.....::
fonte.es
2024-09-09
|
||||
O Furelos, un río cargado de neglixenciasO día 7 de setembro achegueime ata Chorén para pasar a fin de semana coa familia. Coma sempre, un leva plans que mesturan traballo e lecer a partes iguais. Cómpre coidar a saúde física e a mental, e o entorno onde cadaquén naceu predispón a que ambas cousas sucedan. Coincidiredes comigo que convivir coa familia, os amigos e a micro-historia da aldea non ten prezo.
A xeración de ferro esmorece e deixa un baleiro imposible de encher. Pouco a pouco, as aldeas van minguando, van perdendo forza... vanse facendo vellas. Espero no adro para darlle a despedida a Olga e logo saudar aos veciños.
O imprevisto distorceu un pouco os plans pero... son cousas que pasan. Aproveitei o camiño de volta para botarlle unha ollada ao Furelos, na Pontechorén, coa soidade posta ao 100%. Alí miña nai lavaba a roupa axeonllada entre as pedras, con xabón da casa, coma sempre se fixera e como lle gustaba facer a ela: suxeitando por riba cunha man e refregando coa outra ata que a roupa recuperaba completamente a limpeza. As sabas arrecendían a fresco cando se lles salpicaba auga dende o caldeiro, e cegaban os ollos despois de poñelas a clareo na camposa. Entrementres, metiámonos no río e enredabamos cos outros rapaces da aldea, perseguindo ras e cágados e facendo presas. Amoreabamos pedras e oucas para construír acuarios nos que despois metiamos peixes... e tamén faciamos canles polas que navegaban os barquiños de casca de piñeiro que tallabamos moi amodo coa navalla. Nada disto existe xa, nin os peixes, nin os cágados, nin a camposa, nin as pedras dos lavadeiros, nin a xente que se esforzaba en manter aquel ecosistema en bo estado.
Daquela marchabamos do río ao solpor, cargando con dúas ou tres tinas cheas de roupa. Se había sorte, miña nai preparaba as troitas que meu pai pescaba ás escapadas, ou cando cadraba sábado ou o domingo. Iso si, había que gardar algunhas para a festa.
Nisto pensaba mentres paseaba pola beira do río con moito pesar porque non vía as típicas bandadas de peixes movéndose contra a corrente. O fondo estaba cuberto de lodo e a auga dicía atoldada. Boteille a culpa a que chovera de noite e probablemente houbera escorredura. Deume que desconfiar a pouca auga que levaba o río malia as chuvias do día anterior. Se cadra era cousa dunha vertedura, outra máis. Pero como sabelo?
Collín pola estrada vella camiño da Pontenova para mirar o punto onde se xuntan os dous ríos, o Furelos mais o Ulla (que se cadra viña igual). Aparquei o coche e baixei cara o muíño. Alí estaba un home restaurando nel e pregunteille por cortesía se podía pasar. Falamos un anaco sobre o ben que estaba quedando aquela antiga industria que levaba 40 anos parada. Díxenlle que quería botarlle unha ollada ao río, que me parecía que algo ía mal. Animoume a mirar porque -segundo dixo- había días nos que baixaba coa auga sucia. Mal calzado cuns zapatos de domingo, metinme como puiden entre as pedras e apartei uns ramallos para chegar ata a beira. Rompéuseme o corazón cando vin o contraste entre as dúas correntes: a do Ulla viña máis ou menos limpa pero a do Furelos parecía tal como a auga dun sumidoiro, de cor entre marrón e gris.
Anoxado, metinme no medio do río para tirar unhas fotos. Quería que servisen para denunciar un feito que sucede cada pouco e que non ten xeito de arranxarse. Repugnábame estar naquela auga podre, chea de mosquitos e con aparencia industrial (non cheiraba a xurro nin traía escuma).
Despois de 15 minutos, saín con ganas de ir ata a casa e meterme na ducha. Pero antes de que se fixera máis tarde había que dar aviso. Subín polo camiño que vai ata a estrada e marquei o 062. Eran as sete e cuarto da tarde e quedaba pouco día. Unha axente de Lalín colleu a chamada e expliqueille o que vira. Díxome que mandaría a alguén -se había dispoñibles-, pero que tamén chamara ao 112 para que deran aviso a Augas de Galicia. Contesteille que agardaría ata que chegase algunha patrulla.
Mentres agardaba na estrada a que viñese a autoridade, un veciño que estaba collendo froita na horta chamou por min. Presenteime e expliqueille o que pasara. Confirmoume o que sospeitaba, que estes episodios se repiten unha e outra vez sen que ninguén faga nada. É máis, dicíame que -moi probablemente-, quen estaba contaminando o río coñecía cando se ausentaban os equipos de vixianza, e aproveitaban a caída do día para “abrir as comportas” para que así ninguén vise o que estaba pasando.
