os respira e os bebe paulatinamente todos os días.

 

En Pontevedra quéixanse da gran cantidade de nenos que nacen con deficiencias e que padecen asma... Iso si, hai contraprestación: a meirande parte do deporte de base local está financiado por ENCE: entidades de fútbol, fútbol sala, atletismo, ximnasia rítmica, baloncesto, balonmán, taekwondo, loita, kayak, waterpolo, vela, piragüismo, e natación.

 

imaxe

 

 

En modo negativo, dicimos que algo está “verde” cando se mostra inmaturo, sen criar, ou ben lle falta dominio e experiencia. Neste sentido vemos como a conciencia ambiental dos políticos conservadores -menuda ironía-, está moi verde. Teñen por costume deitar máis cara o verde dos billetes que cara o verde dos montes. As famosas portas xiratorias están detrás destas novas empresas que xestionan recursos naturais. E ollo, que políticos e xestores desta ralea hainos de moitas cores.

 

Poñamos por caso Greenfiber, coa ex-conselleira Beatriz Mato ao mando. Greenfiber é filla de Greenalia, a compañía de José María Castellano Ríos, empresario ex-vicepresidente de Inditex, ex-presidente de Ono, ex-presidente de Nova Caixa Galicia Banco, ex-vicepresidente de La Voz de Galicia. En Greenalia tamén traballa o ex-conselleiro de Industria e Comercio, Antonio Couceiro. Curiosamente, este señor (que ostenta numerosos cargos en multitude de empresas e institucións de Galicia), tamén traballa de conselleiro en Dairylac, unha empresa láctea situada no polígono industrial de Melide que fixo un vertido ilegal ao río Furelos no verán de 2019. Dito vertido foi denunciado pero descoñezo se houbo repercusións legais. Iso é o que teñen de bo as portas xiratorias verdes, que fan de colchón político e legal.

 

imaxe

 

 

Outra empresa que tal baila é a consultoría ACENTO, o maior lobby de España (grupo de presión en inglés, o que vén sendo “mafia” en italiano). O seu CEO e fundador é o insigne palense Pepe Blanco (ex-ministro socialista de Fomento, ex-deputado no Parlamento Europeo e máis ex-cousas). Nas súas filas están Alfonso Alonso, ex-alcalde de Vitoria e ex-ministro de Sanidade do PP, Elena Valenciano (ex-vicesecretaria xeral do PSOE), Valeriano Gómez (ex-ministro socialista de Traballo), Elena Pisonero (ex-Secretaria de Estado de Economía con José María Aznar) e José María Lassalle (ex-Secretario de Estado de Cultura nos gobernos de Mariano Rajoy). Non vos estrañedes de que Altri atopase o mellor emprazamento para a súa macro-celulosa en Palas de Rei, lugar natal de Pepiño. De feito, no seus informes, a empresa lusa só barallou posibilidades na provincia de Lugo. Curioso.

 

imaxe

 

 

Algúns representantes de Altri e Greenfiber viñeron a Palas e Melide co propósito de expoñer aos veciños o seu proxecto industrial e a contestar dúbidas. Toparon con xente ben informada que facía preguntas incómodas que non recibían máis resposta que vaguidades e frases manidas. É o que ten a liberdade de expresión, que molesta aos do pensamento único. A xente -lonxe de tranquilizarse-, aínda se alporizou máis e protestou ante o naíf intento de manipulación. As protestas foron pacíficas, pero incomodaron aos de Altri que acusaron aos veciños de ser violentos.

 

Acudín á charla prevista en Visantoña (Santiso) o xoves día 22 de marzo. Cando cheguei alí, alguén dixo que facía unha hora que se cancelara a reunión. A escusa foi que os de Altri temían pola súa integridade física e renunciaban a dar explicacións. Esta reacción tan caprichosa e covarde maniféstase cando “poñemos a alguén verde”, equivalente a “poñer a parir” ou “poñer pingando”, porque lle sacamos a relucir as súas falsidades e trampas.

 

Quédame a frase “píntao de verde”. Entre consello irónico e chanza, é o que se lle di a aquel pasmón ou pasmona que tras causar unha desfeita busca un remedio imposible. Vén cadrado utilizar esta expresión despois dun “xa cho dixen!” ou “era visto!”. Outras industrias da celulosa píntanse de verde para disimular que son das máis contaminantes do mundo. Ence, a celulosa de Pontevedra e de Navia, denomínase bio-fábrica e no seu logotipo debuxa unha folla. A súa páxina web destaca por un estilo verde repleto de alusións á natureza e ao medio ambiente, con moitas fotos de vexetación. Anímovos a que miredes os seus informes de sostibilidade, ben pintadiños de verde. Pero, aínda que a mona se vista de lyocell, mona se queda.

 

imaxe

 

Para evitar suspicacias, direi que escribo esta reflexión porque me sinto moi prexudicado por esta iniciativa que o holding portugués Altri e a súa banda queren montar en Palas de Rei (co beneplácito da Xunta do PP). Nada pode compensar o desacougo que me produce este proxecto de construír un monstro a 3 quilómetros da miña casa. Nunca pensei que isto fora posible. Vivía tranquilo gozando dun entorno privilexiado. Agora xa non podo. Acabouse a paz.

 

Afortunadamente nacín en Chorén, que vén do latín “florem”, onde os meus devanceiros atoparon un recuncho de paraíso, un anaco de Natureza xenerosa que dá de comer aos seus fillos sen necesidade de raspiñar para sobrevivir. Este é o xeito de facer sostible un territorio, tal como se vén demostrando dende fai moitos séculos. Que non veña ninguén a darnos leccións nin a prometernos o ouro máis o mouro.

 

Quédanos, por último, falar da cor verde da esperanza. Eu teño moita, ben o sabedes os que me coñecedes.

 

 

 

 

Vista do polígono industrial de celulosas Altri-Greenfiber dende Cima da Aldea – Chorén – Santiso, a tres quilómetros de distancia.

 

imaxe

 

 

Vista por detrás do monte de Barazón – Santiso (LIC Serra do Careón), a pouco máis dun quilómetro.

 

imaxe

 

 

Vista desde o alto do Careón (LIC Serra do Careón), a seis quilómetros.

 

imaxe

 

 

Vista desde o Campo da Feira de Melide, a 5 quilómetros.

 

imaxe

 

 

Vista desde o Camiño de Santiago no Leboreiro, a 1,5 km.

 

imaxe

 

 

Afectación paisaxística do Camiño de Santiago no Leboreiro, a 1,5 km.

 

imaxe

 

 

Vista desde o coto do Pilar, no Bocelo, a 13 km.

 

imaxe

 

 

Mapa da comarca da Ulloa e Melide onde se coloreou de rosa aquelas zonas desde a cales non se ve a fábrica de celulosa. Percibirase con máis claridade desde lugares elevados libres de obstáculos. Non se tivo en conta a fumeira que puidera levantar, so a altura máxima da cheminea (75 metros). Hai que ter en conta que está proxectado que algunhas naves acaden os 60 metros de altura.

 

imaxe

 

 

Vídeo de sobrevoo a moi baixa altura desde Chorén ata Ramil.

 

 

 

Vídeo onde se mostra a cantidade e calidade da auga da vertedura que a celulosa zaragozana La Montañanesa fai sobre o río Gállego, penso que co beneplácito da Administración, non?