.....::
fonte.es
2021-12-27
|
||||
Vidas salvadas grazas ás vacinasÉ frecuente a presenza nos medios de comunicación de profesionais que se prodigan louvando os beneficios das vacinas contra a covid. É certo: as recentes vacinas de tecnoloxía ARN son un prodixio da ciencia e -aínda que son imperfectas-, están salvando moitas vidas e están evitando que reborde esta abafante situación na que nos atopamos actualmente.
É unha mágoa, pero non todo o mundo mira con bos ollos ás vacinas. Hai persoas que cren que causarán máis mal ca ben a longo prazo. Dita opinión ten pouco fundamento pero afiánzase no estigma que deixaron aquelas que empregaban tecnoloxías de virus recombianantes (con ADN na súa formulación como Astra Zeneca, Janssen, Sputnik V), que tiveron consecuencias nefastas nunhas poucas persoas e que, a longo prazo, manifestaron un decaemento na inmunización.
Non lles faltaron críticas desde o primeiro momento xa que algúns opinaban que non era bo aplicar terapia xénica para loitar contra un virus e que esta medicación estaba enfocada máis ben en combater o cancro. Ademais, o feito de empregar ADN como elemento activo implicaba un risco de interaccións co propio ADN celular, interaccións das que se poderían derivar consecuencias impredicibles.
Algúns tipos de vacinas nin estaban -nin están- suficientemente estudadas e deben madurar. Outro dato que reforza esta consideración é que as de ADN xa foran probadas en 2018 en países asiáticos e americanos para combater o dengue e alí tampouco funcionaron ben (caso Dengvaxia en Filipinas).
En definitiva, que algunhas vacinas foron sacadas moi quentes do forno... pero entre todas conseguiron o propósito para o que foron deseñadas: sacarnos do apuro sanitario e da crise económica que nos asolaba. Os responsables médicos -coñecedores destas circunstancias-, decidiron que a vacinación debía comezar polo sector sanitario empregando a vacina de Pfizer (de ARN, máis cara), por ser o colectivo máis exposto. O proceso continuaría coas persoas maiores por ser o sector social de máis risco. Daquela non chegaban as vacinas de ARN para todos... e tiraron pola opción barata de ADN para o resto de cidadáns que, desesperados, clamabamos por acadar a soñada inmunidade.
Pasou xusto un ano desde aquela. Agora -no mundo desenvolvido-, xa hai vacinas de ARN suficientes para todos... pero non chega, non podemos conformarnos: Mentres non se vacine a maioría de habitantes nos países máis desfavorecidos xurdirán novas cepas, liñaxes que acabarán repercutindo de novo nas nosas latitudes ao cabo de poucos días, como así sucedeu coas dúas últimas ondas.
Mais, o que agardamos neste intre é que nos poñan a terceira dose de reforzo para sortear con éxito a inexorable carga da variante ómicron (procedente de Sudáfrica), que está deixando moreas de contaxiados por todo o mundo. Fai nada, as variantes alfa, beta e delta, deixaban milleiros de hospitalizados e mortos e adoeciamos de impotencia. Os fracasos aportan experiencia. Tamén aumentan a esperanza de que estaremos mellor preparados para un próximo envite. Somos optimistas; confiamos en que o virus nos vai pillar coas defensas a tope e que, unha vez inmunizados, o combate entre antíxenos e anticorpos pasará coma unha simple catarreira. Oxalá sexa así.
Liñas atrás indiquei que as vacinas non son a panacea contra a covid pero son o escudo máis eficaz co que contamos. As outras armas seguen sendo a máscara, a hixiene, a ventilación de espazos pechados e manter a maior distancia posible con outras persoas. Estas son as armas de cada macuto individual. Pero fanse insuficientes se actuamos coa mesma coordinación coa que combatía aquel famoso exército de Pancho Villa: Cada quen defendendo nada máis que o seu negocio, afanados en salvar a economía persoal antes co atafegado sistema sanitario.
Sábeno ben os militares de profesión: Un exército vence pola iniciativa e valor de cada un dos seus soldados pero tamén necesita da coordinación, esixencia e determinación dos seus mandos. Con este virus, ás veces parece coma se os mandos... non estivesen ao mando. Actúan coma aquel famoso cabaleiro medieval, Álvar Fáñez, perdéndose polos cerros de Úbeda.
E menos mal! Ninguén pode dubidar de que as vacinas están sendo moi eficaces para minguar a estragueira causada pola pandemia. E isto pode demostrarse con números, tal como se fará a continuación neste pequeno estudo. Imos aló.
Propoño como data de referencia o 1 de marzo de 2021 por varios motivos. A esas alturas había en Galicia 224.000 persoas vacinadas, 59.000 coa dobre pauta. Esta xente só constitúe o 10% da poboación pero cómpre dicir que era a poboación máis vulnerable. Tres meses despois, o 1 de xullo, xa eran 1.647.206 as persoas vacinadas e 1.263.951 coa dobre pauta, case a metade da poboación de Galicia!
Resulta evidente que a 5ª onda, a que veu nos meses de xullo e agosto, amorteceuse en gran medida por mor da vacinación. Tamén é certo que os efectos da vacinación masiva perduran ata hoxe a pesar do que digan os negacionistas. E non é certo que a vacina impida a infección -cousa que vemos que non pasa-, senón que evita que vaiamos para o hospital ou, no peor dos casos, para o burato.