Mantivemos a conversa durante media hora. Ao final díxome que era mellor que marchara, que non ía vir ninguén. Non lle fixen caso e tiven paciencia. Din uns paseos e matei o tempo mirando o teléfono. A cousa xa ía para unha hora e decidín chamar de novo á Garda Civil. Desta volta respondéronme dende Pontevedra. Expliqueille que levaba un bo anaco agardando... e xusto cando lle ía preguntar se sucedera algunha continxencia, vexo que se achega un coche patrulla coas luces azuis. Dinlle as grazas e colguei despois de comentarlle isto.
Moi amablemente se presentaron dous axentes da Policía Autonómica con competencias en medio ambiente. Viñan dende Santiago (a 60 km) porque eran os que estaban máis preto. Acompañeinos ata onde se xuntan os ríos e viron o estado calamitoso do Furelos en comparación co Ulla. Despois, acompañeinos para tratar de localizar o punto de vertedura río arriba. Paramos en Chorén, en Sanpaio e chegamos ata un viaduto da autovía Lugo-Santiago que xusto pasa por riba do Furelos pero xa non había luz suficiente. Houbo que desistir.
De volta na Pontenova, despedinme dos axentes e agradecinlles o seu traballo. Collín o meu coche e marchei cara Artoño. Nese intre chegaba outro coche, probablemente era un técnico que viña tomar mostras. Oxalá dean cos maleantes aínda que o dubido.
Conto esta historia para darlle visibilidade a un enorme problema que temos neste país: hai merdáns que non respectan a natureza porque o seu obxectivo é gañar cartos a costa do que sexa. Tamén hai algúns políticos neglixentes que non poñen medios -incluso os quitan-, para que isto non pase. Pregúntolles, como é posible que reduzan o número de axentes destinados a velar polo medio ambiente? Como é posible que só estea dispoñible unha patrulla para unha extensión de media provincia? Como é posible que unha vila como Melide non dispoña dunha depuradora en condicións? Por que non se poñen sensores no río para detectar o grao de contaminación que trae?
A veces penso mal. Penso que non poñen medidas de vixianza e control porque non interesa atopar culpables de gran calibre. Poida que ata sexan amigos... Lembro o episodio de 2018 no que a empresa láctea Dairylac (actualmente Galacteum), verteu ao regato de Piñor -no medio do LIC Serra do Careón- miles de litros de refugallos lácteos que destruíron a vida naquel regato e mataron centos de troitas (tal vez milleiros), no río Furelos. Esta empresa estaba participada pola Xunta de Galicia nun 25%. Ou sexa, quen estaba contaminando era a mesma entidade que debía salvagardar a integridade dos acuíferos. A cousa chegou aos xulgados pero non sei se houbo sanción ou non. Polo menos, agora a empresa conta cunha depuradora. Din as malas linguas que algúns dos residuos que daquela xeraba esta empresa e que ninguén quería xestionar foron soterrados nos montes de Sobrado, pola porta de atrás. Saberá algo Ánxeles Vázquez disto? Daquela xa era conselleira. Seguro que coñece o mal estado do Furelos e as súas incidencias porque é de Melide.
Unha pregunta máis: se a Consellería de Medio Ambiente non é capaz de vixiar e corrixir o estado de contaminación do Furelos, como será capaz de garantir que unha empresa coma Altri non acabe estragando por completo o Ulla?
O encoro de Portodemouros está eutrofizado e moitos bótanlle a culpa ás granxas e ao xurro. Seguramente que na comarca algún granxeiro sen escrúpulos hai... Pero tamén temos un río que vén cargadiño de metralla urbana e industrial que ninguén vixía. Por que non se arranxa este problema? Se Altri contaminase por riba dos límites legais, alguén tomaría cartas no asunto e pararíalle os pés á celulosa? Como unha Consellería de Medio Ambiente pode presumir de que unha fábrica teórica non vai contaminar cando as que hai reais contaminan con impunidade?
Persoalmente estou farto de ver neglixencia, hipocrisía, egoísmo, comportamentos mafiosos e falla de escrúpulos nalgúns políticos e empresarios de conciencia achicada. Xa non camiñan co pobo, póñense enriba del, coma en tempos ocorrera co despotismo ilustrado: “(case) todo para o pobo, pero sen o pobo”.
Esta clase política -aburquesada e ultracapitalista-, esqueceu o enorme valor das pequenas cousas que nos fan humanos, aquelas que harmonizan e fan sostible a civilización co mundo natural. Xa non conectan coa Vida. O Furelos está contaminado pola súa corrupción e podremia de espírito.
Ai, se o Furelos falara!
|