.....::    fonte.es     2018-04-16
 




Toponimia de Agolada


Agolada é un pequeno concello da provincia de Pontevedra que está cheo de encanto. Quizais por isto foi que a Real Academia decidiu sacar un libro sobre Agolada. Trata sobre toponimia. Nel podemos atopar unha explicación dos nomes das aldeas, dos lugares máis salientables, dos recunchos que xa non lembramos por que se chaman así. Fai moitos séculos alguén denominou ó seu entorno dun xeito singular para diferencialo doutros lugares. Pero, co paso do tempo, a xente alterou os nomes perdéndose a memoria do significado.

mapa de Agolada

A obra é un traballo da académica correspondente Luz Méndez que profunda nas orixes dos nomes das 24 parroquias e de 163 lugares de particular interese.


Este libro dixital é ofrecido de balde dende a páxina:  academia.gal/documents/Toponimia+de+Agolada.pdf


Con esta edición, a Real Academia Galega inicia unha colección para catalogar os principais topónimos da nosa terra. Antón Santamarina, presidente do Seminario de Onomástica e membro da RAG, é o responsable deste proxecto, que ten os alicerces asentados na obra "Atlas Lingüístico Galego" (1987-2003).


Antón Santamarina recorda no prólogo do libro o inmenso traballo de catalogación toponímica de D. Nicandro Ares Vázquez, sacerdote e filólogo lucense. Para quen non o saiba, este humilde crego foi membro correspondente da Real Academia Galega desde abril de 2006. A RAG publicou en 2013, co título de Estudos de toponimia galega, dous volumes que recompilan un total de 178 artigos publicados por el entre 1964 e 2011.


Lembro algún día, sendo alumno de D. Nicandro, en que aquel home chegaba á clase con poucas ganas de explicar filosofía. Botaba a man á fronte dunha forma moi peculiar, agachaba algo cabeza e pechaba os ollos, como concentrándose, para indicarnos un por un as orixes etimolóxicas dos nosos apelidos. Outro día facía o mesmo coa parroquia ou co pobo de onde eramos. Pero de D. Nicandro, sobre todo, aprendiamos humildade.


E que Agolada conserva os nomes de lugar máis raros de Galicia. Moitos son prerromanos e polo tanto únicos; outros mudaron caprichosamente e a súa orixe quedou tan oculta que resulta complicadísima de atopar. Agolada posúe unha das meirandes concentracións de petroglifos de toda Europa (xunto con concellos da comarca de Pontevedra como Campolameiro, Ponte Caldelas, etcétera).

 

petroglifos do Farelo



Tamén posúe moitas igrexas románicas moi ben conservadas como a de Ventosa, que reúne unha iconografía en pedra de espectacular riqueza.

 

igrexa románica de Ventosa



Agolada está rodeada de ríos. Polo norte discorre o río Ulla que vai marcando o límite coas provincias de Lugo e A Coruña. Nel desemboca o Arnego e algúns regatos máis coma o Lentisco. Mirade os topónimos dalgúns lugares que cruza este río: Cristín, A Guillerma, Buxel, Artoño, Traspenas, Baíña, Brandariz... Son ríos troiteiros e con moitos lugares axeitados para as merendas de verán, as festas, o baño e os deportes acuáticos.

 

fervenzas do Ulla


O pazo de Borraxeiros é o edificio antigo máis significativo da comarca. Curiosamente está a só douscentos metros do centro cartográfico de Galicia. Ten unha historia moi peculiar, que vou resumir en poucas liñas.

O lugar onde se levanta denomínase A Torre, xa que alí houbo unha edificación defensiva que foi derrubada en 1467 na gran guerra irmandiña. A fortaleza era dos condes de Monterrei. Estas ruínas serviron como asento doutro edificio de aspecto feudal que foi modificado ata chegar ao estilo de casa señorial que se conserva na actualidade.

En 1581 Antonio Salgado Gundín, sacerdote e prestixioso militar da Orde de Santiago, mercou as ruínas da torre e as terras correspondentes ao rei Felipe II, chegando a ser o señor de Borraxeiros.  Foi soterrado no presbiterio da igrexa parroquial, de estilo románico da segunda metade do século XII, onde existe unha estatua orante conmemorativa do século XVII.

 

pazo de Borraxeiros



Os señores de Borraxeiros participaron en numerosos actos bélicos, culminando a súa carreira militar despois de varias xeracións coa consecución dun título nobiliario, o condado de Borraxeiros, sendo o primeiro titular Joaquín Salgado Enríquez (en 1761, durante o reinado de Calos III).



Xa no século XX, o título pasa das mans da familia Fociños de Valenzuela aos da familia melidá Taboada Roca, máis non as posesións nin o pazo. Co título venderon o castelo de Pambre.



Antonio Taboada Roca era o infuente boticario de Melide que lle mercou en 1956 o título aos descendentes lexítimos (tal vez arruinados) da familia Fociños. Cómpre salientar que este farmacéutico foi un célebre antropólogo e xenealoxista, membro correspondente da RAG e autor da obra "Terra de Melide". Non menos célebre foi o seu irmán Manuel, Doutor en Dereito pola Universidade Central de Madrid (1926), e maxistrado do Tribunal Supremo do Corpo de Maxistrados de Traballo. Dirixiu a revista Foro Gallego (1950-1960) e realizou estudos biográficos, xenealóxicos e históricos. Foi académico da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación e da Real Academia Española de Jurisprudencia y Legislación. Esta familia tamén posuía o Castelo de Pambre, a fortaleza medieval que sobrevivíu á guerra irmandiña e xoia arquitectónica de Galicia.



Está claro que aos Taboada Roca lles facían falta títulos nobiliarios... Mais, a falta dun, mercaron dous: o de conde de Borraxeiros e o de marqués de Montesacro. Ademáis fixéronse co castelo de Pambre,



Manuel Taboada Fernández, fillo de Manuel, herdou o título de conde de Borraxeiros e foi dono do castelo de Pambre desde o 11 de setembro de 1974 ata a súa morte. Cedeu o castelo á orde dos "Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres" de Vigo, por habelo coidado caritativamente na súa vellez. Pouco despois do pasamento do conde estes relixiosos venderon á Xunta de Galicia o castelo de Pambre por tres millóns de euros.


Para recrearse nos fermosos lugares que ofrece Agolada -e coñecer aínda máis historias- cómpre visitar estas terriñas. Unha das historias que merece a pena coñecer é a de Abelardo de Berredo, pero hai moitas máis.


Por certo, que en Internet aparece moitas veces o topónimo Borrajeiros en lugar de Borraxeiros. Son tan necesarios, precisamente por iso, os estudos que está a realizar a RAG.


Neste enlace pódese consultar a xenealoxía dos condes de Borraxeiros e as súas peculiaridades.


Este enlace vai dar á páxina web do concello de Agolada.

pendellos de Agolada