Outro motivo para considerar esta data do 1 de marzo como referencia é que marca o punto intermedio de contaxios no que levamos de pandemia: Antes desa data producíronse en Galicia arredor de 113.000 contaxios e desde aquela 110.000, practicamente outro tanto coma antes. En definitiva, que é un bo punto intermedio.
Por outro lado, A Xunta de Galicia - SERGAS non aporta datos acumulados de ocupación de camas hospitalarias, só indica os hospitalizados que hai no día en cada área sanitaria. Pero con iso abonda para facer valoracións aproximadas.
Se contrastamos nunha gráfica o número de hospitalizados fronte ao número de contaxiados que houbo dende o inicio da pandemia, veremos dúas zonas ben diferenciadas: Unha zona laranxa -que vai desde o inicio da pandemia ata o 1 de marzo-, na que entraron no hospital entre o 11% e o 5% dos contaxiados (escribo as porcentaxes nesta orde porque o índice foi reducíndose co tempo). Poñamos a media no 8% neste período de tempo inicial. Un sector azul, que vai desde o 1 de marzo de 2021 ata hoxe, no que a taxa de hospitalización diminuíu ata situarse entre o 3% e o 1% dos infectados.
Isto lévanos a pensar que pasamos dun 8% a un 2% na taxa de hospitalización, (en termo medio, reduciuse na cuarta parte do valor inicial grazas ás vacinas)
Agora que xa sabemos as porcentaxes podemos estimar cantas persoas libraron de ir ao hospital desde marzo:
Caso desfavorable (hipotético, coa xente sen vacinar ata hoxe) → 8% de 110.000 = 8.800 persoas que poderían haber pasado polo hospital.
Caso realista, coa poboación maioritariamente vacinada → 2% de 110.000 = 2.200 persoas.
8.800 - 2.200 = 6.600 persoas que se salvaron de ir ao hospital grazas á vacina.
(insisto, dende o 1 de marzo de 2021 ata agora). Esta tremenda cantidade de xente, concentrada sobre todo na 5ª e na 6ª onda, saturaría por completo a capacidade hospitalaria.
Vou estimar os casos UCI que evitaron as vacinas no mesmo período. Fixámonos na gráfica inferior que amosa a porcentaxe de enfermos graves en función dos hospitalizados. Nela obsérvase que esta porcentaxe é variable segundo o momento considerado pero que se centra arredor do 18%.
Botamos contas de novo:
18% de 6.600 persoas que se salvaron da hospitalización = 1.188 persoas que se salvaron da UCI. Aquí vemos outro factor que puido ocasionar o colapso sanitario e que se evitou grazas ás vacinas.
Por último, miramos cantas defuncións por covid se evitaron. Isto témolo doado de calcular xa que o SERGAS si aporta información sobre mortos totais desde o inicio da pandemia. Ata o 1 de marzo de 2.021 morreron 2.240 persoas sobre un total de 113.000 infectados totais. Desde o inicio ata o 26 de decembro deste ano faleceron un total de 2.744 persoas con 223.000 infectados totais. A diferenza é de 506 persoas defuntas. Agora facemos as porcentaxes:
2.240/113.000 = 2,0% de letalidade en Galicia por causa da covid dende o inicio da pandemia.
506/110.000 = 0,47% de letalidade en Galicia por causa da covid dende o 1 de marzo de 2.021.
A taxa de letalidade baixou outro tanto coma a taxa de hospitalización e isto é un 77%. Este cálculo está en bo acordo con estudos feitos por moitos expertos na materia dos que falamos nalgún artigo coma este que se pode ver aquí.
Na gráfica superior pode apreciarse como varía a taxa de letalidade co tempo. Realmente, este parámetro pode calcularse de moitos xeitos polo que cada un ten os seus matices. Aquí presento dous: Primeiro vemos unha traxectoria azul que corresponde á taxa de letalidade global, é dicir, considerando datos totais desde o inicio da pandemia. En vermello está a gráfica da letalidade considerando tramos de 30 días. Nela cóntanse os falecementos producidos nos 30 días anteriores a unha data sobre os contaxiados en 30 días pero cun desprazamento ou demora de 10 días entre a suma de infectados e a suma de falecidos. A taxa de letalidade non é, de ningunha maneira, un valor que permaneza constante no tempo. Os cálculos que a continuación se indican só estiman un promedio.
Agora estimarei cantas mortes evitaron as vacinas:
Imaxinemos o caso desfavorable, no que non houbera vacina dispoñible. Daquela, a taxa de letalidade sería do 2%, aproximadamente. O 2% de 223.000 infectados contados ata hoxe daría un total de 4.460 falecementos (hipotéticos).
Resulta que actualmente hai rexistrados 2.744 decesos, así que podemos afirmar que a vacina evitou un total de 4.460 - 2.744 = 1.716 falecementos (moi probablemente máis aínda).
Sen vacinas contra a covid as autoridades terían que manter unhas restricións moi severas para que non colapsase o sistema sanitario e tamén evitar mortes. Pero hai que puntualizar que a vacina non abonda para desfacernos desta peste da covid-19. As vacinación masiva non pode converterse nun pretexto para evitar o desenvolvemento de restricións razoables que, sobre todo, impidan as aglomeracións innecesarias de xente. O control de capacidade e a limitación de horarios serán, tarde ou cedo, imperativamente necesarios para cortar a transmisión do virus.
|